Hoxe temos en FutbolinGalicia unha conversa moi Diferencial con Iago Seijo (Fene, 2000). O atacante do Galicia de Mugardos repasa connosco a tempada 25-26, onde logrou ascender a Preferente Futgal co conxunto da Pedreira.

FutbolinGalicia (de agora en diante, FIG): Ademais de sufrir o descenso co Galicia de Mugardos, o ano pasado non anotaches ningún gol durante toda a tempada. Neste curso, todo o contrario. Que supuxo para ti o feito de resarcirse tanto a nivel individual como colectivo?
Iago Seijo (de agora en diante, IS): Ben é certo que a tempada pasada non foi boa, nin en xeral nin en particular. Así e todo, puidemos darlle unha alegría á afección e ao clube ao gañar a Copa Ferrol. A misión era clara: recueprar a categoría neste curso. Atopeime ben desde o comezo e estaba francamente contento, pois o feito de poder axudar cos meus goles a un club como o Galicia de Mugardos é todo un luxo. Estamos a falar dunha entidade que merece como mínimo estar en Preferente Futgal.
FIG: Os comezos non foron os desexados e non lograstes sacar os tres puntos ata a xornada 6. Había algo que non funcionaba? Como lograstes recuperar a confianza?
IS: Non comezamos moi ben, encadeando moitos empates, e esa mala xeira prexudicounos durante toda a competición. As cousas funcionaban, simplemente foi unha mala xeira e tocounos sufrila nas primeiras xornadas. Con traballo e ese chisco de sorte que nos faltaba, soubemos recompoñernos e darlle a volta á situación.
FIG: O obxectivo sempre foi volver a Preferente Futgal, non?

IS: Si, ese era o obxectivo. Diríache que esa era a meta desde o día no que se confimou o descenso, na tempada pasada. Polo tanto, estou moi feliz de telo conseguido co equipo.
FIG: Tivestes no banco a Moisés Pereiro, ex xogador do Rácing de Ferrol ou CD Ourense entre outros. Quedastes satisfeitos co seu labor como adestrador? Cal é a súa mellor virtude como director de orquestra?
IS: Estamos moi contentos con el, a verdade. É unha persoa que xogou ao fútbol en grandes equipos e iso fai tamén que saiba como xestionar moitas situacións complexas que poden apaecer ao longo do ano. Aprendimos moito del, futbolisticamente. Por outro lado, é un gran líder e a súa virtude principal é a maneira que ten de xestionar o vestiario, un aspecto moi a ter en conta e que non sempre é doado.

FIG: A pesar de baixar en dúas ocasións, consideras que a túa experiencia en Preferente axudouche na túa volta á Primeira Futgal?
IS: Ao final todas as experiencias serven para aprender. Sexan positivas ou non, e con iso é co que hai que quedarse.
FIG: Anotaches 15 tantos neste ano, o teu mellor rexistro como xogador senior. Satisfeito coa tempada?
IS: Si, estou moi contento. O único punto negativo do ano foi a lesión que sufrín e que me mantivo 2 meses apartado dos terreos de xogo, xusto nas últimas xornadas. Pero ao final foi todo ben. Eses 15 goles non os metín eu unicamente. Son o resultado dun traballo de grupo, onde a axuda dos meus compañeiros, do corpo técnico, do clube e da afección foi imprescindible. Todos eles me transmitiron confianza e iso fai que todo vaia mellor sempre.
FIG: Cal foi o gol máis importante para ti?

IS: Sen lugar a dúbida, o que anotei fronte ao Gondomar, na final do play-off de ascenso. Vin ao seu porteiro adiantado e decidín disparar desde lonxe, coa sorte de que entrou. Ademais, era o tanto que nos daba a tranquilidade e practicamente certificaba a vitoria. Foi unha alegría enorme.
FIG: A derrota contra o Sporting Meicende relegouvos aos postos de play-off. Que sentistes naquel momento? Foi un momento duro para o plantel?
IS: Foi unha derrota moi dura, xa que queríamos alzarnos co segundo posto e este tropezo impedíunolo. Pero soubemos levantarnos, xa no partido seguinte e durante o play-off demostramos que merecíamos ascender.
FIG: Ascendestes en Gondomar, a máis de 2 horas de Mugardos. Celebrastes o ascenso ao chegar a Ferrolterrra ou deixástelo para outro día?
IS: Ese mesmo día celebrámolo en Mugardos coa nosa xente. E iso que era xa moi tarde cando chegamos -e domingo-, pero sabíamos que ía haber moitas persoas porque non fallan nas celebracións. E así foi. Aínda así, o sábado seguinte volvimos a celebralo polos que non puideron estar nese día (Risas).
FIG: Pensando xa en agosto ou aínda toca desfrutar das vacacións?
IS: Agora toca desfrutar das vacacións pero pensando xa en agosto porque estamos a menos dun mes e en nanda xa comezamos de novo. Aproveito para darlle de novo as grazas aos meus compañeiros, adestradores, corpo técnico e, por suposto, a todos os membros do clube e á afección.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.


























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































