# Hashtag

Brian Castro, CD Barco: «O traballo e o esforzo valeu a pena por días como o domingo»

O Centro de Deportes Barco é novo equipo de Terceira RFEF. A vitoria por 0-1 en Matamá certificou o título e o ascenso do cadro valdeorrés, que foi o conxunto máis regular do grupo 2 da Preferente. Dous anos despois do descenso desde Terceira RFEF, os pupilos de Lino Estévez volven á categoría e Calabagueiros gozará de novo dun fútbol de máis nivel.

No Penedo do Moo foi Brian Castro o que desatascou un partido que parecía ter trampa para o Barco. Un tanto do extremo valdeorrés, a falta de dez minutos para o final, acabou por decidir o encontro e deulle o segundo ascenso consecutivo ao noso protagonista, que o ano pasado logrouno co Noia. Hoxe, días despois da celebración, o atacante pasa pola nosa web para falar duna emocionante e bonita tempada.

Futbolingalicia: O CD Barco acabou ascendendo este domingo cun derradeiro triunfo en Matamá. Que valoración fas da tempada?



Brian Castro: «A tempada foi incrible. Despois dunha dura loita durante toda a tempada, conseguimos o ascenso a Terceira. Estou moi orgulloso de todo o equipo e da forma na que traballamos xuntos para lograr os obxectivos».

FIG: O equipo venceu por 0-1 e ti fuches o autor do tanto, só cinco minutos despois de entrar ao campo. Que significa para ti marcar o gol definitivo do ascenso?

BC: «Marcar o gol que nos deu o ascenso é un momento que nunca esquecerei. Foi unha sensación incrible e moi emotiva. Estou moi contento de poder contribuír desta maneira».



FIG: De quen te acordaches no momento do gol?

BC: «No momento do gol pensei na miña familia e en todos os que me apoiaron durante toda a tempada. Tamén pensei nos meus compañeiros e en todo o esforzo que fixemos xuntos».

FIG: ⁠No tramo final non gozaches de moita continuidade pero acabas metendo o gol do ascenso. Cres que o destino tiña gardado para ti este bonito final de liga?



BC: «Non sei se foi o destino, pero creo que todo o traballo e o esforzo valeu a pena só por vivir días e momentos tan emotivos como os do domingo».

FIG: Nestes momentos hai que preguntar tamén polas celebracións. Que tal foi o post partido?

BC: «O post partido foi incrible e estivo á altura do que nos mereciamos.Celebramos con todo o equipo e a afección. Foi un momento de moita alegría e emoción. Gozamos moito dese momento e lembrarémolo durante moito tempo».

FIG: O ano pasado lograches o ascenso co Noia pero coido que o deste ano é máis especial por ser co equipo da túa vila. Que diferenzas atopas entre estes dous éxitos e entre o nivel dos grupos norte e sur?

BC: «Calquera ascenso é único e un momento que nunca se esquecerá, pero este ten un significado adicional. En canto ao nivel dos grupos, creo que os dous son bastante competitivos e que calquera equipo pódeche complicar as cousas».



FIG: ⁠⁠Foi unha dura loita con Céltiga, Beluso, Atios e Cambados. Como os ves de cara a fase de ascenso?

BC: «Todos os equipos que loitaron connosco polo ascenso son moi fortes e competitivos. Son equipos que nos deron moita guerra durante a tempada e creo que seguirán sendo rivais difíciles na fase de ascenso».

FIG: ⁠A nivel individual como te sentiches ao longo de toda a tempada?

BC: «A tempada tivo os seus altibaixos para min. Aínda que houbo momentos difíciles, sempre crin no equipo e nas nosas posibilidades. Ao final, culminouse da mellor maneira posible e quédome con iso».

FIG: Sería o teu regreso a Terceira RFEF logo da túa tempada debut co Arzúa. Seguirás o ano que vén en Calabagueiros?

BC: «Agora é momento de gozar o conseguido. Volver a Terceira é un reto interesante e moi bonito. Non sabemos en que punto está a liga despois de dúas tempadas, pero sabemos que hai moi bos equipos e que vai ser moi competitiva e dura á vez». 

FIG: ⁠Indo a túa traxectoria destaca o longo paso polas categorías inferiores do Lugo. Como recordas esa etapa?

BC: «A etapa nas categorías inferiores do Lugo foi moi importante para min. Aprendín moito e crecín como xogador e como persoa. Teño moi bos recordos desa etapa e estou agradecido a todos os que me apoiaron e axudaron a crecer».

Fotografía: José Paz (La Región)

Brian Castro, CD Barco: «O traballo e o esforzo valeu a pena por días como o domingo»

Os Diferenciais da última xornada da Primera

Brian Castro, CD Barco: «O traballo e o esforzo valeu a pena por días como o domingo»

Catro equipos xa teñen o pasaporte rumbo

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *