A Primeira Futgal estase a converter nun coliseo romano nestas últimas datas, pois a meirande parte dos equipos seguen con esperanzas de lograr os seus obxectivos. Agás o Chantada, os líderes de cada un dos grupos deberán rillar o campo se queren o título, igual que lles sucede aos pechacancelas da competición, cuxas balas se están a esgotar. En calquera caso, vai ser necesaria toda a axuda posible dos Diferenciais.
Sálvese quen poida
O remate está próximo e agora non é momento de baixar os brazos ou pensar en renderse. Toca facer un último esforzo e certificar a salvación canto antes!
É o caso do Relámpago, que acadou os tres puntos ao superar por tres goles a dous ao Galicia de Mugardos. Aos de Elviña bastáronlle dous minutos para adiantarse, grazas en parte ao bo facer de Habib. Non contento con iso, o extremo dereito volveu á carga para sumar un novo tanto á súa conta particular. Nada máis comezar a segunda metade, o cadro de Moisés Pereiro reduciu a fenda, aínda que a alegría non puido ser máis efémera: Habib selou o seu hat-trick, deixando tocado e practicamente fundido ao Mugardos.
Ao Perlío non lle custou sacar adiante o seu choque ante o Torre, ao que derrotou por un claro e contundente 3 a 0. Logo dun inicio máis gris e trabado, a escuadra de Fene conseguiu dar coa tecla e puido tomar vantaxe nas botas de Iván San Emeterio. A insistencia do killer dos Pinares levouno a ver porta novamente, sumando o seu segundo tanto na tarde. Tombados sobre a lona, os herculinos non foron capaces de igualar o ritmo do seu rival e, minutos despois, encaixaron o 3-0 definitivo.
A goleada da xornada asinouna o Sporting Coruñés ao endosarlle unha boa malleira ao As Pontes (6-1). Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando Pichu abriu a lata para desesperación dos pupilos de Joaquín Breijo. E é que os ataques branquiazuis non cesaron nunha primeira metade onde o conxunto local non despegou o pé do acelerador. Á volta da caseta, Pichu aumentou a diferenza coa súa terceira anotación e puxo terra de por medio entre os seus e os ponteses.
Non queda outra que remar
Mentres a orela estea preto, o náufrago debe remar como se non houbera mañá. Un exemplo válido para aqueles participantes do grupo 2 que aínda se resisten a idea de descender de categoría.

Como por exemplo, o Camariñas. Os de Juan Cabrejo sacaron un valioso punto despois de empatar a dous tantos co Arzúa. Decididos a levarse o triunfo, os xogadores do ‘Queixo Mecánico’ saíron dispostos a dalo todo e conseguiron golpear primeiro. Malia encaixar un gol temperán, o combinado costeiro fixo gala do seu carácter e puxo as táboas no marcador no reinicio. Pero iso non foi todo, pois Xacobe deulle á volta a tortilla ao pouco de lograr a igualada. E así como veu, a ledicia marchou de súpeto no banco azul, que se levou as mans á cabeza coa segunda diana do Arzúa.

Sen facer moito ruído, o Praíña estase a consolidar ano a ano na Primeira Futgal. Esta fin de semana, sen ir máis lonxe, deixou na cuneta ao Vizoño (1-2) para irse ata os 49 puntos. Non lle foi unha tarefa nada doada, xa que comezaron por baixo no electrónico. O entretempo serviulles aos de Pontevea para repoñerse e reequilibrar a balanza por mediación de Aldán Vázquez. Minutos despois, o centrocampista volveu furar as redes do Pinar para manter a boa xeira de resultados do Praíña.
Sorrí o Bastavales e non é para menos. Os de Brión impuxéronse ao Fisterra por 5 a 1, nun enfrontamento marcado polas necesidades de ámbalas dúas entidades. Un autogol dos verdes puxo o partido de cara para os homes de Alfonso Sánchez, que ampliaron a renda antes do remate da primeira metade. Julián, autor dese segundo gol, conseguiu anotar dúas veces máis, desesperando por completo á defensa fisterrá.

Ata o asubío final
Por terras lucenses, teñen unha cousa clara: ninguén vai renunciar as súas aspiracións e menos aínda se un ve a igualdade presente neste grupo.
Sufriu, si, pero o Iberia levouse o derbi mariñán ante o Lourenzá (1-0). Conscientes da necesidade de facerse co +3, a escuadra de San Miguel de Reinante imprimiulle unha gran intensidade ao partido. Ese empuxe permitiulles facer o primeiro e único tanto da tarde, celebrado en gran medida pola bancada das Valgas. Case dous meses despois, Dani Prieto rachou coa mala dinámica do Iberia salvando un match ball que pode resultar vital na loita pola permanencia.
Tamén houbo derbi na Chaira, onde o Santaballés venceu por catro goles a un ao Rácing Vilalbés B. Os de Iago Fernández apostaron polo xogo directo desde os primeiros compases do xogo, e non erraron. Vérez abriu a lata no 20 para, segundos despois, deixar o seu selo noutro tanto. Así e todo, o filial vermello e verde persistiu e reduciu a vantaxe do cadro da Liga, que non tardou en sufocar este amago de remonta co terceiro dun Vérez moi inspirado de cara a porta.
Por outra banda, o Chantada Atlético protagonizou a sorpresa da fin de semana ao golear por 5 a 1 a un indolente Monterroso. Alentado polos afeccionados que se achegaron ata Sangoñedo, o equipo da ribeira do Asma púxose por diante ao pouco de terse iniciado o duelo. Á media hora chegou a segunda diana, que foi inmediatamente recortada polos de Fer Sánchez. O gol non inquietou aos xogadores chantadinos e estes seguiron ao seu, collendo novamente distancia grazas ao bo facer de Asier, quen asinou un dobrete.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.


























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































