# Hashtag

Que hora é? A dos Diferenciais da Primeira Futgal

Tic, tac, tic, tac… O reloxo da Primeira Futgal non deixa de resoar e os equipos, conscientes de estar ante a última oportunidade para conseguir os seus obxectivos, procuran dalo todo en cada partido. Quedan poucas balas e estragalas nunha fin de semana pode resultar fatal, ben sexa na loita polo ascenso ou pola permanencia. Por iso é tan importante contar cos xogadores máis Diferenciais da categoría, capaces de resolver un duelo polos seus propios medios.

Triunvirato para rematar

A situación no grupo herculino non pode estar máis igualada, pois arestora hai tres equipos coas mesmas opcións de acadar o título ligueiro e subir así a Preferente Futgal.

Nesa terna atópase o Galicia de Mugardos despois de endosarlle un claro e contundente 8 a 1 ao Sporting Coruñés. Aínda non transcorrera a primeira media hora e os da Pedreira xa conseguiran anotar ata en tres ocasións. O rolo verde seguiu ao seu e acadou a ‘man’ cun gol de Iago Seijo que, non contento con iso, volveu furar as redes rivais dúas veces máis para certificar a vitoria dos seus. Fundamental na ofensiva de Moisés Pereiro, o atacante consolidouse nesta campaña como un dos xogadores máis destacados da competición, na que xa acumula trece goles.



Máis axustado foi o TorreEume Deportivo, onde o cadro arlequinado se alzou cos tres puntos ao vencer por tres goles a dous ao seu rival. O inicio non lles foi nada doado, véndose na obriga de remontar o tanto inicial dos homes de Jaime Sánchez. Con todo, a súa reacción non se fixo agardar e igualaron a contenda por mediación de Gabriel Otero. Minutos despois fixeron o segundo da tarde para irse á caseta en vantaxe, malia que esta non lle durou moito á súa volta. Foi entón cando apareceu novamente Gabriel Otero para selar o seu dobrete e garantir practicamente a salvación do Torre.

Tres xornadas máis tarde, o Imperator regresa á senda do triunfo goleando ao As Pontes (1-4). Ningún dos dous conxuntos dispuxo de grandes ocasións na primeira parte, aínda que os coruñeses amosaron unha maior eficacia e puideron adiantarse con dous golpes consecutivos ao bordo do descanso. No reinicio, Azael converteuse nun pesadelo para a zaga do Poboado e asinou un dobrete en apenas un cuarto de hora. Os pupilos de Joaquín Breijo quedaron á deriva e tan só puideron anotar o gol da honra sobre o 90.

Moito por rillar

Ninguén vai renderse de aquí ao 17 de maio, e menos cando hai tanto en xogo para calquera dos participantes no grupo santiagués e da Costa da Morte.



Santa Isabel acolleu un auténtico partidazo entre Racing San Lorenzo e Bertamiráns, finalizado cun 2 a 3 favorable aos de amarelo e negro. De feito, o conxunto adestrado por Manolo Leví foi quen tomou a iniciativa xusto antes do entretempo. Lonxe de tirar a toalla, os picheleiros déronlle a volta á tortilla cando regresaron ao terreo de xogo. O ‘Berta’ sóubose repoñer da contraofensiva e reequilibrou a balanza para, a dez minutos para o final, poñer o peche nas botas dun Pablo Míguez que saíu desde o banco para darlle o +3 aos visitantes.

Logo dunha temporada repleta de altibaixos, o Cire de Melide acariña a permanencia ao gañar por dous goles a tres ao Fisterra. Nada máis comezar o choque, adiantáronse desde os 11 metros, a pesar de que a vantaxe non lles durou moito. Os homes de ‘Luigi’ non baixaron os brazos e volveron á carga, índose aos vestiarios por diante. Xa na segunda parte, Suso Pampín rematou unha acción a balón parado e puxo terra de por medio entre os melidaos e os soldados de Ara Solís. E é que cando tes a un mediocampista coa súa calidade, resulta máis doado decantar un enfrontamento ao teu lado.

Para goleada a vivida no Xosé Luís Vara, onde o Club do Mar esnaquizou por completo á Esteirana (2-7). Os de Caión non deixaron de pisar o acelerador en ningún momento, convertendo tres goles nos primeiros vinte minutos. A pesar da superioridade do seu rival, a escuadra costeira non deu un balón por perdido e puido reducir un pouco a fenda. Foi entón cando Mario Vila anotou a terceira diana na súa conta particular, acabando coas esperanzas de remonta. Trátase da undécima anotación para o atacante, que está a asinar os seus mellores rexistros como xogador senior.



‘Habemus’ ascenso

No Sangoñedo están de celebración, e non é para menos! Non se volve tódolos días á Preferente Futgal, especialmente da maneira en que o fixo o Chantada

Os xogadores do Chantada celebran coa súa afección o ascenso a Preferente. FOTO: SD CHANTADA

Porque si, 9 anos despois, o Chantada volve ouvear na Preferente Futgal! Faino logo de superar por dous goles a cero a un Castro moi combativo, pese a contar con só trece xogadores dispoñibles. A súa defensa mantivo a raia ao líder durante boa parte do encontro, ata que Pablo furou as súas redes cunha auténtica xenialidade. Quen se non? Co tanto do pichichi da competición e o alento da bancada vermella, os de ‘Traste’ asediaron ao seu rival nos seguintes 45 minutos, onde o esforzo físico lles pasou factura aos chairegos. Aí apareceu Joserra para poñer a sentenza e darlle o título e o ascenso ao club de toda a súa vida, a SD Chantada.

Pablo (Chantada) celebra o seu gol xunto aos seus compañeiros. FOTO: DIEGO DÍAZ

O efecto ‘Piru’ xa se fixo notar no Municipal, pois o Xove Lago vive o momento máis doce do curso futbolístico. Desta vez deixaron na cuneta á Residencia, á que se impuxeron pola mínima (2-1). Tras un inicio gris e con poucas ocasións para ambos bandos, os mariñáns lograron traspasar a defensa lucense para poñer o primeiro no electrónico. A cousa non rematou aí e Hugo Pérez aumentou a contía dos seus, deixando tocada e case fundida á ‘Resi’. Malia non desputar moitos minutos coa elástica verde, o media punta deixou mostras da súa habilidade nesta temporada, onde se foi ata a cifra dos 7 goles.

Por outra banda, o Rácing Vilalbés B derrotou á Milagrosa por catro goles a dous nun duelo onde as idas e vidas foron unha constante. Os capitalinos fixeron o primeiro da tarde nun rexeite, contrarrestado rapidamente por Iván. Á volta dos vestiarios, os xogadores adestrados por Iván Lamas deron un paso á fronte e incrementaron a súa renda dúas veces máis, unha delas baixo o selo, novamente, de Iván. Asentado na medular vermella e verde, leva xa seis goles, contribuíndo ao bo rendemento do seu equipo. A ‘Mila’ aínda tivo tempo de achegárselles, pero non foi quen de reverter a situación e rematou perdendo.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.



Que hora é? A dos Diferenciais da Primeira Futgal

O camiño do campión comezou en Negreira

Que hora é? A dos Diferenciais da Primeira Futgal

Que hora é? A dos Diferenciais da