As pioneiras do Dépor: as historias das xogadoras que iniciaron o camiño
O 30 de xullo de 2016, o Deportivo Femenino xogaba o primeiro partido amigable da súa historia. Por aquel entón non tiña aínda o apelido de Abanca, xa que o patrocinio chegou en decembro– xogaba o primeiro partido amigable da súa. Fíxoo ante o Portonovo, ao que venceu no campo de Baltar (Sanxenxo) por 0-4. Marcaron Elvira dous goles, outro de Lía e un de Carol. O debut oficial na competición regular chegou pouco despois, o 4 de setembro en Abegondo ante o Oviedo Moderno. Dez anos despois, botamos a vista atrás para repasar a traxectoria e o destino daquelas xogadoras que formaron parte da primeira tempada do equipo.
A garda da portería
Na portería estaba Ana González ‘Anita‘. A gardameta xa adestraba a un equipo do Orzán cando se uniu ao proxecto deportivista. O Deportivo aproveitou as xogadoras deste equipo coruñés para formar a súa sección feminina e a día de hoxe seguen ligados como canteira. Tras tres anos no club e co ascenso do Dépor a Primeira División, en 2019 decidiu dar un paso ao lado para regresar aos bancos do conxunto amarelo. Máis adiante volveu ao Dépor tras a saída de Manu Sánchez e Pablo Pereiro para formar parte do corpo técnico de Miguel Llorente. A súa segunda etapa no club estivo marcada pola polémica, xa que, tal e como relatou nunha entrevista concedida a Relevo, viviu unha etapa moi dura baixo as ordes do técnico, que acabou no centro dunha investigación interna tras diversas denuncias sobre o seu comportamento.
@relevo_deportes Ana González fue la segunda entrenadora del #Dépor durante la etapa de Miguel Llorente. Cuenta su experiencia por primera vez. #tiktokdeportes #aprendecontiktok #tiktokfootballacademy #Football #Fútbol #LigaF #FutFem #Deportivo ♬ sonido original – Relevo
Como compañeira de posición tivo a unha novísima Malena Mieres, que se incorporou ao primeiro equipo con apenas 16 anos. A gardameta permaneceu tres tempadas no conxunto branquiazul e formou parte do histórico ascenso a Primeira División en 2019. Tras esa etapa puxo rumbo ao SD Eibar, onde se consolidou na máxima categoría do fútbol español. Posteriormente defendeu a portería do Real Betis e, desde 2024, continúa a súa carreira no Melbourne City australiano, onde segue sendo unha das porteiras de referencia do equipo.
Como terceira porteira estaba a ferrolá María Ameneiros. No verán de 2017 puxo rumbo a Estados Unidos para continuar a súa formación deportiva e académica cunha beca na Universidade Cardinal Stritch de Milwaukee (Wisconsin). Alí compaxinou os estudos coa portería das Wolves.
A muralla defensiva
Na defensa estaba Carmela Barro. A naronesa foi outra das que, un ano despois, decidiu seguir coa súa carreira deportiva e académica lonxe de Galicia e marchou a Estados Unidos, onde compaxinou estudos e fútbol na Oakland University, defendendo a camisola das Golden Grizzlies. Ao seu regreso a Galicia, seguiu vinculada ao deporte no panorama autonómico.

María Sánchez Migallón, ‘Miga‘, é outro dos nomes das pioneiras branquiazuis. A defensa permaneceu dúas campañas no Deportivo antes de dar o salto ao Victoria CF, club ao que quedou vinculada durante os seguintes anos para continuar a súa traxectoria no fútbol coruñés.
María Gordo Perdiguero, ‘Perdi‘, tamén forma parte da historia das pioneiras branquiazuis ao ser a autora do primeiro gol oficial do Dépor Abanca na Copa Deputación. A xogadora abulense chegou procedente do Salamanca FF e disputou unha tempada na Coruña. Tras o seu paso polo Victoria CF, iniciou a súa carreira nos bancos e chegou a exercer como adestradora asistente de Ramiro Amarelle na Selección China de Fútbol Praia. Na actualidade continúa ligada á dirección técnica no propio Salamanca FF, onde encadana xa a súa terceira campaña ao fronte do primeiro equipo.
Raquel Béjar Castro foi outra das xogadoras procedentes do Orzán SD que se sumaron ao proxecto inicial branquiazul. A centrocampista pontesa permaneceu tres campañas no Deportivo e formou parte do histórico ascenso a Primeira División en 2019 sendo unha das xogadoras que puxo as bases da profesionalización do fútbol feminino na Coruña. Tras esta etapa regresou ao conxunto orzanista, onde apenas tivo participación sobre o terreo de xogo antes de dar o salto aos bancos para incorporarse ao corpo técnico encabezado por Anita na tempada 2020-21.

O centro do xogo
Ariane Martínez Domínguez, ‘Ari’, sumouse ao proxecto branquiazul procedente do Atlético Arousana. A centrocampista disputou unha tempada no Deportivo antes de continuar a súa traxectoria no Victoria FC compostelán, club no que militou durante varias campañas.
Eva Luz Villar Chouciño achegou veteranía e percorrido á medular durante aquela primeira campaña. A centrocampista incorporouse ao Deportivo en setembro de 2016 procedente do Victoria CF, club no que xa contaba cunha ampla traxectoria no fútbol galego, e disputou un ano coa camiseta branquiazul antes de pechar a súa etapa no club.
María Geremías Taboada, ‘Gere’, foi outro dos talentos mozos que se sumaron ao proxecto branquiazul dende o Orzán SD. Con apenas 17 anos, a coruñesa deu o salto á primeira plantilla da historia do Dépor, na que militou durante a tempada inaugural antes de continuar ligada ao fútbol galego.
Xunto a ela estaba Tamara Acuña Pazo, ‘Tami’. A centrocampista chegou dende o Sárdoma CF, aínda que apenas puido desfrutar da súa experiencia na Coruña. Unha lesión sufrida no inicio da tempada condicionou o seu paso polo equipo e fixo que a súa figura quedase nun segundo plano dentro daquela primeira plantilla. A propia xogadora relatou nas súas redes sociais as dificultades que viviu durante a recuperación, explicando que o proceso se xeneralizou durante meses e que acabou tendo consecuencias tanto no terreo deportivo como no persoal.

Xogadoras da medular en activo
María Corral foi unha das xogadoras máis novas daquela primeira plantilla do Deportivo. A centrocampista chegou ao club con só 15 anos procedente da SD O Val e formou parte do proxecto branquiazul durante dúas tempadas. Tras a súa etapa na Coruña, mantivo unha dilatada traxectoria pasando polo Real Sporting de Gijón, o PM Friol, o CD Narón e o Amistade Meirás, antes de regresar ao conxunto naronés, onde aínda segue vinculada ao fútbol. A vindeira temporada xogará en Segunda Galicia tras conseguir o ascenso.
Laura Doce, ‘Doce’, aínda que non tiña ficha do primeiro equipo participou na tempada inaugural (2016-2017) do primeiro equipo. Cunha traxectoria moi vinculada ao fútbol sala, a xogadora compite actualmente no fútbol da Costa co Muxía CF, equipo co que xogará o próximo curso en Primeira Galicia.
Poder ofensivo
Na dianteira estaba Elvira García, unha das futbolistas chamadas a facer historia no inicio do proxecto. Procedente do Orzán SD, a atacante foi a autora do primeiro gol da historia do Deportivo feminino, foi fai 10 anos no amigable. A súa achega quedou ligada para sempre aos primeiros pasos dun equipo que comezaba a construír a súa identidade.

Na dianteira estaba Estefanía Pabst Fernández, ‘Estefi’. A mexicana, chegada desde o Orzán SD, foi unha das primeiras incorporacións do novo proxecto branquiazul e unha das referencias ofensivas daquelas primeiras tempadas. Ademais do seu peso no campo, asumiu tamén o papel de capitana, converténdose nunha das voces do vestiario nos primeiros anos de vida do equipo. Tras dúas tempadas no Deportivo, despediuse do club cunha emotiva carta na que agradeceu o apoio recibido pola afección e puxo punto final á súa etapa branquiazul.

Noe Pirés sumouse ao proxecto nos seus inicios e, tras a súa etapa no conxunto branquiazul, continuou a súa carreira no fútbol galego, pasando por equipos como o Peluquería Mixta Friol, o Monterroso e o Antas.
Pegadas profundas
Hai xogadoras que prolongaron a súa estancia durante moitos máis anos, co exemplo símbolo de Cris Martínez, quen vestiu a camiseta branquiazul dende o primeiro día ata a súa retirada. Na memoria deportivista quedan tamén gravados nomes fundamentais daquel inicio como Lía Muiño ou Miriam Ríos, entre outras.
Cando se fala do Dépor é imposible non lembrar a Miriam Ríos. A capitá foi unha das grandes referencias daquel equipo que botou a andar en 2016, unha desas xogadoras que entregaron todo polo escudo e que puxeron os alicerces para que o proxecto medrase ata converterse no que é hoxe. Co brazalete no brazo liderou ao equipo ata o histórico ascenso a Primeira División en 2019 e tamén formou parte da estrea do Dépor na máxima categoría.
No verán de 2020, tras catro tempadas no club, puxo rumbo a Canarias para continuar a súa carreira no Tacuense, que pasou a ser despois o Real Unión Tenerife. Unha vez rematada a súa etapa como futbolista, continúa vinculada ao fútbol a través da arbitraxe.

Tras a marcha de Miriam Ríos, Cris Martínez recolleu a testemuña como unha das grandes referentes do vestiario. A leonesa, chegada ao Deportivo no verán de 2016, converteuse co paso das tempadas nun dos rostros máis recoñecibles do Dépor. A súa polivalencia, o seu compromiso e a súa identificación co escudo fixérona gañar un papel protagonista dentro e fóra do terreo de xogo. Viviu os momentos máis importantes da historia recente do club, desde os primeiros pasos do proxecto ata o ascenso a Primeira División, a consolidación da sección feminina e o regreso á máxima categoría. Tras 10 anos vestindo de branquiazul, despediuse en 2026 deixando unha pegada que vai moito máis alá dos partidos disputados.
Aposta polo clube entre o talento novo
Lía Muiño tamén prolongou a súa historia no Dépor ata este mesmo verán. A futbolista combinou durante varios anos a súa etapa na Coruña coa súa formación académica e deportiva nos Estados Unidos, onde defendeu a camisola dos South Florida Bulls da University of South Florida, regresando sempre ao club branquiazul para seguir formando parte do proxecto. Porén, nas últimas tempadas foi perdendo protagonismo e, tras un curso no que apenas contou con oportunidades, puxo fin á súa etapa no Deportivo. A súa carreira continuará agora no Levante UD, co que competirá en Primera Federación.
Patri López foi outra das xogadoras que medraron da man do Dépor. A xogadora de Melide incorporouse ao primeiro equipo con apenas 15 anos e converteuse nun dos exemplos da aposta do club pola mocidade. Tras gañar experiencia e evolucionar dentro da estrutura branquiazul —incluída unha cesión de fogueo no Friol—, foi gañando peso ata asentarse no primeiro equipo. A súa etapa no Deportivo prolongouse ata 2023, formando parte do club tanto na máxima categoría como durante o regreso a Primeira Federación.
Rompendo barreiras
A historia deste equipo tamén está ligada a xogadoras que, tras medrar e dar o salto co club, acabaron alcanzando novos retos na elite lonxe da Coruña. Tere Abelleira e Nuria Rábano son dous dos exemplos máis claros dese camiño.
Tere Abelleira foi unha das grandes figuras emerxentes do proxecto branquiazul. Chegou ao primeiro equipo sendo moi nova en 2016 e converteuse nunha das pezas fundamentais do centro do campo durante os primeiros anos do club. Tras a súa etapa no Deportivo, deu o salto ao Real Madrid, onde continuou a súa progresión ata converterse nunha futbolista internacional, campioa do mundo e unha das ex-deportivistas máis recoñecibles do fútbol español. Co seu nome soando con forza nos últimos meses arredor do entorno branquiazul, o deportivismo mantén viva a ilusión de vela vestir de novo a camiseta do Dépor.
Nuria Rábano representa tamén esa evolución das futbolistas que se consolidaron en Abegondo. A lateral incorporouse ao Dépor e foi clave no histórico ascenso a Primeira División en 2019. Despois da súa etapa na Coruña continuou a súa carreira na Real Sociedad, antes de fichar polo FC Barcelona, co que conquistou títulos como a Liga e a UEFA Women’s Champions League. Posteriormente pasou polo VfL Wolfsburg alemán e iniciou unha nova aventura no fútbol estadounidense coa camiseta do Utah Royals FC.
Talento venezolano
Nese mercado de inverno incorporáronse as venezolanas Kika Moreno e Gaby García. Moreno non tivo moita sorte coas lesións, que non lle deixaron amosar todo o seu enorme potencial, aínda que foi unha xogadora que aportou talento ao equipo. Por outra banda, Gaby converteuse nunha das xogadoras máis queridas e segue figurando entre as máximas goleadoras da historia do club. Tras cinco tempadas na Coruña, continuou a súa carreira na Real Sociedad e no Atlético de Madrid antes de dar o salto ao Club América de México, donde xoga actualmente.















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































