# Hashtag
#Terceira RFEF

O mercado da Terceira RFEF baixa o ritmo mentres os equipos perfilan os seus planteles

A Terceira RFEF segue avanzando no mercado mentres queda definida a composición do grupo galego tras a desaparición do filial do Lugo e a incerteza arredor do Arenteiro. O conxunto do Carballiño presentou xa o aval esixido pola Federación para formalizar a súa inscrición, polo que todo apunta a que competirá finalmente na categoría. Deste xeito, o Cambados, que agardaba ocupar esa praza no caso de que o club ourensán non saíse a competir, continuará en Preferente Futgal.

Vaise realentizando o mercado

Moitos dos clubs xa teñen practicamente pechado o seu plantel de cara á pretemporada, polo que o groso do mercado para eles xa está feito. É o caso, por exemplo, do Estradense, que xa comeza a pensar nos primeiros compromisos de preparación. Polo momento ten confirmados os amigables fronte ao Coruxo, o 5 de agosto, e ao Pontevedra, o día 8.

Cartel do primeiro amistoso do Estradense. Foto: Estradense

O Montañeros segue reforzándose coa incorporación de Luis Castro, que chega procedente do Arosa. O Céltiga tamén suma novos efectivos coa fichaxe de Samu Araújo, que vén de xogar no Boiro. Precisamente o conxunto boirense confirmou que o porteiro Lois Romero non continuará no club e reforzou esa posición coa chegada de Álex Vila, procedente do Gondomar. Ademais, incorporou ao atacante Kike Lorenzo, máis coñecido como Peque, que chega desde o Valladares para achegar gol ao equipo na Terceira RFEF.



Outros equipos aínda non teñen o seu proxecto tan avanzado e continúan asentando as bases do plantel para a próxima campaña. É o caso do Gran Peña, que na última semana anunciou tres novas incorporacións, dúas para a defensa e unha para o ataque.

Para a zaga chega Pablo Rodríguez, central que tamén pode actuar como lateral, procedente do Porriño, onde foi unha peza importante a pasada temporada. Xunto a el incorpórase tamén Peku, outro central que chega desde o Valladares para reforzar a parcela defensiva.

Na dianteira, o conxunto vigués incorpora a Tiko, procedente do Cambados, un futbolista que destaca pola súa intensidade e mobilidade.



Pola súa banda, o Alondras anunciou a incorporación de Hugo Rodri, procedente do Coruxo, para reforzar o centro do campo.

Varios regresos

Algúns futbolistas optaron por regresar a equipos nos que xa militaran anteriormente. É o caso de David García, que volve ao Silva, club no que xogou durante as temporadas 2022/2023 e 2023/2024. Tras dúas campañas no Racing Villalbés, o centrocampista regresa ao conxunto coruñés. O Silva tamén confirmou a renovación de Seydi.

Outro dos regresos é o de Diego Cantero ao Portonovo. O futbolista volverá vestir a camiseta do equipo no que xa militou nas temporadas 2018/2019, 2020/2021 e 2021/2022. Despois de catro cursos nos que pasou polo Racing Castelos, Moaña e Gran Peña —club no que xogou as dúas últimas campañas—, regresa a Portonovo tras o ascenso do conxunto á Terceira RFEF.



Non foi a única incorporación do equipo. O Portonovo tamén reforzou o medio do campo coa chegada de Hugo Caride e a defensa con Martín Lago. Ademais, fixo públicas as renovacións de Charly, Diego Abal e Lede.

Os xogadores do Lugo B van atopando destino

Tras confirmarse que o Polvorín non competirá a vindeira temporada, os futbolistas do Lugo B comezan a atopar novos equipos nos que continuar a súa progresión. A Sarriana, que recentemente asinou un convenio de colaboración co Lugo, está a ser o principal destino para varios deles.

Esta semana, o conxunto sarrián anunciou as incorporacións de Hugo Díaz, Aimar Gómez e Pascu, tres xogadores procedentes do club lucense que vestirán de branco a próxima campaña.

Pola súa banda, Izan Serrano e Raúl Ferreiros xogarán no Viveiro, mentres que o porteiro Mateo Suárez defenderá a portería do Somozas.

O Arteixo bótase andar no mercado

O Atlético Arteixo, que segue traballando para solucionar as débedas pendentes con xogadores e traballadores do club, xa mira cara á próxima temporada coa construción do seu novo proxecto, que estará liderado por Noé López.



López xa conta cos seus primeiros efectivos. Esta semana o club confirmou catro novidades, tres delas fichaxes: Álex Delgado, procedente do Atlético Montañeros; Adrián Casariego, do San Tirso; e Pablo Roibas, do Orillamar. Ademais, o Arteixo continúa apostando pola canteira e promociona ao primeiro equipo a Sergio Montes, procedente do xuvenil.



Pendentes da Copa Federación

A Real Federación Galega de Fútbol viuse obrigada a modificar o cadro da fase autonómica da Copa Federación tras as renuncias da Sarriana, do Barco e do Viveiro. Os tres conxuntos da Terceira RFEF decidiron non participar na competición, á que xa renunciara previamente o Racing de Ferrol, polo que a eliminatoria previa desaparece e o torneo arrancará directamente cos oitavos de final.

Aínda quedan no aire as decisións doutros equipos como o Atlético Arteixo, o Arenteiro ou o Céltiga, que poderán comunicar a súa baixa ata o 27 de xullo. No caso de producirse máis renuncias, os seus rivais accederían directamente á seguinte eliminatoria.

Polo momento, os emparellamentos nos que hai representación da Terceira RFEF son: Lalín-Estradense, Atlético Arteixo-Silva, Montañeros-Bergantiños, Ourense CF-Arenteiro, Antela-Gran Peña, Portonovo-Alondras e Boiro-Céltiga.

O mercado da Terceira RFEF baixa o ritmo mentres os equipos perfilan os seus planteles

XianPais, o artista galego máis goleador

O mercado da Terceira RFEF baixa o ritmo mentres os equipos perfilan os seus planteles

O mercado da Terceira RFEF baixa o