# Hashtag

Os Diferenciais son clave no rumbo dos seus clubs

A Primeira Futgal vén de pasar o ecuador da primeira volta e toca facer balance. Nestes dous meses viviuse moita emoción, goles e, sobre todo, fútbol da man dos diferentes equipos e os seus xogadores máis Diferenciais. Iso si, hai boas novas para os afeccionados galegos, pois aínda queda moita liga e ninguén vai renunciar a nada ata que chegue o mes de maio.

Os perseguidores xa están aquí

O tropezo do Sporting Cambre fai reducir a diferenza entre o líder e os demais aspirantes ao ascenso. Equipos que non fallaron nos seus compromisos desta fin de semana.

Logo de derrotar ao Cedeira por 0 goles a 2, o Orillamar logra a súa terceira vitoria consecutiva. A igualdade fíxose co protagonismo do choque nos primeiros minutos, onde ambos equipos contaron con oportunidades para adiantarse ata que Sergio decantou a balanza para os herculinos. O centrocampista leva xa 3 dianas neste comezo de competición e emerxe como un xogador clave no bo rendemento dos seus. Non pasaran nin cinco minutos cando o Orillamar volveu anotar, ampliando unha renda que souberon xestionar durante toda a segunda parte.



Eume Deportivo e Galicia de Mugardos firmaron táboas ao empatar a dous tantos. O cadro de Pontedeume foi o primeiro en golpear ao pouco de terse iniciado o enfrontamento. Tras a igualada verde, Jacobo volveu poñer por diante aos seus e suma xa 4 dianas na súa volta aos terreos de xogo. Pero a alegría non lle durou moito aos homes de Jaime Sánchez, que viron como o seu rival puxo o 2-2 na prolongación. Finalmente, ambos equipos tiveron que conformarse co reparto de puntos.

O Carral aférrase na segunda posición ao superar con claridade ao As Pontes (3-1). Jacobo Eibe encargouse de abrir a lata para os seus, que comezaron cun elevado grao de intensidade. A cousa non quedou aí e o media punta coruñés furou novamente as redes para poñer por diante ao equipo de Jairo Bello. Chegado do Miño, Eibe recalou esta temporada nas filas do equipo do Castro, co que agarda ascender á Preferente Futgal. O cadro branco anotou un terceiro gol para levarse o +3 e agrandar a crise do As Pontes, que aínda non sabe o que é gañar neste inicio de curso.

Aínda está todo por decidir

Pasan as xornadas e a táboa clasificatoria vólvese máis e máis tola en terras santiaguesas e da Costa da Morte. E é que o grupo 2 promete unha competición apertada ata o final.



Malia un comezo un tanto errático, o Club do Mar comeza a meter a cabeza entre os primeiros postos. Boas novas para os de Caión que se impuxeron por 2 goles a 0 ao Muxía. Os goles non fixeron acto de presenza ata a segunda parte, cando Totó lle quitou as telas de araña á meta rival para facer o primeiro na súa conta particular. O atacante de Arteixo redondeou a súa actuación cun tanto máis para desesperación do conxunto costeiro, que non foi capaz de reaccionar no último treito do partido.

Totó protexe o balón ante e presión de Fabián Sendon. FOTO: CF MUXÍA

Para espectáculo o vivido na Revolta, onde o Queixas venceu por 5 a 2 ao Camariñas. O equipo dirixido por Juan Cabrejo levou a iniciativa nos primeiros minutos. Foi entón cando apareceu a figura de Kevin Naya, que se valeu de si mesmo para remontar o encontro. O interior dereito regresou pola porta grande ao asinar un dobrete e probar que aínda garda moito fútbol nas súas botas. Despois de varias idas e vidas por parte dos dous conxuntos, o Queixas logrou facerse co control do partido e aumentou a súa vantaxe ata o 5-2 final. Con este resultado, os branquiazuis sitúanse a unha vitoria da terceira praza.

9 xornadas tivo que agardar a Esteirana para levarse o seu primeiro triunfo na competición a costa do Tordoia (0-1). Aos vinte e cinco minutos de partido, Toni de Muros fixo desbordar a alegría entre os afeccionados de azul e vermello. Co paso dos minutos, o cadro do Manuel Juncal comezou a asediar á Esteirana, sen éxito. Boa parte de culpa tivo a súa férrea defensa, que conseguiu anular os ataques do Tordoia para levarse os tres puntos e unha vitoria balsámica.



Loita encarnizada polos obxectivos

No grupo lucense, cada domingo é unha batalla. Ninguén vai escatimar esforzos, pois a salvación e o ascenso vanse vender caros neste grupo 3.

O Outeiro de Rei dá continuidade á súa boa dinámica tras gañarlle por 2 goles a 3 ao Chantada Atlético. As cousas puxéronse de cara para os xogadores de Fernando Corredoira, que aproveitaron os erros rivais para poñerse por diante. Pero os chantadeses lograron levantarse antes de que soara á campá, reducindo a vantaxe verde ao bordo do tempo de lecer. Non mudou o guión e, logo de varios intentos, conseguiron o tan ansiado empate. Aínda así, o esforzo visitante foi en balde pois Saúl rematou un saque de esquina para darlle ao seu equipo os tres puntos. Líder na defensa do Outeiro, o xogador da cidade amurallada demostrou que tamén ten pegada e capacidade anotadora.

Na Medela poden respirar tranquilos, pois o Taboada fíxose cos tres puntos ante o Santaballés (0-2). A Liga acolleu un duelo onde a necesidade de puntuar motivou aos visitantes a realizar un magnífico primeiro tempo. O combinado branquiazul dominou ao seu rival grazas á grande actuación de Guerreiro, autor dos dous goles do encontro. Non pasan os anos polo media punta, que segue a amosar detalles de calidade cada vez que salta ao verde. Pese a contar con tempo para a remonta, o Santaballés foi incapaz de reverter a situación e remata a xornada como pechacancelas da competición.

Por outra banda, a Milagrosa reafírmase como candidato ao play-off cunha nova vitoria, desta vez fronte ao Oural (1-0). O dominio albivermello fíxose notar desde os primeiros minutos, con varias chegadas que ameazaron a portería defendida por Julián. Tanto vai o cántaro á fonte que ao fin rompe, e nun contraataquue chegou o gol de David. Perla da canteira de Frigsa, o ariete capitalino suma con esta a súa terceira diana e supera xa os rexistros goleadores da campaña pasada. O Oural mellorou tras o paso polos vestiarios, pero os de Jorge non puideron superar á traballada defensa da ‘Mila’.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadaspremendo aquí.

Os Diferenciais son clave no rumbo dos seus clubs

Este Somozas ten moito que dicir

Os Diferenciais son clave no rumbo dos seus clubs

Os Diferenciais son clave no rumbo dos