Os equipos que conforman os dous grupos da Preferente Futgal xa teñen a súa pretemporada en marcha co obxectivo de chegar do mellor xeito posible ao inicio da liga. Algúns xa comezaron a xogar partidos de preparación e outros moitos farano esta fin de semana. É o caso do Negreira, que se mide o domingo á SD Chantada no marco da Supercopa Galicia. Tamén xoga esta competición o Cultural Areas, que xa tivo un primeiro test no que venceu ao Gondomar.
Do grupo sur, o Cented tivo un rival de luxo na súa estrea, a UD Ourense, que levou o partido 0-2. Club Lemos comezou a pretemporada superando á SD Chantada cun gol sobre a bucina nun encontro no que destacou o ex do Barco Rogerio. Tamén comezaron o Villalonga, ante o Marín; o Valladares, ante o Guardés, mentres que o Choco xa se mediu ao Tomiño e o Gondomar e este sábado ten partido ante o Cambados.
Este sábado, xornada que pode estar marcada pola calor, disputan o primeiro amigable Antela, Portonovo, Beluso, Umia, Tyde e Atios. O Celanova, que xa está adestrando, non xogará ata o día 14, cando se mida ao Nogueira.
Máis avanzados no grupo norte
No grupo norte hai varios equipos que levan xa dous amigables, en varios casos ante equipos de superior categoría. O Puebla mediuse ao Pontevedra e o Arosa; o Cidade de Ribeira, ao Compostela e o Boiro; o Sigüeiro, ao Boimorto e o Cordeiro.
Un dos primeiros en volver ao traballo foi o Betanzos, que o pasado día 31 se mediu ao Vizoño. Tamén comezaron Sofán e Victoria, que se enfrontaron este xoves; o Maniños, que empatou sen goles ante o Meirás; o Órdenes, que arrancou ante o Orillamar; o Paiosaco, que se enfrontou ao Olímpico, que será tamén o primeiro rival do Miño, este venres..
A celebración do Partido do Emigrante serviulle de estrea ao Dubra ante os xuvenís do Dépor. O ascendido Dumbría comezou ante o Castriz, mentres que o Burela (na imaxe) fíxoo ante o Somozas no torneo que organiza o Alfoz. O Somozas será tamén o segundo rival do San Tirso este venres, tras medirse os de Fabio ao Villalbés.

Ata o domingo haberá que agardar para ver a estrea do Lalín, que se medirá ao Taboada, e do Pol, que debuta en Cantarrana ante o Viveiro
Cando remate a pretemporada…
A Preferente dará comezo a fin de semana do 6 e 7 de setembro e rematará o 17 de maio, dando lugar ao play off de ascenso, no que participarán os clasificados do 2º ó 5º posto de cada grupo. Os dous campións de cada grupo acadarán o ascenso directo.
Aquí podes consultar o calendario completo do grupo norte. Aquí o do grupo sur.


































































































































































































































































































































































































































































































































