O Juvenil de Ponteareas culminou unha tempada para o recordo co ascenso a Preferente tras superar con éxito unha esixente fase de ascenso. Un dos grandes protagonistas foi Cándido Casal, autor de seis goles no play-off (cinco deles na final ante o Monterroso) e máximo referente ofensivo dun equipo que soubo levantarse do duro golpe sufrido na última xornada da liga regular para acabar alcanzando o obxectivo.
O dianteiro pechou o curso con 39 goles e o seu rendemento xa espertou o interese de clubs de categorías superiores, con ofertas tanto de Terceira RFEF como de Preferente. Porén, o atacante asegura que a súa prioridade é seguir no Juvenil de Ponteareas, onde considera que aínda ten marxe para continuar medrando tras vivir «o mellor ano da súa vida» no fútbol.
Futbolingalicia: O Juvenil de Ponteareas rematou conseguindo o ascenso a Preferente na fase de ascenso. Como sabe este logro?
Cándido Casal: «A verdade é que é unha sensación incrible. Despois de todo o traballo que fixo o equipo durante o ano, de todo o que sufrimos cunha plantilla curta, isto sabe aínda mellor. Esta é a recompensa a un ano enteiro de esforzo, sacrificio e de non rendernos nunca. Estamos moi felices por conseguir o ascenso».
FIG: O último rival que superastes foi o Monterroso. Como valoras a eliminatoria?
CC: «Creo que, en liñas xerais, fomos superiores durante toda a eliminatoria. Sabiamos o que nos iamos atopar. Na casa fixemos un gran partido, gañando por 3-1, o que nos deu unha boa vantaxe. Xa en Monterroso sabiamos que nos ía tocar sufrir, porque é un campo complicado e a súa afección aperta moito. Puxéronse pronto por diante, pero conseguimos empatar o partido e marchamos ao descanso cun 2-2. Ata o minuto 90 conseguín marcar dous goles que nos deron a tranquilidade e un ascenso moi soñado. Foi unha eliminatoria moi dura, pero creo que fomos xustos vencedores».

FIG: Anotaches seis goles en toda a fase de ascenso, cinco na eliminatoria final. Que significa isto para ti?
CC: «Para min é unha sensación incrible. Poder marcar seis goles nunha fase de ascenso e, sobre todo, axudar ao equipo a conseguir o obxectivo é o que máis feliz me fai. Nas semifinais conseguín un gol moi importante no partido de volta, na Coruña. Foi un encontro durísimo. Empatáronnos a eliminatoria moi pronto e, por sorte, puiden marcar no minuto 80 para darnos o pase á final. Despois, na final, marquei dous goles na casa e ademais provoquei un penalti. Xa en Monterroso fixen outro gol de cabeza na primeira metade e, co rival envorcado ao ataque nos últimos minutos, chegaron outros dous goles para completar o hat-trick. Acabo moi contento polos goles, pero sobre todo porque serviron para axudar ao equipo a conseguir o ascenso».
FIG: Que tal foi a festa de celebración?

CC: «Incrible, a verdade. É un ascenso do que te vas acordar toda a vida. Vivir un ascenso é algo precioso e moi difícil de conseguir. O máis bonito é ver a felicidade da xente da vila, dos nenos, dos pais e de toda a afección orgullosa por ter conseguido un ascenso tan soñado. É unha sensación única. A celebración tamén foi inesquecible. Percorremos Ponteareas nun camión coa xente desfrutando e celebrándoo con nós. Despois fomos ao Concello, onde o presidente e a alcaldesa dedicaron unhas palabras, e, a pesar da hora, moitísima xente achegouse para acompañarnos. Logo seguimos a festa no campo con toda a afección. Son momentos que non queres que rematen nunca. Sen dúbida, unha celebración e un ascenso que recordarei toda a vida».

FIG: Ten máis importancia aínda despois do que pasou na última xornada da liga regular?
CC: «Si, a verdade é que este ascenso ten aínda máis valor despois do golpe que supuxo perder en Gondomar dunha maneira tan cruel. Foi un duro revés e sentiamos que non o mereciamos, pero o fútbol ten estas cousas. O importante foi como reaccionou o equipo. Iso demostra a fortaleza mental que ten este grupo e a unión que hai no vestiario. Soubemos levantarnos dese momento tan complicado, crer en nós mesmos e afrontar unha fase de ascenso que non foi nada doada, pero na que nunca deixamos de loitar. Este equipo demostrou que é un auténtico grupazo. Soubemos repoñernos en moitos momentos difíciles e acabamos conseguindo un ascenso máis que merecido».
FIG: Que valoración fas do total da tempada, na que o club volve a Preferente?
CC: «Foi unha tempada incrible, aínda que ao principio non foi nada fácil. Eramos unha plantilla practicamente nova; a maioría non xogáramos xuntos nunca. O equipo formouse con xente da zona, mantendo só dous ou tres xogadores do ano anterior. Ademais, tiñamos unha plantilla moi curta e durante todo o ano tivemos que tirar de xuvenís e incluso de cadetes para completar os adestramentos. Tamén sufrimos lesións importantes, como a do porteiro ao inicio da tempada e a dun xogador clave como Fran. Ao principio custounos entendernos porque unha plantilla nova necesita tempo. Co paso das xornadas fomos conectando moito mellor, sobre todo os xogadores de ataque. Comezaron a saír as cousas e, no meu caso, tiven a sorte de encadear 16 partidos consecutivos marcando. Entre os catro xogadores de arriba sumamos 85 goles esta tempada. Ademais, o equipo mantivo moitas porterías a cero, o que demostra o gran traballo colectivo realizado. De feito, na casa non perdemos ningún partido en todo o ano, só cedemos dous empates, e na segunda volta practicamente gañámolo todo. Só se nos escapou o último encontro en Gondomar e empatamos en Caldelas. Esa regularidade foi a clave. Sinceramente, ao comezo da tempada non había moitas expectativas de conseguir o ascenso. O meu obxectivo era competir, facer un bo ano e, se podiamos entrar no play-off, xa sería un éxito. Moita xente non daba un peso por nós, pero este grupo ten moitísimo talento. Foi medrando, fíxose moi forte e acabou líder da liga, dependendo de si mesmo para ser campión. Con traballo, unión e sacrificio conseguimos algo que parecía imposible. Quero agradecerllo ao equipo porque foi o mellor ano da miña vida».

FIG: No total da tempada anotaches 39 goles. Cales foron as claves para lograr estes rexistros?
CC: «Unha das claves é crer en ti mesmo e ter moita fame de gol: marcar un e querer o seguinte, non conformarte nunca, pedir todos os balóns e tirar todos os desmarques posibles. Hai que crer que es capaz de rematar a tempada con 20 ou 30 goles e saír ao campo a demostralo. Tamén é fundamental a xente que te rodea. Os extremos, o mediapunta, os mediocentros… Teño a sorte de xogar con compañeiros de moito talento, capaces de asociarse moi ben nos últimos metros e de xerar moitísimas ocasións. Ao final, os meus goles tamén son grazas ao traballo de todos eles».
FIG: Como consegue un xogador esas cifras de goles na súa primeira experiencia na categoría?
CC: «É certo que era a primeira vez que xogaba en Primeira Futgal. Sempre xogara en Segunda Futgal por diferentes circunstancias, pero eu sempre confiei en que tiña o talento e a capacidade para competir máis arriba. Este ano presentouse a oportunidade de xogar no Juvenil en Primeira e era o escenario perfecto para demostrar o meu nivel e marcar goles. Pero, sobre todo, estas cifras conséguense con traballo e cunha mentalidade forte. Hai que crer nun mesmo, seguir insistindo aínda que falles ocasións e ter claro que a seguinte pode entrar. Os dianteiros vivimos moito das dinámicas e, cando chega unha boa serie, hai que aproveitala ao máximo. Despois está o traballo do día a día: adestrar ao máximo, mellorar os puntos débiles, rematar moitos exercicios con disparo, pedir sempre o balón, atacar todos os espazos e non dar nunca unha acción por perdida. Ao final, todo ese esforzo acaba tendo a recompensa máis bonita para un dianteiro, que é o gol. Este ano conseguín unhas cifras que, sinceramente, son unha auténtica barbaridade, e estou moi orgulloso do traballo que hai detrás delas».
FIG: Que cambiou en ti respecto aos teus outros cinco anos como sénior en Segunda Futgal?
CC: «Creo que o que máis cambiou foi a mentalidade. Empecei a tomarme o fútbol moito máis en serio, con máis compromiso e dedicación. Sempre xoguei para desfrutar, e iso non cambia, pero si é certo que outros anos quizais me faltaba ese punto de responsabilidade que adquirín a pasada tempada no Mondariz e este ano no Juvenil. Ao final, cando vas madurando futbolisticamente, entendes que, se queres dar un paso adiante, tes que adestrar con máis intensidade, coidar os detalles e dedicarlle máis tempo ao traballo fóra dos partidos. Ademais, ao ser un equipo tan novo, tamén sentía que me tocaba dar exemplo e asumir esa responsabilidade. Creo que esa foi a maior diferenza: querer demostrar cada día que tiña nivel para xogar aquí, que podía marcar goles e axudar ao equipo. Con traballo, constancia e unha mentalidade forte, os resultados acaban chegando».
FIG: Tes algunha oferta de cara ao ano que vén e cales son os teus plans?
CC: «Si, xa chegou algunha oferta de Terceira RFEF e tamén de Preferente. É bonito que haxa equipos interesados, porque significa que o traballo desta tempada deu os seus froitos. Pero agora mesmo estou tranquilo. Quero descansar este verán, desconectar un par de semanas do fútbol e, cando chegue o momento, valorar todas as opcións con calma. A día de hoxe, a miña intención inicial é continuar no Juvenil. Estou moi a gusto, creo que aínda teño marxe para seguir medrando aquí e, se finalmente é posible, esa sería a miña primeira opción».



















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































