A actividade no fútbol feminino galego non cesa durante a Semana Santa. As copas en Galicia, teñen algunhas das competicións con máis tradición do panorama autonómico e axudan a manter o ritmo nas xornadas de liga festivas. Estes encontros, repartidos por todo o territorio galego, están servindo para seguir medindo as forzas entre equipos de distintas categorías.
Hoxe en FutbolinGalicia facemos un repaso ás competicións copeiras.
A Copa Deputación de Pontevedra chega aos cuartos
A emoción da Copa Deputación de Pontevedra feminina entra de cheo nos cuartos de final, cunha rolda que xa deixou algúns resultados.
Na día de onte disputáronse tres encontros. O Atlético Villalonga B impúxose con claridade ao Salcedo por 0-5. O Casablanca superou ao Sárdoma B cun resultado de 4-2. Pola súa parte, As Celtas B firmaron unha vitoria rotunda por 5-0 ante o Umia.
A eliminatoria completarase hoxe coa disputa do derradeiro cruce de cuartos. Lóstrego B – Domaio, un duelo que definirá o cuarto semifinalista.
A Copa da Coruña tamén se pon en marcha
A Copa da Coruña está disputando os oitavos de final. Xogouse con anterioridade o duelo entre o Abellá e o Cambre, cun marcador de 1-4 favorable ás visitantes. Esta semana o Atlético San Pedro vencía con autoridade ao Ordes por 0-7. Foi o único partido celebrado ata o de agora, xa que o resto dos cruces de primeira rolda terán lugar ao longo da fin de semana.

Os emparellamentos son os seguintes:
- Curtis – Orillamar
- Unión Campestre – Pastoriza
- Eirís – Orzán
- Carral – Brexo Lema
- Juventude de Crendes – Victoria CF B
- Bergantiños B – Sporting Meicende

A Copa da Costa xa está nos oitavos con partidos esta fin de semana
A Copa da Costa feminina chega tamén a oitavos de final e xa deixou o primeiro clasificado. O CEE impúxose por 0-1 ao Xallas, tras un partido moi igualado e asegurando así o seu pase á seguinte rolda.
Hoxe disputarase un novo cruce entre o Fisterra e o Corcubión, mentres que o resto de partidos celebraranse durante a fin de semana:

- Mazaricos – Dumbría
- Muxía – Outes
- Soneira – Corme
- Sporting Zas – EFCC Juan Cabrejo
- Cabana – Ponteceso
- Miúdas – Cerqueda
Semifinais para a Copa de Ferrol
A Copa Deputación de Ferrol feminina entra na súa fase decisiva con dúas semifinais que se disputarán esta fin de semana. Dúas eliminatorias igualadas que prometen emoción e fútbol de nivel na comarca de Ferrolterra. Os catro equipos clasificados buscarán un billete para a gran final do torneo.
Os cruces serán:
- Perlio – Cultural Maniños
- O Val – Discalzas
A Copa do Sar en cuartos e con partidos nesta ponte
A Copa do Sar feminina continúa a súa andaina coa disputa dos cuartos de final, e xa se xogou un dos encontros desta rolda: o Touro impúxose con claridade ao Resmón por un contundente 0-12, logrando o pase ás semifinais.
Hoxe completaranse os tres cruces restantes:
- Rois – Noia
- Aguiño – Calo
- Negreira – Boiro
