# Hashtag

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: CSD Arzúa

A Primeira Futgal deu pé a historias emotivas e desde FutbolinGalicia queremos debullar algunhas un pouco máis. Houbo grandes fazañas, pero ningunha como proclamarse campións de liga e lograr subir a Preferente. Ao longo destas semanas, repasaremos convosco o curso futbolístico daqueles equipos que se alzaron co título en cada un dos grupos da categoría: os planteis máis Diferenciais.

Volver pola vía rápida

As últimas tempadas do Arzúa poderían definirse como unha montaña rusa de emocións, onde tocaron tanto o ceo como os infernos do fútbol galego. Sen ir máis lonxe, chegaron a encadenar ata dous descensos consecutivos, pasando da Terceira Federación na campaña 23/24 á Primeira Futgal na 25/26. O ‘Queixo Mecánico’ non quixo tirar a toalla e deu paso a unha profunda remodelación do seu plantel. Apostaron por xente da casa, confiaron en Diego Castro para dirixir a nave e asinaron xogadores propios doutra categoría. E a fórmula non puido saír mellor, porque ademais de chegar á final da Copa do Sar acadaron o ascenso.

Iso si, non foi unha tarefa nada doada, pois a elevada competitividade do grupo 2 impediulle cantar o alirón aos arzuáns. O conxunto branquiazul mantívose invicto ata novembro, cando caeron derrotados por 2 a 1 ante un Calo que foi a grande revelación do curso futbolístico. Tampouco conseguiron sumar fronte ao Muxía e, unha semana máis tarde, prolongaron a súa mala xeira ao tropezar co Fisterra (3-2).



Tirar da xente da casa

As pantasmas dos anos anteriores xa rondaban polo Municipal do Viso, pero os homes de Diego Castro souberon espantalas. Este non ía ser un ano de sombras. E menos cando a un plantel conformado por xogadores da vila se lle mete entre cella e cella a idea de volver á Preferente Futgal. A volta de Pablo Vidal á portería, a de Mosteiro, Jano ou Fofo á zaga e a dun histórico como Ivalotelli á dianteira outorgaban a licenza para soñar cunha remontada. Había motivos para crer nuns futbolistas que volveran por amor a unhas cores.

E así foi. Pasado o mal trago, realizaron unha segunda volta espectacular onde só foron derrotados polo Muxía, a súa besta negra. O Calo foi caendo co paso do tempo e ao Club do Mar non lle deu tempo a reaccionar, polo que o Arzúa pasou a depender de si mesmo na última xornada.

Coroados en Pontevea

Lonxe da casa adoita facer frío, pero o ‘Queixo Mecánico’ chegou ben arroupado a Pontevea para desputar a última xornada. Os seus seareiros non quixeron perder a cita máis agardada do ano, a que supoñía rachar coa negatividade e as desilusións do pasado. Desta vez, o equipo non os defraudou. A pesar de comezar por baixo no electrónico, un dobrete de Ivalotelli e unha diana de Brais Pedreira permitíronlle aos branquiazuis remontar o encontro e selar o título ligueiro.



Os xogadores do Arzúa celebran o ascenso conseguido en Pontevea fronte ao Praíña. FOTO: CSD ARZÚA

Quen se non? Os seus máximos artilleiros, con 14 e 20 goles respectivamente, apareceron cando máis os precisaban, protagonizando unha xornada que en Arzúa non se esquecerá. Porque por fin frearon a caída. E fixérono para volver retomar o voo.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.



Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: CSD Arzúa

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal:

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: CSD Arzúa

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: