A Primeira División Galega Arzúa – Ulloa DOP chega ao seu final coa emoción ao máximo. Queda tan só unha xornada de liga na que aínda está por decidir que equipos perderán a categoría. A batalla pola permanencia está sendo a loita máis interesante dunha competición condicionada pola reestruturación da Terceira RFEF.
Tres equipos son os que se xogarán todo na última xornada, son o Sárdoma ‘B’, o Umia e o Atlético Arousana. Analizamos aos distintos clubs antes da gran final desta fin de semana e expoñemos os distintos resultados posibles.
O filial do Sárdoma rozando a salvación
O equipo que parte cunha vantaxe máis ampla é o Sárdoma ‘B’. Con 25 puntos, o equipo vigués dependería de sí mesmo para certificar a salvación senón fora porque xoga contra o Arousana, rival directo na loita. Neste caso, precisan puntuar no partido. Un empate sería suficiente para as de Vigo ao contar con dous puntos máis cas de Vilagarcía.
Este equipo, cun plantel moi novo en idade, é o máis goleador de entre estes 3 competidores. Dos 51 goles a favor, 22 foron anotados por Lucía Fernández, xogadora que compaxinou minutos tamén co Sárdoma ‘A’. Se o filial mantén a categoría e o Sárdoma A consegue o ascenso a Segunda RFEF, o club certificaría un gran ano para a súa estrutura.
O Umia a pola épica

As de Ribadumia con 24 puntos son as segundas convidadas a esta loita a tres bandas. Xogan contra o Sporting Cambre, rival que xa non se xoga nada pero que non lles porá as cousas fáciles no seu feudo. Estarán moi pendentes do que estea acontecendo no campo do Manuel Jiménez, xa que precisan gañar e que o Sárdoma non puntúe.
Tras descender da categoría nacional o ano pasado, esta tempada foi costa arriba para o equipo que xoga na Bouza. A marcha dun gran número de xogadoras fixo que tiveran que rematar de confeccionar o plantel con xogadoras do cadete. Malia isto, teñen un bo rendemento defensivo e son o equipo menos goleado dos que compiten na loita pola permanencia.


O Arousana na corda frouxa
O Atlético Arousana chega a esta última xornada como pechacancelas da Primeira Autonómica con 23 puntos, pero aínda con opcións de permanencia. A escuadra amarela precisa gañar e agardar que o Umia non o faga. Un escenario límite no que só a vitoria lle dá opcións de manterse con vida. O equipo intentará facer valer a súa experiencia para manter a categoría, pero non depende de sí mesmo.

Para intentar cambiar a dinámica, o club fixo un cambio na dirección do equipo coa fixache de Diego Rivas como adestrador. Malia que os resultados melloraron, e o xogo do equipo tamén, non foi suficiente para saír da zona de perigo. As amarelas queren que o factor campo lles axude a conseguir o obxectivo.
A permanencia xógase de forma simultánea
Esta última xornada será unificada para estes equipos e para As Celtas e Orzán que se xogan o título. Ás 19:00 horas o balón comezará a rodar tanto no Manuel Jiménez coma no Dani Mallo. A continuación, deixamos unha táboa con todas as probabilidades e os resultados derivados das mesmas.

Resultado Sárdoma ‘B’ – Atl. Arousana | Resultado Umia – Sp. Cambre | Salvación | Descenso |
Gaña Sárdoma | Gaña Umia | Sárdoma (28) | Umia (27), Arousana (23) |
Gaña Sárdoma | Empata Umia | Sárdoma (28) | Umia (25), Arousana (23) |
Gaña Sárdoma | Perde Umia | Sárdoma (28) | Umia (24), Arousana (23) |
Empate | Gaña Umia | Umia (27) | Sárdoma (26), Arousana (24) |
Empate | Empata Umia | Sárdoma (26) | Umia (25), Arousana (24) |
Empate | Perde Umia | Sárdoma (26) | Umia (24), Arousana (24) |
Gaña Arousana | Gaña Umia | Umia (27) | Arousana (26), Sárdoma (25) |
Gaña Arousana | Empata Umia | Arousana (26) | Umia (25), Sárdoma (25) |
Gaña Arousana | Perde Umia | Arousana (26) | Sárdoma (25), Umia (24) |