# Hashtag

A xornada aprazada engade aínda máis emoción á Primeira Futgal

A Primeira Futgal púxose ao día ao se recuperar a xornada 19, que fora aprazada a finais do mes de xaneiro polo temporal. Algúns partidos recuperáranse en diferentes datas dende entón, mais a maioría tiveron lugar este mércores e xoves, antes de que na fin de semana teña lugar a xornada 31 da 34, que pode rematar con dous ascensos.

Por grupos, aínda está o peixe por vender no 1, coa Cultural Maniños líder (61), seguida do Victoria CF (58). Na loita polo play-off, Orillamar, Olímpico e Relámpago empatan a 52 puntos e catro menos ten o Cambre. En postos de descenso están o Valdoviño e o Numancia de Ares (ambos os dous 3 puntos por baixo do Cedeira, que marca a permanencia) e o Galicia de Caranza, a catro. Aínda teñen, polo tanto, opcións.

Moi emocionante está tamén o grupo 2, co Club do Mar líder con 72 puntos tras superar ao Vizoño cun gol ao comezo do partido. Segundo é o Dumbría (70), que acumula unha espectacular xeira de triunfos cun Diego Estévez sempre inspirado de cara a porta. Ségueo o Carral (66), pero cun partido menos, pois aínda teñen que recuperar esa xornada 19. Por abaixo, o Vista Alegre está descendido, o San Lorenzo non o ten doado e o Bastavales está a un punto da permanencia.



Xornada aprazada en Lugo e Ourense

En Lugo, a xornada aprazada deixou como sorpresa a derrota do líder Burela, que caeu nunha dura batalla co Guntín (3-4). A liga promete emoción ata o final. A Residencia (2º) venceu 2-4 ao Villalbés ‘B’ e os da Cheda xa están a tres puntos. Goleou o Castro (3º), que está a oito, seguindo dunha SD Chantada que se impuxo no derbi ao Taboada e que buscará volver xogar play-off. O San Lázaro está descendido, o Meira gañou e soña con quedar e o Pastoricense está a un punto.

En Ourense non fallou o Antela (na imaxe principal), que é máis líder e pode ascender esta fin de semana se gaña. Os de Xinzo metéronlle cinco ao Loñoá. A loita polo play-off está que arde. O Celanova gañou e volve ser segundo, mentres que Polígono (3º) e Monterrei (4º), perderon ante Muíños (5º) e Velle (6º), respectivamente. O Monterrei, de feito, perdeu 5-0. Goleada tamén do Allariz, que venceu 6-0 ao Melias con triplete de Anxo Pérez. Cartelle, Seixalbo e Viana perderon e van deixando escapar as opcións de se salvar, aínda con 12 puntos en xogo.

Pode ascender o Antela… e o Tyde

Tamén pode haber ascenso o domingo no grupo 6. Se o Tyde lle gaña ao Guardés e o Alertanavia perde ou empata co Erizana, os tudenses serían equipo de Preferente. O Tyde, malia todo, perdeu entre semana co Domaio (1-0). Tampouco gañou o Alerta, que firmou táboas coa Milagrosa, que ten un punto sobre o descenso, que ocupan Goián, Arenteiro ‘B’ e Santa Mariña. Os números din que os tres poden aínda salvarse. Desta xornada destaca tamén a vitoria 1-6 do Guardés sobre o Progresista.



Un lance do partido entre o Domaio e o Tyde / Tyde

O triunfo do San Martín supuxo a segunda derrota da tempada para o Puebla, xa ascendido dende o grupo 5. A pelexa polos postos de play-off vaise definindo co Cordeiro (que venceu ao Caldas) e o Unión (que empatou co Arcade). Logo está o Vilaboa, cuartos a catro puntos dos de Asados e aínda coa esperanza de darlles caza. Descendeu o Taragoña, o Soutomaior tería que obrar unha milagre para quedar na categoría e o San Adrián tampouco o ten doado.

A xornada aprazada engade aínda máis emoción á Primeira Futgal

As copas collen intensidade nesta Semana Santa

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *