En FutbolinGalicia non nos esquecemos de tódolos xogadores, técnicos ou siareiros que pasaron hai anos polas nosas categorías sénior. Sen a súa gran contribución non poderiamos gozar na actualidade dunha gran saúde en categorías tan especiais coma a Preferente Futgal ou a Primeira Futgal. «Os Vintage» é a súa sección. A de todos aqueles que aportaron un gran de area para que o fútbol galego sexa, sen dúbida, do mellorciño do fútbol estatal. Nesta entrega falamos con Roberto González Rodríguez, con moita experiencia no noso fútbol: ex-porteiro, adestrador, preparador de porteiros e cargos directivos. A continuación as verbas dunha persoa máis que autorizada no fútbol da nosa comunidade.
FutbolinGalicia (en adiante FIG): De que equipos formaches parte como xogador, Roberto?
Roberto González Rodríguez (en adiante RGR): «CD Ourense en 2ªA e 2ªB, CD Allariz en Primeira Autonómica, CD Leganés en 3ª División, CDC Moscardó e La Meca de Rivas en Preferente Autonómica, Rivas Ciudad en Segunda Autonómica, CD Loeches en Primeira Autonómica, Santa Ana e Colmenar Viejo en 3ª División, Santiago CF e Sporting Celanova en Preferente, CD Ourense B en 3ª División e UD Barbadás en Preferente.»
FIG: Que recordos gardas da túa etapa no CD Ourense?
RGR: «Os mellores. Foi unha etapa moi bonita a nivel deportivo e de crecemento persoal. Cada vez que vexo o escudo do CD Ourense sinto unha sensación especial polo moito que significou o club para tantas e tantas persoas que formaron parte da súa estrutura. Recordo con agarimo os adestramentos en Salesianos e o esforzo que tiña que facer meu pai para acudir a eles xa que viviamos a 35 minutos de Ourense, en Corvillón, A Merca.»
«Foron moitas tempadas, entre os 4 e os 12 anos que comecei en categoría alevín, na bancada de fondo do campo de O Couto. Meu pai tamén viaxaba fóra para ver ao CD Ourense e moitas veces acompañábao xa de pequeno.»

«Alfonso Vilachá, Mario Guede, Neira, Sueco, Magú, Taja, Escudero, Romero, Chuchi Hidalgo, Joel Castro, Segura e Peluso foron os adestradores que tiven. Seguimos xuntándonos un grupo de ex-xogadores do Ourense B para recordar vellos tempos. É o mellor do deporte e, neste caso, co CD Ourense coma nexo.»

FIG: Contas con varias experiencias como porteiro fóra da comunidade. A que foi debido ese cambio de aires?
RGR: «Nunha pretempada co CD Ourense, en Manzaneda, José Manuel Santisteban, porteiro por aquel tempo e un gran tipo, díxome “chaval estudia” que non vivirás desto. Rematei o Bachillerato e preparei a oposición de Policía Nacional. Os destinos en Madrid e Santiago leváronme a unha peregrinación por moitos equipos. Foi un percorrido que me fixo crecer e que me brindou moitas oportunidades.»
FIG: A túa traxectoria como xogador acabou cunha etapa de 5 anos no Barbadás. Como resumirías esa época?

RGR: «O Barbadás é un club incrible, diseñado a imaxe e semellanza dun José Manuel Fernández que foi parte fundamental do seu crececemento e ao que Pablo Campelo e os seus colaboradores conseguiron potenciar. É unha estrutura humilde na que tódolos directivos aportan o seu tempo e, en ocasións, ata os seus cartos para que os xogadores estean cómodos e aporten o mellor, sen preocuparse polos problemas extradeportivos.»

FIG: Exerciches durante moitos anos como adestrador principal e como preparador de porteiros. Cal é a filosofía de traballo de Roberto neste ámbito?
RGR: «Que os porteiros entendan que o preparador de gardametas está para axudarlles e facerlles mellorar. O Barbadás contou con grandes porteiros en diversas etapas: Pernas, Berto, Diego García, Rui Santos e nos últimos anos con Borja Atanes. Na base, a miña filosofía é a mesma que aplicamos no Campus Sporty, en Allariz. Isto é que os nenos aprendan xogando e que o adestramento específico sexa o seu día preferido da semana.»
FIG: Tampouco che falta experiencia a nivel directiva. Como é o día a día na túa faceta coma directivo do Barbadás?
RGR: «Apoiando e colaborando en todo o que podo, con Pablo Campelo e José Manuel Fernández, nas labores de xestión e na parte económica do día a día. Tamén no deportivo con Santi Gómez, Monchín Salgado e Borja Paz. Xestiono a parcela médica e de fisioterapia dos futbolistas e axudo na misión de potenciar a imaxe do club en diferentes ámbitos.»
FIG: Aprecias algunha diferenza significativa entre o fútbol actual e o de hai 10-20 anos?
RGR: «Si, os xogadores son máis rápidos física e mentalmente. Asimilan axilmente os conceptos mais dispérsanse antes. A chegada da IA está variando certas formas de adestrar, pero no fondo o xogador con talento que se sacrifica, se cuida, ten paciencia e conta cun bo entorno en casa e no seu núcleo de amigos, case sempre ten a súa oportunidade.»

FIG: Que lle pides ao final da tempada?
RGR: «A salvación do Barbadás, do CD Arenteiro, do Ourense CF e do Verín CF, así como o ascenso do CD Barco. Tamén que Ourense conte cun equipo pronto en División de Honor Xuvenil. Ogallá que o Pabellón recupere, o antes posible, o lugar que lle corresponde por traballo de base e estrutura.»
Santi
26th Abr 2025Gracias por tu dedicación con los niños a los que entrenas