# Hashtag

Os Vintage: Máximo Oubiña Mariño

En FutbolinGalicia non nos esquecemos de tódolos xogadores, técnicos ou siareiros que pasaron hai anos polas nosas categorías sénior. Sen a súa gran contribución non poderiamos gozar na actualidade dunha gran saúde en categorías tan especiais coma a Terceira RFEF, a Preferente Futgal ou a Primeira Futgal. «Os Vintage» é a súa sección. A de todos aqueles que aportaron un gran de area para que o fútbol galego sexa, sen dúbida, do mellorciño do fútbol estatal. Nesta entrega falamos con Máximo Oubiña Mariño, que formou parte de varios equipos galegos con moita historia e cos que conseguiu varios ascensos. Unha traxectoria que merece ser recoñecida e que tivo como última etapa un período no Noia.

FutbolinGalicia (en adiante FIG): De que equipos formaches parte como sénior? Que posición ocupabas no terreo de xogo?

Máximo Oubiña Mariño (en adiante MOM): «En sénior xoguei co Compostela B en Terceira, despois co primeiro equipo do Compostela en Segunda B, Pontevedra, Celta B, San Isidro (Canarias), Guadalajara, Negreira, Ciudad de Santiago, Villalonga, outra vez Compostela, Boiro e Noia. Xoguei moito de centrocampista mais pouco a pouco fun xogando máis de central.»



FIG: Os teus inicios como sénior foron no Compos, no que tiveches dúas etapas. Algún recordo en especial destas épocas?

MOM: «Os mellores recordos son sempre os amigos que fas. Co filial do Compos diría que foi o debut en Terceira, co primeiro equipo o debut en Segunda B e xa na segunda etapa o ascenso a Segunda B.»

FIG: Tralo Compos pasaches por Pontevedra e Celta B. Algo a destacar destes anos?



MOM: «En Pontevedra apenas xoguei. Un mes despois de fichar, o equipo ascendeu a Segunda e saín cedido. No Celta B vivín a gran experiencia de coñecer por dentro un club tan grande.»

FIG: Tamén tes experiencia fóra de Galicia. En que equipos e como viviches esta situación?

MOM: «Xogar fóra valeume para tomar o fútbol un pouco máis de modo profesional. Tanto en Tenerife (co San Isidro) como en Guadalajara madurei moito en tódolos sentidos.»



FIG: Como se produciu a volta a Galicia, en concreto ao Negreira?

MOM: «Volvín a Galicia porque o Pontevedra cedeume ao Negreira. Foi un gran ano no que quedamos a un partido de ascender.»

FIG: Ciudad de Santiago e Villalonga tamén aparecen no teu currículo.

MOM: «O ano do Ciudad de Santiago gañamos a Terceira División e ascendemos a Segunda B. En Villalonga eran outros obxectivos mais foron tres anos probablemente no mellor vestiario que estiven. Aínda a día de hoxe reunímonos para comer cada ano.»

FIG: Boiro e Noia antes da retirada. Foron anos especiais?



MOM: «A Boiro volvín tras a miña lesión no tendón de Aquiles, pero xa era un xogador distinto. Mais puiden desfrutar do ascenso co equipo do meu pobo a Segunda B. Ao Noia fun para xogar un último ano na Preferente mais logramos o ascenso a Terceira División. Goceino tanto xogando para Luís Bonilla que alonguei a miña carreira dúas tempadas máis.»

FIG: Cres que as nosas competicións van perdendo ou gañando nivel?

MOM: «O nivel xeral, como tódalas cousas na vida, vai mellorando. Mais esta categoría que se creou fixo que a Primeira RFEF teña máis nivel porque soamente hai dous grupos e non os catro que había antes, o que propiciou que tanto a antiga Terceira como a Preferente baixasen o nivel medio.»

FIG: Aprecias algunha diferenza significativa entre o fútbol actual e o de hai 10-20 anos?

MOM: «A maior diferenza é a preparación física e tamén o traballo táctico, ao que se lle dá máis importancia.»



Os Vintage: Máximo Oubiña Mariño

Dúas xornadas, unha praza de play-off e

Os Vintage: Máximo Oubiña Mariño

O terceiro tempo. Episodio 31

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *