A Terceira Galicia aínda ten catro equipos invictos
A falta de catro xornadas para acabar a Terceira, excepto no grupo lucense, no que só faltan dúas, hai catro dos seis líderes que non perderon ningún dos 18 encontros que disputaron. Eses conxuntos son o Atlético Cercedense, o Soneira, o Taragoña e o Teis.
Cerceda brilla no seu primeiro ano a campo completo
O Atlético Cercedense iniciou o seu proxecto feminino o pasado curso na liga de F-7 e este ano está a demostrar que a categoría se lle queda pequena. Lidera o grupo 2 con 50 puntos, tras ceder só dous empates, ante o Meicende e o Xuventude Crendes, este último na primeira xornada. É, ademais, o equipo máis goleador da súa agrupación, con 103 tantos, e o cuarto de toda a Terceira Galicia.
A seis puntos sitúase o Xuventude Crendes (44), mentres que o Curtis, terceiro con 43, completa a pelexa polos postos de ascenso.
Coa vantaxe actual e a falta de só catro xornadas, todo apunta a que a praza de ascenso será para o conxunto cercedense, que podería incluso deixala pechada esta mesma fin de semana. Se vence ao Sporting Burgo B e o Curtis non suma fronte ao Órdenes B, as de Cerceda asegurarían matematicamente unha das dúas prazas. Se non, o ascenso terá que agardar unhas xornadas máis, nunha pelexa que aínda non está pechada.
A outra praza de ascenso está máis disputada entre o segundo e o cuarto posto. Só hai 3 puntos de marxe e o Crendes non pode fallar si quere conseguir o ascenso. No quinto posto xa se descolga a competición xa que do Culleredo, quinto ao Sporting Meicende, cuarto, hai 10 puntos de diferenza.
O Soneira roza o ascenso e o campionato de liga
Na Costa da Morte, un dos equipos que está a levar todas as miradas é o Soneira, que lidera o grupo 3 con 48 puntos tras gañar 15 encontros. Un dos importantes o desta fin de semana ante o Escola Juan Cabrejo (5-0). Esta vitoria permítelles afastarse da segunda praza, que ocupan as de Camariñas con 40 puntos. O conxunto de Vimianzo só cedeu puntos nos tres partidos que empatou. Ademais é o equipo costeiro desta liga que máis goles marcou (67) e menos recibiu (18). Máis da metade dos goles vimianceses foron anotados por María Villaverde ‘Kenny’, que suma 36 tantos e é a máxima goleadora.

O campionato de liga parece xa case encamiñado, aínda que todo se podería decidir na próxima xornada. Este domingo xógase o Escola Juan Cabrejo–Outes, segundo contra terceiro, un duelo chave na pelexa polos postos de ascenso.
Se o Soneira continúa coa súa boa xeira e consegue a vitoria nesta xornada, e ademais no encontro dos seus perseguidores gaña o Escola Juan Cabrejo, as de Vimianzo situaríanse con 51 puntos.
Nese escenario, o Outes quedaría con 39, a doce puntos de distancia a falta de só tres xornadas. Isto significa que o Soneira certificaría de maneira matemática unha das prazas de ascenso.

Para proclamarse campioas de liga nesta mesma xornada, o Soneira necesitaría sumar os tres puntos e que se dea o empate no duelo directo.
En todo caso, todos estes supostos dependen de que o Soneira manteña a súa excelente dinámica, xa que encadea doce xornadas consecutivas sen ceder puntos.
O segundo posto segue moi aberto, xa que ás de Camariñas (40) e o Outes (39) únese o Cabana (38), que tamén se mantén na loita.

Taragoña: líder dun dos grupos máis axustados
O equipo de Rianxo lidera un dos grupos máis axustados da competición no grupo 5 da Terceira. O Taragoña, que ten 50 puntos, suma 16 vitorias e dous empates, fronte ao Rois e ao Xuventú Aguiño.
A pesar da súa regularidade, os rivais non lle deixan marxe. O Chispa é segundo con 45 puntos, tras perder tres encontros, e aínda ten pendente o duelo directo co líder. O Caldas é terceiro con 44, os mesmos que o conxunto de Aguiño.

No plano ofensivo, o Chispa é o equipo máis goleador con 112 tantos, seguido polo Caldas con 92, dos cales 48 foron de Alba Montes, e o Xuventú Aguiño con 89. Ademais, o Taragoña suma 82 goles a favor.
Por outra banda, destaca especialmente no aspecto defensivo, sendo o equipo menos goleado do grupo con só 8 tantos recibidos, 13 menos que o Chispa (21) e 19 menos que o Caldas e o Aguiño (27).
Estes catro equipos manteñen a loita polo ascenso e o título. O calendario marcará o desenlace, xa que o Taragoña aínda lle queda enfrontarse aos seus tres perseguidores, ademais do duelo pendente entre Xuventú Aguiño e Chispa.

O Teis imbatible e xa de Segunda Galicia
Dos equipos da Terceira invictos, só hai un que non cedeu nin un só punto: o Teis, que suma 51. Ademais de gañar a Copa Vigo e aspirar á Copa Deputación de Pontevedra está a asinar unha tempada redonda en liga.
Este conxunto conta todos os seus partidos por vitorias, 17 xa. De gañar esta semana ante o Tameiga, proclamaríase automaticamente campión do grupo 6 e xogará a próxima tempada en Segunda Galicia.
O ascenso xa o teñen asegurado. Quedan catro partidos por disputar e, aínda que o terceiro clasificado, o Tameiga (33), sumase pleno de vitorias, non podería alcanzar ás primeiras.
Ademais, o Teis é o terceiro equipo máis goleador da categoría con 105 tantos. Neste grupo tamén destaca o Cented Academy, que é o máis anotador de toda a Terceira con 117 goles. O Cented, con 40 puntos, podería certificar o ascenso se gaña e o Tameiga non suma.
No plano defensivo, o Teis tamén destaca pola súa solidez, con só 7 goles encaixados en 18 xornadas, igualando ao CD Narón. Estes dous conxuntos sonos que menos goles en contra levan.

O CD Narón só concedeu unha vez
Case entra nesta lista de invictos o Narón, de non ser porque na terceira xornada de liga perdeu ante o Cariño. Dende aquela, encadea 18 xornadas sen perder ningún partido, o mesmo que o resto de conxuntos xa nomeados. Este grupo 1 conta con máis xornadas, xa que comezou con 13 equipos, ata a retirada do Galicia Caranza.
As líderes de grupo suman 51 puntos, seis máis que o segundo, o Cariño (45), e nove máis que o terceiro (42). A pesar desta vantaxe, aínda non poden asegurar nin o título nin o ascenso.
As naronesas non destacan tanto no apartado ofensivo, xa que o Cariño suma 93 tantos e o Val B 79. Con todo, si sobresaen no plano defensivo, xa que só encaixaron 7 goles.
Friol B sigue loitando por ser campión
No grupo 4, ao Friol non lle fixo falta gañar todos os encontros para situarse no máis alto da clasificación. A pesar de perder dous partidos e empatar un, as friolesas levan xa semanas co ascenso asegurado, e agora só lles queda proclamarse campioas de liga.
Para facelo antes da última xornada non dependen só de si mesmas, senón tamén de que o Chantada falle. De sumar ambos conxuntos, as de Friol terán que esperar dúas xornadas máis para poder celebrar o título.
As de Friol destacan tanto no aspecto ofensivo como no defensivo, sendo o equipo máis goleador con 52 tantos e o menos goleado con 11. Ademais, contan cunha das máximas anotadoras da categoría, Nerea Rodríguez, que suma 16 dianas, só superada por Marian García, do Monteforte, con 17.
O Chantada (34) debe sumar nas dúas xornadas que lle restan para non poñer en risco a segunda praza de ascenso directo, xa que só ten 6 puntos de marxe respecto ao Cruces (28), os mesmos que quedan por disputar, aínda que na diferenza de goles son superiores as de Vila de Cruces por catro tantos.
O Bandeira tamén está preto da promoción con 26 puntos, polo que o Cruces tamén terá que evitar perder puntos se quere asegurar o posto de playoff.

















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































