# Hashtag

José Batallón, CJ Cambados: «Creo que a vila merece un equipo en Terceira RFEF»

Logo de meterse nas últimas xornadas na fase de ascenso como quinto clasificado, o Club Juventud Cambados logrou a gran sorpresa das semifinais do ascenso a Terceira RFEF ao eliminar ao Negreira. O conxunto dirixido por Pénjamo venceu no partido de ida por 2-0 en Burgáns e rematou a faena gañando por 0-1 no García Calvo. Agora, ao cadro amarelo só lle queda a eliminatoria final fronte o Beluso para acadar o salto de categoría.

Un dos aspectos máis destacados do equipo nesta eliminatoria foi a solidez defensiva, posto que o Cambados logrou que un equipo tan bo a nivel ofensivo como o Negreira non rachase a portería de Roberto Pazos en ningún dos dous partidos. Hoxe falamos cun dos principais líderes desa defensa, José Batallón, que leva sete anos no club e que está a vivir os seus últimos partidos como amarelo por motivos laborais.

Futbolingalicia: O Cambados protagonizou a gran sorpresa das semifinais da fase de ascenso a Terceira RFEF ao eliminar ao Negreira, segundo clasificado do grupo norte. Como valoras a eliminatoria?



José Batallón: «Claramente non eramos os favoritos porque xogabamos contra o segundo clasificado da liga norte, pero creo que iso nos beneficiou. Somos un equipo que compite mellor contra os equipos de arriba que contra os de abaixo, porque cando somos conscientes de que temos que estar concentrados e facer partidos serios, é cando mellor xogamos. Iso foi o que pasou nesta eliminatoria, tanto no partido de ida como no de volta. Comezamos os dous partidos moi concentrados desde o primeiro minuto, sabendo defender, atacar e aproveitar os espazos, sobre todo en Burgáns, que é un campo longo. Traballamos moi ben a idea de romper aos espazos, correr e sacar centros, ademais de que atrás soubemos manternos ante un equipo moi bo. Fran e eu fomos capaces de defender a un gran dianteiro como Gonzalo e, en xeral, todos defendemos como animais».

FIG: Logo dun gran triunfo en Burgáns, o equipo soubo defender a vantaxe e tamén gañou en Negreira nun campo que presentaba un aspecto espectacular. Como foi ese segundo partido?

JB: «O partido de volta foi espectacular. Eles levaron tamén moita afección, pero os siareiros do Cambados volcáronse e tiñamos unha bancada chea de persoas animando. Aguantamos moi ben durante todo o partido e soubemos controlar os difíciles balóns que eles colgaban á nosa zona. Tiveron un par de tiros pero a maioría ían centrados e Pazos estivo perfecto. Sabiamos que iamos ter algunha e na primeira parte xa tivemos dúas ocasións moi claras. Na segunda metade aproveitamos a ocasión do gol e, a partir de poñer o 0-3 na eliminatoria, fomos capaces de defender a vantaxe e logramos manter a portería a cero. Non puido saír mellor o partido».



FIG: Deixastes a portería a cero en dous partidos fronte a un club que levaba 65 goles esta tempada. Que significa isto para a parcela defensiva do Cambados?

JB: «O das porterías a cero é curioso porque viñamos de anos onde sempre falabamos de manter a portería a cero e non eramos capaces. Era raro o partido onde o lograbamos, pero este ano estamos conseguíndoo. Iso sumado a outras moitas cousas estanos a permitir facer a tempada que estamos a facer e chegar ao quinto posto. En bastantes partidos fomos capaces de gañar 0-1 ou 1-0, ao Bordalás, e creo que é mérito de todo o equipo. Desde o dianteiro que presiona ata Pazos, que fixo un ano incrible e hai que romperlle a cabeza para que non se retire, polo que creo que esta solidez axudounos moito este ano».

FIG: Agora quédavos só unha eliminatoria perante o Beluso para conseguir ese ansiado ascenso. Que esperas desta final?



JB: «Creo que vai ser outra eliminatoria na que, se queremos conseguilo, imos ter que estar ao 100% desde o minuto 1 ata o 90 e non parar de competir en ningún momento de cada partido. Temos que adestrar ao 100% durante os seis adestramentos que nos quedan. O Beluso é un moi bo equipo. Na ida gañáronnos pero na volta gañamos nós. É un equipo que xoga moi ben ao fútbol e vai ser unha eliminatoria moi competida».

FIG: Na liga gañastes o partido de Bueu, pero perdestes na casa na xornada inaugural. Como influirá isto na eliminatoria?

JB: «Cada equipo gañou un partido, pero xa nos coñeciamos de antes. Na eliminatoria vaise ver a dous equipos moi traballados para competir un contra o outro. Eles fixeron un bo ano e quedaron por enriba nosa, polo que son os favoritos, pero a ver se salta a sorpresa».

FIG: Que significaría un ascenso a Terceira para o Cambados?

JB: «Un ascenso sería unha cousa de tolos, unha cousa incrible. Non sei cantos anos leva o Cambados sen estar en Terceira, creo que lin nun xornal que eran vinte e pico anos. Xa desde o ano pasado, a bancada e a directiva volcáronse co equipo e en Burgáns están metendo moita xente, especialmente cos rapaces da canteira. Levan o bombo e anímannos. Creo que unha vila como Cambados ben merece un equipo en Terceira. Economicamente somos un club humilde pero a Terceira galega actual ten equipos humildes e creo que non sería raro que o Cambados estea na categoría. Ogallá se dea pero non quero pensar en fantasías. Prefiro esperar ao domingo de dentro de dúas semanas, pero ogallá pase. Cambados meréceo e nós tamén. Somos un equipo que non vivimos experiencias así nin de preto, a excepción de algún xogador máis veterano, así que pode ser algo moi bonito».



FIG: A outra final tamén a xogarán dous equipos do grupo sur. Cres que isto fai máis meritoria aínda a tempada regular do equipo?

JB: «É curioso, a verdade. Non sei como será a liga regular do norte pero a competitividade da sur está polas nubes. Ben podes gañar un partido contra un equipo de arriba pero ben pode vir un equipo do descenso como o Matamá, que xoga moi ben, e che complica moito as cousas. Son partidos que non se deciden ata que o árbitro pita o final. Poucos partidos nosos estiveron feitos nos minutos 60 ou 70, ao mellor dous ou así. A verdade é que os catro equipos que estamos aí temos moito mérito».

FIG: Durante este ano, a afección do club deu un paso adiante e fíxose moi notoria. Que importancia cres que tivo isto no rendemento do equipo?

JB: «Nese aspecto, a directiva moveuse moi ben, xa desde o ano pasado. Animan a toda a xente da base a traer máis xente e tamén veñen moitas persoas da vila da nosa idade a ver os partidos. A verdade é que moi ben. O ano pasado xa houbo partido con Burgáns cheo e este ano, aproveitando a boa dinámica do club, está sendo incrible e axuda moito. No campo estás concentrado e non escoitas moito pero si que axuda, sobre todo neses momentos onde necesitas remontar e a bancada vólcase co equipo».

FIG: É a túa sétima tempada no Cambados, case toda a túa traxectoria como sénior a excepción do teu ano debut no Arosa. Que significado ten para ti este club?

JB: «Fiquei moi ben en Cambados. Eu viña do Arosa, o club da miña cidade que tamén é moi familiar e onde me trataron moi ben, pero, cando cheguei a Cambados, notei que me trataban igual que alí en todos os aspectos. Iso fixo moi fácil que seguise ano tras ano. Sempre houbo ofertas de equipos que che fan dubidar un pouquiño pero o Cambados sempre mo puxo moi fácil. Eu estudaba antes en Santiago e poñían todas as facilidades do mundo para vir adestrar e volver a Santiago en coche. É un club onde che fan crer que estás nunha categoría superior co ben que te tratan. É un club humilde, algo que me gusta moito, quédame ao lado da miña Vilagarcía e o campo é espectacular. Está todo de cara. Para min, o Cambados é o mellor equipo da Preferente polas instalacións, a directiva, os compañeiros, os traballadores do club… Non me vexo noutro lado pola comodidade e o gran ambiente que hai». 

FIG: Segundo temos entendido, o ano próximo marchas por estudos a Madrid. Entendo que o teu soño é rematar esta etapa cun ascenso, non?

JB: «Claro, se me movía, ía ser por traballo. Eu rematei o grao de Farmacia fai anos e estaba a traballar nunha farmacia de Vilagarcía. Estaba moi ben e moi contento, pero buscaba algo máis. Encontrei un máster en Madrid e colléronme, polo que me toca ir para alí. Non sei se me tocará volver dentro duns anos, se buscarei equipo en Madrid, ao principio non creo, pero é o que toca. Sempre lle digo a Tavares, o meu compañeiro de toda a vida no equipo, que á xente que me preguntaba sempre lle respondo que non me movería do Cambados. Nin escoitaría ofertas doutro club. Se quedase aquí, ficaría no club ata que me botasen ou se cansasen de min. Para min é o mellor club da zona por todos eses detalles e non dubidaría se saír ou quedar. Obviamente, rematar esta etapa cun ascenso sería algo… Se me xa me dá pena marchar agora mesmo, non me quero imaxinar se o Cambados está en Terceira. Iso xa o saberemos en dúas semanas, non hai présa e que pase o que teña que pasar. Que ascenda o mellor».

Fotografía: Adrián Rodríguez (rnxfoto)

José Batallón, CJ Cambados: «Creo que a vila merece un equipo en Terceira RFEF»

Mapa: O 75% dos concellos galegos tiveron

José Batallón, CJ Cambados: «Creo que a vila merece un equipo en Terceira RFEF»

As copas seguen percorrendo todo o país

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *