En FutbolinGalicia non nos esquecemos de tódolos xogadores, técnicos ou siareiros que pasaron hai anos polas nosas categorías sénior. Sen a súa gran contribución non poderiamos gozar na actualidade dunha gran saúde en categorías tan especiais coma a Terceira RFEF, a Preferente Futgal ou a Primeira Futgal. «Os Vintage» é a súa sección. A de todos aqueles que aportaron un gran de area para que o fútbol galego sexa, sen dúbida, do mellorciño do fútbol estatal. Nesta entrega falamos con Óscar Méndez Sandiánez, lenda do noso fútbol que militou, como xogador, en clubs como Monterroso, Chantada, Imperator ou Lalín. Tamén conta con experiencia coma adestrador, da que comparte a súa filosofía de traballo. A continuación as verbas dun home que respira fútbol!
FutbolinGalicia (en adiante FIG): De que equipos formaches parte como xogador?
Óscar Méndez Sandiánez (en adiante OMS): «Como xogador estiven en Monterroso, Lalín, Imperator e Chantada, neste último 11 anos. Supoño que é o equipo co que máis se me relaciona. Tiven un breve inicio en Antas sendo moi cativo e non retomei ata os xuvenís no pobo, cando se pode dicir que realmente o meu paso por isto do fútbol tivo continuidade. Logo xa me adiquei a pasear ata xubilarme en Monterroso.»
FIG: E como adestrador?
OMS: «Como adestrador comecei no Chantada, onde compaxinaba ambas facetas, incluso na última etapa como xogador-adestrador en Preferente. Despois dese longo tempo estiven na Escola de Fútbol de Lalín un par de anos. Despois adestrei ao Monterroso en Primeira Rexional unha tempada.»
FIG: Cal foi a túa primeira relación co fútbol? En que momento te unes a el?

OMS: «Recordo boa parte da miña vida pegada a unha pelota. Ben é certo que non adestro nin compito con certa regularidade ata a etapa xuvenil, cando en Monterroso e grazas a iniciativa da directiva de aquel entón deciden inscribir un equipo para que os mozos fixeramos o que máis nos gusta, que era darlle patadas a un balón.»
FIG: Tras 11 tempadas no Chantada de seguro podes contarnos moitas cousas. Algo a destacar? Algunha anécdota salientable?
OMS: «Ao Chantada chego con 23 anos. É o clube no que estiven o maior número de tempadas. Por diversas circunstancias surxe a oportunidade de non só xogar ao fútbol senón de tamén adestrar un equipo. Decido tomar a iniciativa e comezo a compaxinar ambas facetas. O club creceu moitísimo nese tempo grazas a labor que facía moita xente, acadándose hitos deportivos importantes tanto na base como nos equipos sénior. Sen dúbida unha das situacións máis salientables foi o grupo humano que se formou e a implicación da xente, incluidos afeccionados. As vivencias foron innumerables, a meirande parte delas positivas.»

«Como anécdota recordarei aquel intre no que eu era adestrador-xogador, coincidindo ademais coa última tempada, e conseguín tres goles nos tres primeiros minutos de partido. Por aquel entón gravabamos todos os partidos para despois analizalos. Curiosamente aquel día as persoas encargadas de facelo enredaron, non sei como ni por qué aínda de hoxe, e non comezaron a gravar o partido ata o minuto 6. Foi un feito curioso que saíu en moitos sitios a nivel de prensa. É unha bágoa hoxe non ter gravado ese momento.»
FIG: Tamén xogaches como local en Cerdeiriños. Como foi a etapa no Monterroso?
OMS: «No Monterroso xoguei en dúas etapas. Na primeira delas probablemente vivín algún dos mellores momentos deportivos do club, nos que se conseguiron varios títulos e algunha que outra copa tanto na base coma no primeiro equipo. O colofón seguramente sexa o ascenso a Preferente e alí continuamos unha tempada máis.»
«Nos últimos anos volvín a Cerdeiriños, nun momento totalmente distinto e no que curiosamente vivín un momento máis amargo. O equipo tiña como obxectivo ascender de Primeira Rexional a Preferente e na última xornada, xogándonos todo na casa, non fomos capaces de conseguilo. Son cousas que ten o fútbol!»
FIG: E no Lalín?

OMS: «Despois do paso polo Monterroso, que rematamos perdendo a categoría mais conseguindo a Copa Deputación, funme a Lalín. Alí comeza unha experiencia totalmente distinta. Pasas de competir en Preferente nun equipo digamos pequeno a competir en Terceira División, onde a esixencia era máxima e adicabamos moito tempo a adestrar tódolos días. A adaptación evidentemente foi difícil pero a experiencia moi positiva. Crecín moitísimo como futbolista e obviamente tamén como persoa. Tiven a oportunidade de compartir e xogar con grandes futbolistas e facelo en moitos campos de toda Galicia.»
FIG: Tamén formaches parte do Imperator. A que se debeu o cambio de provincia?
OMS: «Despois de rematar os estudos en Lugo, continúo formándome en Coruña. Ese primeiro ano seguín xogando en Lalín, pero o feito de viaxar facíase duro e moi cansino. Entón tomei a decisión de buscar un equipo para xogar pola zona. Xurdiu a opción de facelo no Imperator, que era apetecible polos medios dos que dispoñía, pola vinculación que tiña coa universidade e especialmente pola proximidade que tiña coa zona na que vivía.»
FIG: Xa na faceta de adestrador, cales son as premisas fundamentais do Óscar míster?
OMS: «O calificativo que me define coma adestrador é esixente, mais sempre con certa empatía. Intento atopar un equilibrio entre disciplina e motivación. É certo que hai que esixir, pero tamén acompañar, entender e contextualizar as diferentes situacións que se dan.»
«Sen dúbida tamén é fundamental pensar que traballamos máis con persoas que con deportistas. É fundamental crear un ambiente cómodo e de confianza para que o equipo crezca. A partir de aí establécense obxectivos deportivos ou competitivos. Estas cuestións, unidas á mellora contínua, son aspectos fundamentais. Sempre hai algo que aprender, algo que transmitir ou algo que corrixir. Isto é un pouquiño o que durante tanto tempo mantívome nun club como o Chantada, que creceu un montón e fixo que en maior ou menor medida me implicase con el.»
FIG: Que etapa como adestrador gardas con máis agarimo?
OMS: «A etapa da que gardo un recordo especial é a vivida en Chantada, cando conseguimos en Galega un ascenso a Liga Nacional. Foi unha experiencia única. Curioso é que o ano seguinte, nunha liga moi esixente, non conseguimos manter a categoría. Mais foi un dos anos dos que, como adestrador, máis disfrutei. Poucas veces vin a un grupo de rapaces tan implicado e con tantas gañas de demostrar que tiñan as aptitudes para conseguir o obxectivo. Ao final non puido ser pero a valoración foi máis que positiva.»
FIG: Cres que as nosas categorías van perdendo ou gañando nivel co paso dos anos?
OMS: «Eu non creo que o nivel baixase nos últimos anos, penso que máis ou menos mantense. Vimos dunha etapa na que se gañou moito en organización, metodoloxía ou formación. Si hai que salientar que as diferenzas co fútbol profesional empezan a ser un pouco maiores. Ese tipo de clubs dispoñen de todos os recursos e medios para ir ano tras ano introducindo melloras importantes. A verdade é que isto non acontece tanto nos clubs modestos, onde é moi complexo dispoñer de todos eses aspectos que fan que os equipos sigan medrando.»
«Creo que os axentes implicados na toma de decisións asumirán en breves algún reto importante. Moitos dos problemas sociais que vemos nas rúas ou nas escolas comezan a chegar ao fútbol. Supoño que antes ou despois terase que tomar algún tipo de medidas para que o fútbol modesto siga dunha ou doutra maneira mantendo o nivel e non caiga definitivamente.»
FIG: Aprecias algunha diferenza significativa entre o fútbol actual e o de hai 15-20 anos?
OMS: «O fútbol evolucionou moitísimo nos últimos anos e continuará facéndoo. Outras disciplinas achegan importantes melloras que acaban introducíndose no deporte. Non soamente a nivel táctica, senón tamén de estratexia, análise de rival, etc… Hoxe en día todo mídese, analízase e planifícase ao detalle. Isto transmítese, dunha ou doutra maneira, a tódalas categorías e diferentes niveis.»
«É certo que o fútbol antes era un pouco máis intuitivo, mais non sei se máis creativo ou non. Hoxe en día vense un montón de futbolistas con moitas habilidades e talento. Estúdiase tanto ao detalle que melloramos moito mais nalgún aspecto perdemos a esencia do xogo. O ideal é buscar un equilibrio entre todos eses aspectos, que é complexo por todas as variantes e estímulos aos que hai que atender. Confiemos en que a xente que se adica a isto o consiga.»