A Terceira RFEF segue avanzando e esta fin de semana producíronse unha serie de resultados que non estaban na maioría de quinielas. Entre eles, destacamos o empate colleitado polo Somozas no Couto (0-0) diante dun líder, a UD Ourense, que non puido superar a defensa coruñesa en todo o encontro. Malia isto, continúan no alto da táboa con cinco puntos de vantaxe sobre o Villalbés.
Tamén foi notable a vitoria no derbi lucense do Viveiro fronte á Sarriana (3-1), que acumula catro partidos sen gañar e cae á cuarta posición, esquecéndose definitivamente do ascenso directo. Os mariñáns están a facer de Cantarrana un fortín para acadar a salvación, unha particular liga que agora encabezan sobre outros sete equipos, aínda que o Silva -por enriba- estaría tamén inmerso nesa situación ao encadear sete xornadas sen gañar.
Porén, a vitoria do Viveiro viuse empañada por unha mala nova: unha lesión no xeonllo do máximo goleador da entidade celeste, Germán Giammattei, que pode deixalo fóra dos terreos de xogo cando menos o que resta de tempada. Segundo informa o xornal El Progreso, o dianteiro será sometido este mércores a unha resonancia.
O Alondras é o mellor equipo actualmente
O Alondras, pola súa parte, é hoxe o equipo máis en forma da categoría e continúa imparable. Desta vez tivo que agardar á segunda metade para remontar o tanto inicial do Noia e vencer (1-2). Son moito máis que tres puntos, posto que distánciase do Arosa e queda a tan só un punto da Sarriana. O play-off é unha posibilidade moi real para os do Morrazo. Pola súa banda, o conxunto arlequinado perdeu na Lomba contra o Villalonga (1-2) na estrea de José Luis Lemos.
⚽️ Os do Morrazo, imparables
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) March 31, 2025
⚔️ @CFNOIA 1-2 @ALONDRAS_C_F
👉 O Alondras remonta no Julio Mato e gaña por sexta xornada seguida pic.twitter.com/7etzQDBmnm
Por abaixo, a tendencia foi o empate, tanto no encontro que desputaron Arteixo e Boiro (1-1) coma no Valladares – Barbadás (1-1). Gañou, iso si, o Betanzos, diante do Gran Peña (2-1).

Imaxe de portada: VIVEIRO CF