A SD Tordoia asinou unha das grandes actuacións da xornada na Primeira Galicia cun 4-0 ao Fisterra no que o protagonista foi Víctor Vilariño. O dianteiro tordoiés transformouse en goleador e logrou un hat-trick que fixo estalar de ledicia á afección local.
Con tres anos xa no equipo da súa vila, Vilariño vive un dos mellores momentos da súa carreira: recuperou confianza, atópase nun gran nivel físico e mental e móstrase ambicioso nun Tordoia que aspira a competir entre os mellores da categoría. Na entrevista, repasa a súa traxectoria, lembra as etapas en Noia e Dubra e amosa a ilusión por seguir medrando no fútbol galego.
Futbolingalicia: A SD Tordoia venceu esta fin de semana por 4-0 ante o Fisterra e os tres primeiros goles levaron a túa firma. Que valoración fas do partido?
Víctor Vilariño: «A miña valoración é moi positiva. No plano colectivo foi un partido moi completo: ofensivamente tivemos o control total durante os 90 minutos, propoñendo máis e tomando a iniciativa. Ao principio fixo falta ter paciencia e calma co balón, pero acabamos xerando numerosas ocasións e materializando catro delas, aínda que puideron ser máis. Defensivamente tamén estivemos moi sólidos, sen conceder practicamente nada. No plano individual estou moi satisfeito: máis alá dos goles, que teñen moito valor pola dificultade que supón facer un hat-trick, quédome coa sensación de que o traballo está a dar froitos e de que pouco a pouco me adapto mellor á nova posición de dianteiro».
FIG: Facía canto non metías un hat-trick?
VV: «A verdade é que non o recordo ben. Probablemente na tempada 2013-2014, cando era infantil de segundo ano na SD Club Ordes, na que fixen máis de 30 goles e conseguimos ascender á Liga Galega. Máis tarde estiven preto nalgunha ocasión, como no meu debut co CF Noia en Copa Deputación 2019-2020, cando marquei un dobrete ao Flavia SD, pero non volvín repetir un hat-trick dende aquela etapa como infantil».

FIG: Con estes tres tantos xa superas o rexistro goleador da pasada campaña. Como te estás a sentir esta tempada?
VV: «Nestes momentos atópome moi ben tanto a nivel físico como mental, levaba anos sen desfrutar tanto no campo. Este curso estou xogando en posicións máis ofensivas, así que agardo ter máis oportunidades de marcar. Iso si, só van tres xornadas e hai que manter o nivel, seguir mellorando e sendo regular».
FIG: A SD Tordoia suma sete de nove neste inicio. A que pode aspirar o equipo?

VV: «A SD Tordoia leva moitos anos consolidada na categoría. Nas últimas tempadas demos un paso adiante: deixamos de ser un equipo de media táboa para competir arriba. Este ano o nivel do cadro é o máis alto dende que estou aquí, hai moita ambición e penso que o obxectivo debe ser acabar entre os cinco primeiros. A partir de aí, todo o que veña será benvido».
FIG: Este domingo visitades ao Arzúa, un dos cocos da liga. Que partido esperas?
VV: «Ir xogar a Arzúa é un gran reto e servirá para medir o noso nivel, porque é un dos campos máis difíciles. Son un rival cun obxectivo moi esixente, polo que será complicado. Pero nós chegamos nun gran momento, cun bo arranque e máxima confianza. Espero volver a Tordoia cos tres puntos».
FIG: Levas tres anos no Tordoia, o equipo da túa vila. Que significa para ti defender esta camiseta?
VV: «Ser tordoiés dálle un valor especial. Ao longo da miña carreira xoguei en varios clubs, pero nunca sentín un sentimento de pertenza tan forte coma aquí. É como cando un galego sae fóra e leva Galicia no corazón. Representar ao meu pobo é un orgullo enorme, e tanto as vitorias como as derrotas vívense con máis emoción».

FIG: Por que decidiches no seu momento baixar de Preferente a Primeira?
VV: «O meu último ano en Preferente, na SD Dubra (2021-2022), foi moi duro: lesións, falta de continuidade e un nivel de confianza moi baixo. Logo fun a Madrid por motivos académicos e decidín parar un ano, o que me serviu para resetear mentalmente. Cando regresei, quería gozar do fútbol e asumir un rol protagonista. O Tordoia abriume as portas e foi a mellor decisión. Agora xa vou pola terceira tempada e síntome cada vez mellor».
FIG: Como recordas os dous anos no Dubra?
VV: «Foron moi complicados. Cheguei con moita ambición, vindo do Noia, pero a primeira tempada foi rara pola pandemia e só se xogaron tres meses. Ao final conseguín facerme cun posto e estivemos a piques de entrar no play-off de ascenso, aínda que acabamos xogando a previa da Copa do Rei. A segunda tempada, pola contra, foi malísima a nivel deportivo e persoal, e acabou desencadeando a miña retirada temporal. O mellor que me levo é a xente: compañeiros, corpo técnico, directiva e afección tratáronme sempre de marabilla, ademais da experiencia de estar baixo as ordes de Adrián Vázquez, que hoxe fai un gran traballo no Negreira».
FIG: E o teu debut como sénior no CF Noia?
VV: «Foi unha tempada con luces e sombras. Deportivamente custoume ter minutos, pero tamén foi un ano de moita aprendizaxe cun adestrador como Iván Carril e xogadores de gran nivel. O peor foi o confinamento polo COVID-19, que cortou o meu progreso cando mellor estaba. No persoal foi un ano espectacular, cun trato magnífico de todo o club e amizades que conservo. O único que lamento é non ter continuado, porque tiña a confianza do corpo técnico e creo que marchei antes de tempo».
FIG: Cales son os teus obxectivos a medio e longo prazo?
VV: «A curto e medio prazo quero recuperar o nivel e a ilusión que tiña cando saín do xuvenil do Conxo e cheguei ao fútbol sénior. No longo prazo, gustaríame seguir evolucionando e competir en categorías superiores, pero antes teño que demostrar moito aquí na Primeira Rexional».
Fotografía: @kaatya.png





































































































































































































































































































































































































































































































































































Non hai quen lle poña freo aos Diferenciais da Primeira Futgal - FutbolinGalicia
20th Oct 2025[…] Víctor Vilariño, SD Tordoia: «Levaba anos sen desfrutar […]