Tic, tac, tic, tac… O reloxo da Primeira Futgal non deixa de resoar e os equipos, conscientes de estar ante a última oportunidade para conseguir os seus obxectivos, procuran dalo todo en cada partido. Quedan poucas balas e estragalas nunha fin de semana pode resultar fatal, ben sexa na loita polo ascenso ou pola permanencia. Por iso é tan importante contar cos xogadores máis Diferenciais da categoría, capaces de resolver un duelo polos seus propios medios.
A meta está á volta da esquina
O sprint final xa está aquí e en terras ourensás sábeno moi ben, pois están a competir cada xornada como se fose a derradeira. Agora non vale de nada escatimar esforzos!
Coa derrota do Sporting Carballiño e o seu triunfo por 3 a 0 ante A Peroxa, o Nogueira de Ramuín aínda ten opcións de acadar a terceira posición. A Tella non tardou en celebrar o primeiro da tarde, obra dun Imrane que está a recuperar a súa mellor forma. A contía do combinado afiador aumentou pouco despois e, xa na segunda metade, o canteirán do Ourense CF volveu ver porta para sentenciar aos homes de Josiño. Arestora, o dianteiro sitúase como o terceiro máximo goleador do grupo na súa primeira campaña como xogador en idade adulta.
Non hai quen pare ao Maside. O cadro do Outeiro Grande superou ao Loñoá por dous goles a un e encadea a súa terceira xornada consecutiva sumando os tres puntos. Aínda así, non lles foi unha misión nada doada xa que os visitantes foron os primeiros en adiantarse, aos cinco minutos de terse iniciado o choque. No descanso, Mindo Surribas fixo varios axustes e deu entrada a Esteban, quen igualou a contenda en canto puxo un pé no terreo de xogo. O ariete carballiñés é un seguro para o gol, dá igual se sae de inicio ou entra desde o banco. Co empate, o Maside espertou definitivamente e conseguiu dar o golpe definitivo no treito final.
Sufriu, pero o Verín venceu ao Sporting Carballiño (2-1) e dá un paso de xigante para achegarse ao título e ao ascenso. Júnior abriu a lata para os do José Arjiz, cuxo ritmo de xogo foi superior nos primeiros compases de xogo. O paso dos minutos sentoulle ben aos visitantes, que equilibraron a balanza cunha estupenda vaselina. A partir de entón, o encontro entrou en barrena e ambas escuadras dispuxeron de ocasións para levarse o +3 ata que, no último suspiro, Júnior puxo o 2-1 definitivo cun espectacular remate de chilena. Un gol que lle vale para liderar a pelexa polo pichichi e poñer aos seus no alto da táboa clasificatoria.

Cousa de dous
A emoción non ten teito no grupo pontevedrés onde, a falta de catro xornadas para o remate, a pelexa non pode estar máis igualada. Parece que todo se resolverá na segunda fin de semana de maio, cando Ribadumia e Marín se enfronten polo campionato na Senra.

Polo momento, os de Fran Blanco continúan aferrados ao liderado ao golear por 0 a 4 ao Campo Lameiro. Despois dun inicio bastante parello, o Ribadumia subiu as súas prestacións, furando as redes rivais ata en dúas ocasións. Nada máis comezar a segunda matade, Félix sentenciou ao cadro dos petrógilfos coa súa segunda diana. Fundamental na ofensiva amarela a negra, o atacante de Portonovo sumou a súa décima anotación nesta temporada, na que está a realizar varias contribucións significativas.
O Marín continúa a axexalos logo de superar por tres goles a cero ao Cordeiro. Decididos a non pasar apuros, os de San Pedro puxeron toda a carne no asador e isto deulles resultados de contado. Non pasaran nin 20 minutos e xa tiñan as cousas encarriladas cun claro e rotundo 2 a 0. O ritmo de xogo baixou co tempo aínda que, a falta dun cuarto de hora para o remate do duelo, Álex Rey puxo terra de por medio selando o seu dobrete. Con esta, suma xa dezasete dianas na súa primeira campaña coa camisola branca e celeste.
Dous meses máis tarde, o Abanqueiro volveu á senda da vitoria fronte ao Amanecer (0-1). O combinado do Barbanza saíu decidido a rachar coa súa mala xeira e fixo o primeiro e único da tarde nas botas de Piti. Trátase do sexto gol para o atacante, figura clave na ofensiva e nos plans do adestrador boirense, Giti. Conscientes da necesidade de reverter a situación, os de Lampáns buscaron unha reacción á desesperada, pero foron completamente anulados pola boa actuación defensiva do Abanqueiro. Tras sumar de tres, sitúanse na posición décimo cuarta, o que lles permite coller aire na clasificación.

Un bo sabor de boca
Malia estar en terra de ninguén, hai varios participantes no grupo olívico que continúan a dar espectáculo na competición con partidos cheos de goles, emoción e, sobre todo, bo fútbol.
Por exemplo, o Rápido de Bouzas non tivo problema na súa visita á Gándara e impúxose por cero goles a tres ao Caselas. Aínda non rematara de asubiar o colexiado, cando Elías puxo o 0-1 no marcador. Non contento con iso, o atacante seguiu a petar na porta celeste e aumentou a súa contía particular con outro tanto, encarrilando as cousas para o decano do fútbol vigués. Pouco a pouco, o ritmo de xogo foi decrecendo e os de amarelo e negro tan só tiveron que xestionar a súa renda ata a prolongación, momento onde Elías selou o seu hat trick.
A goleada da xornada protagonizouna o Vila do Corpus ao endosarlle un contundente 5 a 0 ao Goián. Alentados pola bancada de Angoares, os ponteareáns non tardaron en tomar a iniciativa cunha anotación de Mateo Soto. Tombado sobre a lona, o equipo do Baixo Miño non puido conter o torrente ofensivo dos amarelos, que se foron ata o 4-0 antes de entrar nos vestiarios. O guión non mudou nos seguintes 45 minutos e o Vila do Corpus pechou o partido cunha nova diana de Mateo Soto. E é que a pesar de xogar como defensa, o canteirán xa amosou o seu olfacto goleador en máis dunha ocasións.
Por outra parte, o Tomiño puxo fin á súa mala dinámica a costa dun Candeán ao que se lle complican as opcións de permanecer na categoría (4-2). Os do Alivio imprimíronlle moita intensidade ao xogo, controlando o esférico e o electrónico desde o comezo. Á volta da caseta, Adri Campos asinou un dobrete para desesperación dos olívicos, incapaces de parar as incursións do atacante. Cun 4-0 en contra, os pupilos de ‘Misa’ maquillaron o resultado, pero non foron capaces de sacar nada máis que unha derrota na súa visita ao extremo sur da provincia.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.




















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































