# Hashtag

Nico Cuevas, Cultural Areas: «A final de Pasarón vai ser un recordo para toda a vida»

Cultural Areas e Juventud Cambados disputaban este domingo en Pasarón a final da Copa Deputación de Pontevedra. Nun partido moi igualado de moito respecto e poucas ocasións, o conxunto de Ponteareas levouse o título grazas a un solitario tanto de Nico Cuevas a falta de quince minutos para o final do partido. 

A vitoria do cadro da Lomba significou a vinganza dun penúltimo partido de liga onde os pupilos de Pénjamo levaron o triunfo nun encontro onde estaba en xogo a clasificación á fase de ascenso a Terceira RFEF. O goleador da final pasa hoxe pola nosa web para falar do logro conseguido, facer balance da tempada e poñer a mira no seguinte obxectivo, a Supercopa Galicia, que podería dar acceso á Copa do Rei.

Futbolingalicia: O Cultural Areas proclamouse campión da Copa Deputación de Pontevedra tras vencer por 0-1 ao Cambados en Pasarón. Como se sinte un logo de lograr unha fazaña como esa?



Nico Cuevas: «Gañar unha final e xogar en Pasarón é una alegría inmensa a verdade. Vai ser un recordo para toda a vida. Ver a todo equipo e á afección celebrar xuntos a vitoria é unha sensación que merecía vivir este club».

FIG: O gol da vitoria foi teu, cun gran disparo dende a frontal ao que non puido chegar o porteiro. Que significa para ti marcar o gol do título?

NC: «O gol é de todos os que forman o equipo. Tocoume a min esta vez marcar para conseguir a vitoria e estou moi feliz por darlle a este incrible grupo que formamos esta merecida copa».



FIG: Sabe aínda mellor despois da final perdida o ano pasado fronte o Villalonga?

NC: «A verdade é que, despois de perder a final o ano pasado e a final da Supercopa en pretemporada, esta final tocábanos a nós gañala si ou si. Case todo o equipo estaba o ano pasado e non queriamos perder outra vez unha final, polo que fixemos un gran partido como equipo para conseguir a vitoria».

FIG: Comezastes esta tempada xogando a Supercopa Galicia e caendo con polémica ante o San Tirso. Tras gañar a Copa Deputación, volveredes a xogala e a ter a oportunidade de chegar á Copa do Rei. Visualizaches enfrontándote a un dos grandes equipos do país?



NC: «Perder a final foi un pau enorme porque veste moi cerca de poder xogar a Copa do Rei, que seria una experiencia incrible e inesquecible como recompensa a tantos anos dedicados ao fútbol. Este ano temos outra vez a posibilidade de poder clasificarnos e o equipo vaino dar todo para poder conseguilo. Ogallá así sexa porque seria un soño poder xogar contra xogadores profesionais».

FIG: Na liga quedastes a seis puntos de entrar na fase de ascenso. Que cres que faltou para conseguilo?

NC: «Fixemos una segunda volta espectacular e estivemos moi cerca de poder clasificarnos. É verdade que ao final chegamos moi xustos, xa que coincidiron algunhas lesións de xogadores e non puidemos conseguilo. Na primeira volta faltounos ser máis regulares e foi o que nos lastrou para poder conseguir entrar na fase de ascenso».

FIG: Que valoración fas da tempada?

NC: «A temporada foi de notable. Faltounos nada para poder conseguir a fase de ascenso e conseguir o sobresaínte. O equipo desde o primeiro momento xogou moi ben ao fútbol, cun fútbol asociativo e ofensivo no que da gusto xogar e, co paso dos partidos, fomos mellorando e conseguindo mellores resultados. Isto demostrouse coa segunda volta tan boa que fixemos».



FIG: É a túa sexta tempada no club. Foi esta a túa mellor campaña?

NC: «En canto a estatísticas creo que é a mellor desde que estou aquí, si. Pero a verdade é que nunca lle fago caso as estatísticas individuais, xa que isto é un deporte de equipo e sempre intento axudar a todos os compañeiros para que xuntos sexamos mellores».

FIG: Aos teus 29 anos es un dos capitáns. Que significa o Cultural Areas para ti?

NC: «Eu son de Areas e de pequeno sempre ía a mirar os partidos do club co meu pai, pero nunca xogara no Areas e tiña gañas de xogar en sénior no equipo. Desde o primeiro día que cheguei tratoume todo o mundo moi ben e sempre me sentín moi a gusto no club. Estou moi contento por ser un dos capitáns e por xogar no equipo da miña parroquia».

FIG: Antes pasaches por Mondariz, Juvenil de Ponteareas e Porriño. Que recordos gardas de cada etapa?

NC: «Hai recordos bos e malos de todos os equipos pero o máis importante de todo isto é os grandes amigos que vas coñecendo polo camiño, que é o mais bonito do fútbol. Tiven a sorte de coñecer moi boa xente nestes equipos e a día de hoxe seguimos tendo moi boa relación». 

FIG: Seguirás o ano que vén no club?

NC: «Co bo ambiente que temos entre os xogadores, corpo técnico, presidenta e a gran familia que formamos estes últimos anos no Areas con moitos xogadores que levamos varios anos no club, mentres o corpo vaia aguantando, sigo tendo gañas de seguir xogando aquí».

Nico Cuevas, Cultural Areas: «A final de Pasarón vai ser un recordo para toda a vida»

Comeza a loita polos últimos tres billetes

Nico Cuevas, Cultural Areas: «A final de Pasarón vai ser un recordo para toda a vida»

As Celtas fan historia no seu ano

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *