# Hashtag

Volve o fútbol e regresan os Diferenciais da Primeira Futgal (Parte 2)

Chega unha segunda entrega dos Diferenciais da Primeira Futgal. Velaquí un repaso da xornada nos grupos 4, 5 e 6 da competición, onde os goles e o bo fútbol tamén se fixeron notar.

Xa roda o balón na competida división ourensá. Sen un claro favorito ao ascenso e con varios equipos co obxectivo de salvar a categoría, a intensidade manterase de seguro ata as últimas datas.

Un líder a destacar nas terras dos afiadores

O Brollón regresa á Primeira Futgal e a súa presenza non pasará desapercibida neste grupo 4 no que compite como único representante do fútbol lucense. O conxunto adestrado por Chura bateu ao Melias por 1 gol a 2 e suma a súa primeira vitoria fóra da casa. Adiantábanse os visitantes na segunda metade cun tanto de Pablo Tourón, que poñía ao Brollón por riba no marcador. Pouco despois, Damián Méndez anotou o segundo gol dos lucenses para sentenciar o encontro. Gran inicio de curso para o mediapunta, líder indiscutible no ataque do equipo dos Medos. O Melias conseguiu reducir a diferenza a un gol cando só quedaban cinco minutos para o final do encontro, que finalmente caeu do lado do Brollón.



Vilamartín de Valdeorras vive un momento doce a nivel futbolístico. Non é para menos. O Córgomo impúxose con autoridade ao Allariz (3-0) nesta primeira xornada de liga. Os afeccionados que se achegaron ata o Bañadoiro non tiveron que agardar moito para ver a pegada do conxunto local. Thierno Sylla anotaba o primeiro tanto aos vinte minutos de partido para ledicia da bancada local, que celebrou outro gol pouco antes do descanso. Tras o paso polos vestiarios, os locais xestionaron o encontro e lograron anotar por terceira vez para desesperación do Allariz. Vitoria e liderado para un Córgomo que afianza a súa condición de favorito a todo no grupo ourensán.

Foto: Torfy/CD Córgomo Vilamartín

A emoción tamén estivo presente no Cardenal Quiroga, onde o Maside se levou os tres puntos ao vencer ao Maceda por 2 a 3. Un encontro que contou coa actuación estelar de Manu Bardelás, autor dos tres tantos do equipo masidao. Golpearon primeiro os visitantes, pero os locais conseguiron igualar a contenda antes do tempo de lecer. A dinámica repetiuse novamente no segundo tempo. Bardelás puxo aos seus por diante momentaneamente, pero o Maceda non tardou en poñer as táboas no marcador. O traballo do punta carballiñés non ía quedar aí e conseguía, desta vez si, anotar o terceiro e definitivo gol que lle dá ao Maside os tres primeiros puntos do campionato.

‘Galácticos’ e rivalidades no inicio do grupo 5

Pola súa parte, a máxima categoría do fútbol pontevedrés volveu pola porta grande. Unha estrea que contou con algún que outro derbi e a posta en marcha dun proxecto a ter en conta.



San Pedro vestiu as súas mellores galas para acoller o debut dos seus nesta temporada. E o inicio de curso non puido ser mellor, pois o Marín logrou a vitoria ante o Amanecer ao que derrotou por 3 goles a 1. A pesar de que os visitantes foron os primeiros en anotar, o conxunto do Morrazo respondeu antes do tempo de lecer cun gol obra de Álex Rey. Na segunda metade, os visitantes sufriron os ataques continuos dun Marín que puxo o 3 a 1 no electrónico grazas aos tantos de Alassane Sylla e, novamente, Álex Rey. Actuación destacada a do mediocentro lucense, que recala na Primeira Futgal logo de desputar a 3ª RFEF co Boiro.

A poucos quilómetros de alí, Tabeirós-Terra de Montes desfrutaba dun derbi onde os goles foron os protagonistas. O Caldas caeu nas Corticeiras ante o Sport Team Estrada, que logrou a vitoria cunha goleada (1-4). Adiantábase o cadro estradense aos 12 minutos de encontro, para anotar por segunda vez pouco despois por mediación de Arturo. O centrocampista conseguía outro tanto na segunda metade para sentenciar un partido que dominou o Sport Team en todo momento.

Pechamos o grupo 5 con outro derbi, desta vez en terras barbancesas e máis concretamente en Boiro. O campo de Cabo de Cruz acolleu o enfrontamento entre o Valiño e o Abanqueiro, que se estrea na categoría tras acadar dous ascensos consecutivos nas dúas últimas temporadas. Gañaron os visitantes 0-3 e sen pasar moito apuro, pois mantiveron o control do encontro en todas as súas fases. Brais Outeiral poñía ao Abanqueiro por diante na primeira metade. O atacante, procedente dos xuvenís do Boiro, anotou 13 goles na pasada campaña e comeza brillando con luz propia nesta temporada. Xogador a seguir ao igual que o seu equipo, que continúa coa inercia positiva dos cursos anteriores.



A tolemia apoderase do fútbol vigués

Vigo tamén ten fútbol de seu. Proba diso, os partidos máis destacados desta primeira data que conta con marcadores ben tolos.

A Gándara viviu unha xornada marcada pola emoción e, sobre todo, os goles. Volvía o Caselas á Primeira Futgal e fíxoo cun empate (3-3) ante o Sporting Guardés. Os celestes dominaron a primeira metade, chegando ao tempo de lecer cun 3 a 1 no electrónico grazas ao bo facer de Hugo González Vidal. O autor do primeiro tanto inicia a campaña do mesmo xeito que rematou o pasado curso: coa puntería afinada. A pesar da diferenza de dous goles, o Guardés non se rendeu e conseguiu reducir a distancia para rematar sacando un agónico punto no tempo engadido.

Goián e Chaín firmaron outro espectáculo futbolístico no Lito Oliveira. Venceron os visitantes por 3 goles a 4, nun encontro onde non lles foi doado conseguir os tres puntos. Con Borja Blanco liderando o ataque con dous tantos, o conxunto de Gondomar repúxose ao tanto inicial do Goián, pero os locais lograron igualar o choque uns minutos despois. Cun 3-3 no marcador, ambos equipos protagonizaron unha loita intensa por levarse a vitoria. Tal foi esa intensidade que quedaron con dez xogadores tras a expulsión de Íker Lorenzo no cadro local, e Carlos Corujeira no Chaín. O gol de Rafa deulle finalmente a vitoria aos visitantes, que inician a temporada vencendo fóra do seu feudo.

Mellor fortuna tivo o outro representante do concello do Baixo Miño que, a diferenza do Goián, xogaba como visitante no Monte da Mina. O Tomiño venceu ao Racing Castrelos por 2 a 3, nunha vitoria onde Adri Campos foi o xogador máis diferencial. Hat-trick para o ariete do equipo vermello, que vai na liña dos números do ano pasado cando chegou a anotar 24 goles. O cadro da Carballa inicia a temporada con boas sensacións e co seu goleador a pleno rendemento.

ARTIGO DOS GRUPOS 1, 2 E 3 AQUÍ



Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.



Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadaspremendo aquí.

Volve o fútbol e regresan os Diferenciais da Primeira Futgal (Parte 2)

Volve o fútbol e regresan os Diferenciais

Volve o fútbol e regresan os Diferenciais da Primeira Futgal (Parte 2)

ENQUISA | Vota polos teus favoritos entre

1 comentario

  1. […] Volve o fútbol e regresan os Diferenciais da […]

Los comentarios están deshabilitados.