As clases nos colexios, institutos ou universidades paran por Semana Santa, mais a nosa Terceira continúa coa súa actividade, entrando no seu tramo decisivo. Repasamos a xornada 23, disputada en Xoves Santo. E mañá, domingo, un novo día cheo de auténticos partidazos!
Á Terceira RFEF réstanlle unicamente seis xornadas trala celebrada hai dous días, en Xoves Santo. Viveiro e Cambados, na loita pola permanencia, empataron sen goles en Cantarrana. O Barbadás segue a ser o colista tras perder por 2-1 en Elviña Grande ante un Atlético Coruña Montañeros que se atopa a dous puntos dun play-off moi pelexado. Oito partidos consecutivos sen coñecer a derrota sitúan ao Arteixo terceiro na táboa con 45 puntos. O segundo gol de Iván Vázquez no que vai de tempada deulle os tres puntos aos de Ponte dos Brozos na casa ante un Noia (1-0) ao que se lle complica sobremaneira a salvación.
Boiro e Céltiga empataron (0-0) no seu partido correspondente a xornada 23. Ambos equipos teñen 40 puntos e grandes aspiracións e expectativas nos encontros que faltan para rematar a fase regular. O Barco é o actual quinto clasificado e, por tanto, o último con dereito a pelexar polo ascenso no play-off. Os espectadores que acudiron a Calabagueiros disfrutaron dun carrusel de goles na tarde do xoves. Marcos Vilachá salvou un punto para os locais tras empatar no 88´. Cando o colexiado Óscar Martínez Santos sinalou o final do partido, o luminoso amosaba un empate entre Barco e Silva que estivo cheo de espectáculo (3-3).
O tanto de Borja Míguez serviu para que o RC Villalbés levase un bo punto (1-1) na visita ante o que empezou a xornada como o líder do grupo galego da Terceira RFEF, o Arosa. A SD Compostela recuperou o liderado tras vencer con contundencia ao Gran Peña (5-1). Unha vitoria que apacigua o enfado da afección tras dous meses de moita irregularidade en canto a resultados.
Eduardo Taboada, á hora de xogo, anotou o tanto do triunfo do Estradense ante o filial do CD Lugo. Luis Rincón maquillou, cun gol no 94´, a derrota do Alondras no feudo do Somozas (2-1). Un dobrete de Juan Cambón deixou os tres puntos no Manuel Candocia.
Mañá domingo celébrase integramente a xornada 29 da Terceira RFEF, cos seguintes partidos e horarios:

- Viveiro – Gran Peña: 12:00 en Cantarrana
- Compostela – Arteixo: 12:00 no Vero Boquete
- Silva – Lugo B: 12:30 na Grela 1
- Somozas – Montañeros: 17:00 no Manuel Candocia
- Cambados – Barbadás: 17:30 en Burgáns
- Barco – Noia: 17:30 en Calabagueiros
- Céltiga – Alondras: 18:00 no Salvador Otero
- Boiro – Vilalbés: 18:00 en Barraña
- Estradense – Arosa: 19:00 na Estrada
Foto portada: Conta de X da SD Compostela


















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































