# Hashtag

Gorka Davila, Juvenil de Ponteareas: «Sabemos que imos sufrir en Arteixo e que non hai nada decidido»

O Juvenil de Ponteareas deu o primeiro paso cara á final da fase de ascenso tras superar por 2-0 ao Sporting Meicende nun encontro máis sufrido do que reflicte o marcador. O conxunto ponteareán chega con vantaxe á volta en Arteixo, aínda que no vestiario teñen claro que a eliminatoria está lonxe de estar decidida.

Un dos nomes propios do encontro foi Gorka Davila. O dianteiro, autor de 18 goles nesta tempada, analiza a reacción do equipo tras quedar ás portas do ascenso directo, destaca o gran ambiente dun vestiario moi novo e confía en seguir ampliando os seus rexistros goleadores para devolver ao club á Preferente.

Futbolingalicia: O Juvenil de Ponteareas comezou con bo pé as semifinais da fase de ascenso cun triunfo por 2-0 ante o Sporting Meicende. Que valoración fas do partido?



Gorka Davila: «En canto ao resultado, estamos moi contentos. Ao final levamos unha vantaxe de dous goles que sempre axuda, pero estamos convencidos de que imos sufrir e de que non hai nada decidido. Ademais, as sensacións non son do todo boas, xa que eles tiveron gran parte das ocasións do partido e domináronnos sobre todo na primeira metade».

FIG: Que partido esperas na volta en Arteixo?

GD: «Espero un partido moi físico e con moitos duelos. Ao final eles son un equipo que colga moitos balóns á área, tanto nos saques de banda como na maioría das faltas. Nós debemos facernos fortes no balón parado e, a partir de aí, levar o partido por onde queremos e evitar entrar no seu xogo».



FIG: Como viviu o equipo o pau de perder o ascenso na última xornada?

GD: «Foi un golpe duro para todos porque chegabamos moi ilusionados a esa última xornada e tíñámolo todo nas nosas mans. Ademais, empezamos o partido gañando e xogando moi ben, pero a raíz do gol eles empezaron a dominarnos e acabaron sendo moi superiores. Pero o equipo segue moi motivado e temos moitas ganas de gañar este domingo e pasar á seguinte eliminatoria».

FIG: Como vos recuperastes diso tras ir en cabeza durante esas xornadas?



GD: «Ao final, o noso obxectivo sempre foi entrar no play-off de ascenso, xa que o Matamá tivo durante moito tempo unha gran vantaxe de puntos respecto ao resto e víamolo moi complicado. Si que é certo que nos últimos dous meses empezamos a recortarlle bastantes puntos e foi faltando dúas xornadas cando nos puxemos líderes e comezamos a confiar no ascenso directo».

FIG: Cales son as claves de estar facendo un bo ano tras o descenso desde Preferente?

GD: «Eu penso que as claves están sendo o bo ambiente que hai no vestiario. Ao final somos a maioría xente moi nova que xa nos coñeciamos de antes, porque varios somos de aquí de Ponteareas. Ademais, a pesar de ser unha plantilla bastante curta, non tivemos moitas lesións, algo que nos beneficiou bastante. E, por último, creo que o traballo de todos os xogadores, adestradores e directiva fixo posible que esteamos a un pasiño de volver a Preferente».

FIG: No encontro do domingo volves meter gol e xa sumas 18. Como definirías o teu ano?

GD: «A verdade é que está sendo un gran ano tanto a nivel individual como colectivo, igualando case a cifra de goles da tempada pasada. Si que é certo que este ano en máis partidos, pero temos a Candi, que xa mete os goles polo resto».



FIG: Estás a un só gol de igualar os tantos da campaña pasada co Progresista. Confías en logralo?

GD: «Si, confío en logralo e é algo que me motiva bastante. Ademais, iso tamén axudaría ao equipo a conseguir o obxectivo, que é o máis importante». 



FIG: En caso de pasar á final xogaredes ante Calo ou Monterroso. Que sabedes deses rivais?

GD: «Por agora tampouco temos moita información porque o primeiro é pasar contra o Meicende. O único que sabemos é que o Calo é bastante forte na casa, xa que teñen un campo moi pequeno. Pero está claro que, se pasamos, o rival que toque vai ser moi complicado seguro».

FIG: Como recordas o ano pasado no Progresista?

GD: «O ano pasado foi para min un dos máis importantes, xa que despois dun ano no que apenas tivera minutos volvín xogar e, sobre todo, volver desfrutar do fútbol. Foi un ano incrible no que me coidaron moi ben e no que fun moi feliz».

FIG: E as túas primeiras etapas como sénior en Mondariz e Xuvenil de Ponteareas B?

GD: «A nivel deportivo non foron tan boas, xa que en ambos equipos descendemos e iso sempre é duro. A nivel persoal, o ano no Xuvenil tampouco foi o mellor porque apenas tiven minutos en Preferente. En cambio, no Mondariz fun moi feliz e gardo moi bos recordos daquela etapa».