A Primeira Futgal deu pé a historias emotivas e desde FutbolinGalicia queremos debullar algunhas un pouco máis. Houbo grandes fazañas, pero ningunha como proclamarse campións de liga e lograr o tan ansiado ascenso a Preferente. Ao longo destas semanas, repasaremos convosco o curso futbolístico daqueles equipos que se alzaron co título en cada un dos grupos da categoría: os planteis máis Diferenciais.
Á segunda foi a vencida
Logo de pasar dous anos de travesía na Primeira Futgal, o CD Ribadumia regresa por fin á Preferente. Iso si, non lle foi unha tarefa doada xa que debeu derrotar polo camiño a grandes rivais como o Unión, o Cordeiro e, moi especialmente, o Marín. O elevado nivel de competición no grupo 5 esixiulles aos xogadores de amarelo e negro dar o mellor de si, sumando un total de 87 puntos durante todo o ano.
Santa Baia e a Senra volveran vestir as súas mellores galas para recibir aos mellores conxuntos de Ourense e Pontevedra, tal e como fixeron nos últimos anos. Pero, cal foi a chave do éxito? Un ascenso non se xesta da noite a mañá, por iso cómpre debullar as razóns que levaron ao Ribadumia a recuperar a categoría tan só dous anos despois.
Solidez e pólvora
Para botar a andar un proxecto futbolístico débese cimentar ben as súas bases, incorporando futbolistas diferenciais en todas as liñas. Dito e feito. Os do Salnés movéronse con rapidez no mercado e arrebatáronlle varias pezas importantes ao seu máximo rival, o Umia. Así foi como asinaron a Roi e a Fernando Santaló para manter a raia a súa portería, a Sidibé para reforzar a súa medular e a Eloy para furar as redes rivais. Todos eles contribuíran de maneira significativa ao ascenso da escuadra de Barrantes, polo que a directiva veciña confiaba neles para repetir a fazaña.
A súa aposta non quedou aí e confiaron a dirección do equipo a un home da casa: Fran Blanco, un home de Marín disposto a enfrontarse polo campionato co equipo da súa vila. Baixo o seu mando, o xuvenil do Ribadumia acadara a cuarta posición na Preferente Futgal e isto non resultou desapercibido para o club, que o escolleu como capitán do barco. A cousa non puido ir mellor e os resultados avalábano: trece vitorias e dous empates nas quince primeiras xornadas.
Pero todas as boas xeiras teñen o seu fin, e esta non ía ser menos. O Marín -quen se non?- actuou como o seu verdugo e derrotounos por un contundente 3 a 0. A pesar de quedaren tocados, os xogadores do Ribadumia non baixaron os brazos e recuperaron o seu bo xogo nos seguintes compromisos, demostrando que facía falta algo máis para tombalos…

Os faros da Senra
Todos os clubs teñen o seu líder mais, na Senra, os seareiros amarelos e negros corean dous nomes por igual. Por un lado, Cheri, quen dirixe aos seus compañeiros desde o mediocampo. 9 anos despois, segue a ofrecer o seu esforzo e talento ao equipo que o viu medrar como futbolista e converterse nun dos xogadores máis recoñecibles na zona das Rías Baixas. Como o bo viño, o mediocampista de Vilagarcía mellora co paso do tempo e proba diso o curso pasado, no cal rexistrou as súas mellores cifras anotadoras con dez dianas.
Porén, o ‘pichichi’ da entidade do Salnés foi Cristian, o outro ‘faro’ do Ribadumia. Procedente do Chispa, co que chegou a anotar 72 goles, o atacante regresou á Senra para demostrar todo o seu arsenal ofensivo. E vaia se o fixo! Viu porta ata en 31 ocasións, algunhas delas de gran importancia para os intereses dos seus. Sen ir máis lonxe, foi el quen tombou ao Marín no partido de volta. Aquel partido correspondente á penúltima xornada de liga saldouse cun 2-1 favorable aos intereses do Ribadumia.
Un resultado que lle permitiu superar ao seu rival na clasificación e facerse coa primeira praza a falta dun encontro por desputarse. Non desaproveitaron a oportunidade e derrotaron por cero goles a tres ao Agolada, certificando o título e o regreso á Preferente Futgal.


Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































