A tempada do Ponte Caldelas está sendo para enmarcar. O conxunto da comarca de Pontevedra é actualmente o equipo máis goleador de toda Galicia, con 141 goles a favor no que vai de tempada, e lidera o seu grupo con 60 puntos a falta de catro xornadas para o remate da liga.
Hoxe en FutbolinGalicia charlamos coa súa capitá Lorena Estévez sobre a posibilidade do ascenso e sobre o acerto goleador do equipo.
A fórmula do gol
A receita do éxito non ten ningún segredo, asegura Lorena, «o segredo son os adestramentos que nos prepara Sergio, o noso adestrador, e o esforzo que facemos como equipo». Recoñecen que a implicación colectiva é clave, aínda que destacan dúas figuras ofensivas que están a marcar diferenzas: Miriam e Eva, autoras da maior parte dos goles. «Os goles son delas coa axuda do equipo. Son moi boas nos seus postos e manexan moi ben o balón», recoñece a capitá.

A presión parece non afectar a este Ponte Caldelas
A loita está aberta, co Cañiza e o Salcedo pisándolles os talóns, pero desde o vestiario mantéñense firmes e confiadas no seu traballo.«Non temos presión nin tampouco nos confiamos. Loitaremos ata o último partido. Non soñamos co ascenso, pero faremos o posible por conseguilo porque pensamos que o merecemos», apuntan, deixando claro que a ambición non lles falta.
O obxectivo inicial non era outro que estar ben clasificadas. «Queríamos estar nun bo posto, e polo de agora estámolo conseguindo», lembran dende o equipo. Con todo, a evolución do equipo permitiulles mirar máis arriba e consolidarse como favoritas nun grupo onde a competencia é forte. «Os nosos perseguidores están a loitar por conseguir o noso posto, pero non llo imos poñer fácil», din sobre o Cañiza e o Salcedo e tamén sobre o Mos. E engaden: «Pensamos que teñen un nivel bo», recoñecendo o mérito dos seus rivais directos.
Catro xornadas e catro finais

Con catro finais por diante, o Ponte Caldelas está decidido a manter o liderado e pechar unha tempada que, pase o que pase, xa forma parte da historia do club. Esta fin de semana teñen a primeira das finais na casa ante o Racing Vilariño. O ascenso está ao alcance da man, e a ilusión tamén.
