O Muxía fai historia e a Esteirana vive un final amargo de tempada
A Primeira Galicia pechou a súa tempada sen grandes sorpresas. A pesar da derrota do Victoria CF B ante o Victoria FC B (3-6), as cebras xa tiñan asegurado o campionato. Rosalía e Atlético San Pedro xogarán finalmente a promoción de ascenso.
Na Segunda Galicia, o Muxía goleou ao San Lázaro e proclamouse por primeira vez campión de liga, certificando así tamén o seu segundo ascenso consecutivo. O Bergantiños B pechará a súa tempada medíndose á Milagrosa. O equipo de Lugo conseguiu praza de playoff sen disputar a última xornada ante a Esteirana, nun final marcado pola polémica.
No grupo 2 xa estaba todo decidido: Valladares campión e Atlético Arousana segundo. Touro e Ponte Caldelas xogarán nas próximas semanas unha eliminatoria directa por un posto na Primeira Galicia.
O Antas queda as portas da promoción
O Antas rozou o playoff tras vencer no partido pendente ao Sporting Burgo (6-1), pero chegaba á última xornada cun duelo decisivo ante o Rosalía, outro equipo en loita polo mesmo obxectivo. As ourensás impuxéronse pola mínima (1-0) e deixaron sen premio ao conxunto lucense.
Aínda así, o Antas terá opción de pechar o ano cun título na Copa Deputación de Lugo, onde se enfrontará precisamente ao Milagrosa.

Na parte baixa, Sárdoma B (11 puntos) e Sporting Burgo (13) consumaron o seu descenso á Segunda Galicia. No caso do Sárdoma B, o descenso prodúcese tamén polo arrastre do primeiro equipo, tras o seu descenso á Primeira Galicia desde a 3ª RFEF. Tamén descende o Domaio.

O Muxía, campión con autoridade
O San Lázaro foi a última vítima dunha tempada brillante do Muxía. As lucenses non lograron xuntar once xogadoras, o que aumentou a superioridade das líderes.
Ao descanso xa dominaban con claridade, e o encontro rematou cun contundente 7-0 que certifica o título ligueiro. O Muxía pecha a tempada con tres puntos de vantaxe sobre o Tordoia, nunha liga moi igualada entre ambos equipos.
O conxunto da Costa da Morte culmina así unha tempada histórica: ascendeu de Terceira a Segunda a pasada campaña e agora consegue o título de Segunda, logrando o ascenso a Primeira Galicia.

A Esteirana descendida tras a denuncia da Milagrosa
O conxunto de Muros comezou a tempada cun cadro de xogadoras xa xusto, unha situación que se foi agravando co paso das xornadas debido ás baixas acumuladas, tanto por lesións como por motivos persoais como embarazos. Isto obrigou ao equipo a presentarse en varias ocasións con menos de once xogadoras.
A pesar das dificultades, a Esteirana competiu ata o final e mesmo chegou a sumar vitorias en inferioridade numérica. O esforzo do grupo foi constante ao longo de toda a tempada, aínda que a situación obrigaba a afrontar cada xornada nun contexto de clara desvantaxe.
A propia plantilla era consciente do esforzo físico que supuña competir nestas condicións e tamén de que se estaba incumprindo a normativa federativa.
O regulamento establece que un equipo seráse se presenta con dez ou menos xogadoras en tres partidos consecutivos ou en cinco alternos. A Esteirana incumpriu estes requisitos, o que implica expulsión da liga, descenso de categoría e posibles sancións económicas. Ademais, non poderá optar ao ascenso na seguinte tempada.

A situación estalou na última semana, cando a Milagrosa, en plena loita polo playoff, decidiu denunciar os feitos ante a Federación. As lucenses necesitaban gañar o último partido para asegurar o cuarto posto, nunha pelexa directa co Corme.

O adestrador do Corme tamén se pronunciou en apoio da Esteirana, asegurando que o seu equipo non tiña intención de ascender esta tempada e que xa o comunicara previamente ao rival.
“Falei con el persoalmente e incluso por WhatsApp para facerlle saber que non tiña que preocuparse, pero aínda así preferiron facerlle isto a un club de fútbol amateur, cunhas consecuencias tremendas”, publicou Rubén Souto nas súas redes sociais.
Este posible descenso podería provocar tamén axustes na zona baixa da clasificación, afectando a equipos como o Nicrariense (14 puntos) e o Órdenes (5).
Dobre final para o Touro na semana de copas
As futbolistas do concello santiagués enfrentanse a un fin de semana complicado nesta primeira semana de xuño, xa que o sábado O Touro afronta un fin de semana decisivo. O sábado disputará a final da IV Copa do Sar ante o Calo (11:30), e o domingo xogará a ida da promoción de ascenso ante o Ponte Caldelas (12:00).
Tamén se xogará a final da Copa Deputación de Pontevedra entre Valladares e Lóstrego B (12:00), a Copa da Costa entre Xallas e Cee (18:00) e a Copa Ferrol entre Val B e Discalzas. O Narón gañara en semifinais ao Discalzas, pero unha aliñación indebida deixou o equipo fóra da final, sendo finalmente o seu rival quen ocupou o seu posto.




























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































