Antes do partido decisivo, sempre hai un tractor preparado. Con cautela, sen querer gafar nada, pero listo para entrar en acción no momento oportuno. Porque se chega o ascenso, xa se sabe o que toca.
Xa remataron todas as competicións da tempada 2025/26 e esta mesma fin de semana celebráronse os últimos ascensos do fútbol afeccionado galego. Co peche definitivo das ligas, toca facer balance, pero tamén lembrar unha das estampas máis auténticas e recoñecibles do noso fútbol: as celebracións dos ascensos nos campos e nas vilas de Galicia.
Tras o asubío final, os abrazos e a inevitable invasión de campo de afeccionados, familiares e amigos, comeza a verdadeira festa. Entre felicitacións e fotografías, os protagonistas da xornada adoitan subir ao tractor para iniciar o percorrido triunfal polas rúas da localidade.
Detrás deles, unha auténtica procesión futbolística. Ducias de coches acompañan aos xogadores facendo soar as bucinas para que todo o mundo saiba que o equipo do pobo acaba de ascender. É unha celebración colectiva, porque no fútbol afeccionado os éxitos son sempre compartidos.
Sobre o tractor hai unha norma non escrita: agarrarse ben. Entre saltos, cánticos e a emoción do momento, manter o equilibrio convértese nun pequeno reto para uns futbolistas que, na maioría dos casos, xa lucen as tradicionais camisetas conmemorativas do ascenso, deseñadas especialmente para unha ocasión tan sinalada.




E se na localidade hai fonte, a parada está practicamente asegurada. Poucos ascensos se entenden sen rematar todos empapados, entre risas, mergullos improvisados e máis cánticos que prolongan a celebración durante horas.

Por suposto, a festa non remata aí. A xornada adoita pecharse cunha cea na que participan xogadores, corpo técnico, directivos e colaboradores. Moitas veces celébrase nun dos restaurantes patrocinadores do club, converténdose tamén nun recoñecemento para quen apoia durante todo o ano ao equipo do pobo.
Ascensos tamén sen tractor
E hai ocasións nas que a festa chega incluso cando xa ninguén a esperaba. Foi o caso do O Incio Terra Brava C.F., que coñeceu o seu ascenso días despois de rematar a competición.
Tras finalizar todas as competicións pendentes da Real Federación Galega de Fútbol, a Delegación de Lugo comunicoulles que, tras o ascenso do Lemos B á Primeira Futgal, a súa praza será ocupada polo segundo finalista da promoción de ascenso á Segunda Futgal do grupo sur, é dicir, o O Incio Terra Brava C.F., que finalmente militará a próxima tempada na 2ª Futgal Grupo Lugo Sur.

















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































