O CD Lalín ten moi claro o obxectivo para este treito final de liga na Preferente Futgal Norte e confía en Hugo García para logralo. O ourensán regresa ao Cortizo procedente do Atlético Arnoia para vestir de ‘roxinegro’ no treito final da temporada, cando quedan seis xornadas –e recuperar a aprazada polo temporal, na que só xogaron Miño e Mugardos–.
A estas alturas, o Atlético Coruña Montañeros é líder con 12 puntos de vantaxe, mantendo unha posición sólida para o ascenso. Sería unha sorpresa maiúscula que os coruñeses caesen dese posto. Daquela, a pelexa céntrase no play-off e está moi disputada, con ata sete equipos na loita polas posicións que dan acceso á fase de ascenso. Nesta categoría, o líder ascende directamente a Terceira RFEF, mentres que os equipos do 2º ao 5º posto xogan por unha praza adicional de ascenso.
A pelexa polo play-off semella centrarse máis ben nos sete seguintes equipos. Son Negreira, Sofán, Sigüeiro, Ribeira, San Tirso, Lalín e quizais o Miño. Agás os de Negreira, mellor posicionado, con 51 puntos, os outros seis están nunha diferenza de catro puntos. En concreto, o Lalín é sétimo, con 44 puntos, e a dous do play-off, que o marca o Ribeira.
Hugo García, unha referencia
No Cortizo buscan espremer as súas opcións cando aínda quedan 21 puntos en xogo. Esperan que Hugo García «aporte o seu gran de area na procura do obxectivo» do play-off e que achegue unha versión similar á que ofreceu a pasada tempada, cando anotou dez goles en 29 partidos, 21 deles saíndo de inicio.
García, de 35 anos, é un futbolista contrastado. Formouse nas categorías inferiores do Deportivo, para logo pasar polo Cádiz, Castellón, Cerceda e Barbadás, antes de sumarse á UD Ourense, club no que xogou seis tempadas, acadando tres ascensos. Despois, xogou no Verín, o Lalín e o Arnoia.
