Ninguén o desexou, pero chegou o final. A Primeira Futgal asinou nesta xornada, no Día das Letras Galegas, un desenlace que será lembrado durante moitos anos. Malleiras, ascensos, salvacións agónicas… Moitos afeccionados derramaron bágoas, ben sexa de ledicia ou de tristura, neste último baile da temporada. Unha danza onde os Diferenciais brillaron coma sempre, despedindo coa súa maxia este magnífico curso futbolístico.
Un final contundente
Cando falamos das últimas datas de competición, vennos a mente un marcador apertado, mais este non foi o caso dos seguintes partidos do grupo herculino.
A ledicia espallouse entre o plantel do Sporting Meicende logo de endosarlle un set en branco ao As Pontes (0-6). Así e todo, os albivermellos tardaron media hora en facer o primeiro tanto da tarde, ao que seguiu outro pouco antes do tempo de lecer. Tras a volta dos vestiarios, o cadro de Joaquín Breijo veuse abaixo e non puido conter o torrente ofensivo do seu rival. Boa parte de culpa tivo Bruno Barbeito, quen selou a vitoria dos seus cun estupendo hat-trick.
A quilómetros de alí, o Sporting Coruñés celebrou a súa permanencia na categoría ao vencer por tres goles a seis ao Torre. Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando os branquiazuis converteron a súa primeira oportunidade. Iso si, a alegría foi efémera e non puideron evitar a igualada do seu rival malia que, pouco despois, Pichu volveu poñelos por diante. O atacante madrileño liderou aos de Marcos Souto na zona de ataque, sentenciando ao Torre cun segundo gol.
Galicia de Mugardos e Olímpico presentáronse na Pedreira dispostos a loitar por un terceiro posto que finalmente se levou o equipo de Ferrolterra. Rafa non tardou nin un minuto en abrir a lata, encarrilando as cousas para os xogadores locais. A súa diana deulle ás ao combinado verde, cuxa maquinaria comezou a funcionar co paso dos minutos. O 2-0 non tardou en chegar e, non contentos con iso, seguiron a bombardear a porta dos de Rutis ata acabar coas súas esperanzas.
E aguantaron o pulso
O grupo 2 estivo marcado pola igualdade nos primeiros postos, onde chegou a haber ata seis equipos dispostos a loitar polo ascenso directo. Ao final, só quedaron dous nesta 34ª xornada, na que se resolveu todo a prol do…

Arzúa! O ‘Queixo Mecánico’ conquistou o título de liga ao superar por un axustado 2 a 3 ao Praíña. Aos xogadores de Pontevea bastáronlles cinco minutos para tomar vantaxe e meterlle o medo no corpo aos visitantes. Lonxe de renderse, os arzuáns mantiveron o tipo e igualaron a contenda nunha pena máxima transformada por Ivalotelli. O atacante non se conformou cunha única anotación e sumou outra para darlle os tres puntos e o campionato a un Arzúa que xa é equipo de Preferente Futgal.

Ademais deles e do Club do Mar, segundo clasificado, o Calo tamén se mantivo no grupo de arriba e agora xogará o play off tras empatar a un gol co Muxía e asegurar o terceiro posto. Os dous equipos protagonizaron un duelo marcado polas continuas idas e vidas durante os primeiros compases de xogo. Ante tal panorama, tivo que chegar Brais Burés para desatascar as cousas e tomar a iniciativa para os teenses. No reinicio, os de Pataca saíron enchufadísimos ao terreo de xogo e puideron reequilibrar a balanza. Pero o Calo non se deixou amedrentar pola reacción rival e soubo manter a tranquilidade para asegurar o punto e os play off de ascenso.
A pesar do descenso, o Fisterra gañoulle ao Racing San Lorenzo e despediuse da Primeira Futgal con bo sabor de boca (2-0). O gran inicio da escuadra de Ara Solís permitiulle controlar o duelo desde os primeiros minutos. Dani inaugurou o electrónico para os costeiros, que aumentaron a diferenzas só uns instantes despois. Con ese +3, o Fisterra puxo fin a unha xeira de un mes e medio sen coñecer o triunfo.

As dinámicas son importantes
Nas terras amuralladas quedou probada a importancia de chegar nun bo momento ao último treito da temporada. Só hai que ver como se desenvolveron estas entidades no momento de maior presión:
O enfrontamento pola terceira praza entre Ribadeo e Residencia caeu do lado dos mariñáns, que golearon por 4 a 1 aos capitalinos. Se o do Sevilla viu porta a fin de semana pasada, desta vez foi a quenda do irmán maior dos Castrín, Pablo. Seu foi o primeiro tanto da tarde, celebrado amplamente pola bancada do Pepe Barrera. Unha vez por diante, os celestes non deixaron de pisar o acelerador e desfixéronse dos seus contrincantes sen moita dificultade.
Tamén houbo tensión a esgalla na Medela, onde o Taboada derrotou por dous goles a un ao Xove Lago nun choque a vida ou morte. Se ben a primeira metade foi máis gris e trabada, o guión da segunda manga non puido ser máis diferente. Ambos conxuntos contaron cunha oportunidade desde o punto fatídico e ningún a errou. Todo facía apuntar ás táboas, pero foi entón cando Moski apareceu en escena para poñer terra de por medio e darlle aos branquiazuis o premio da salvación.
Como quen lanza unha moeda ao aire. Así pode definirse o Lourenzá – Castro, resolto cun marcador axustadísimo a prol dos fabeiros (3-2). Decididos a permanecer na Primeira Futgal, os pupilos de Rubén Acebedo saíron co coitelo entre os dentes e, en cuestión de media hora, anotaron tres goles, dous deles obra de Paulo. Cando os chairegos quixeron reaccionar, xa era demasiado tarde e, malia reducir a distancia, non puideron voltear a situación. Unha auténtica xerra de auga fría para o Castro, que non foi capaz de manter a categoría.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.













































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































