Hoxe temos en FutbolinGalicia unha conversa moi Diferencial con Imrane Askasse (2006). O atacante foi un dos xogadores máis destacados do Grupo 4 da Primeira Futgal e aproveita o paso por esta web para repasar a súa primeira tempada como senior. Ademais de anotar 22 goles co Nogueira, fixo espertar o interese de varios clubs ourensáns, entre eles un Verín polo que rematou asinando.

FutbolinGalicia (de agora en diante, FIG): Primeiro ano como xogador senior e a cousa non puido ir mellor. Agardabas pasar dos 20 goles? Cumpriches algúns dos obxectivos que te propuxeras a comezos da tempada?
Imrane Askasse (de agora en diante, IA): Sempre confiei moito no meu traballo e nas miñas capacidades. Sabía que podía facer unha boa tempada, igual que no ano anterior co primeiro equipo xuvenil do Ourense CF. Así e todo, non fun o mellor xogador da categoría, claro está. O importante era adaptarme ao fútbol senior e demostrar que podía competir a este nivel. Evidentemente, superar os 20 goles faime sentir orgulloso, pero non me conformo. Isto é só o principio e o meu obxectivo é seguir mellorando cada tempada para chegar o máis lonxe posible.
FIG: Pese a ser un equipo chamado a desputar os play-off, o Nogueira quedouse ás portas de facelo. Aínda así, poderíase valorar como un bo ano?
IA: É verdade que non puidemos clasificarnos entre os tres primeiros equipos da competición, pero aínda así creo que fixemos unha boa tempada grazas ao traballo dos compañeiros, o equipo e todo o corpo técnico.
FIG: Que cres que vos faltou para poder chegar a desputalo? Un chisco máis de sorte, ter gañado os enfrontamentos contra o Sporting Carballiño…

IA: Nun curso tan igualado coma este, todo se decide por pequenos detalles. Houbo partidos que podíamos telo feito mellor, pero claro, esas pequenas cousas marcan a diferenza.
FIG: Viñas de arrasar no xuvenil do Ourense CF. Como levaches a adaptación á Primeira Futgal? Dá a sensación de que mellor imposible…
IA: A adaptación foi moi boa porque detrás houbo moito traballo. O fútbol en idade senior esixe moito máis física e mentalmente, e tiven que adaptarme rápido. Estou contento co meu rendemento, pero son moi esixente comigo mesmo. Sei que aínda teño moita marxe de mellora en todos os aspectos do xogo e o meu obxectivo é seguir medrando cada día. Non basta con facer unha boa tempada, quero converterme nun futbolista cada vez máis completo e chegar ao máximo nivel que poida.

FIG: Foches un xogador esencial nos plans de Toño Cerdeira. Que tal co míster? Medraches como futbolista grazas a el?
IA: Só teño palabras de agradecemento para Toño. Desde o primeiro día confiou en min, deume oportunidades e axudoume a medrar tanto como futbolista e como persoa. Boa parte do éxito individual nesta tempada tamén é mérito seu, pola confianza e o traballo que depositou en min.
FIG: Cando confían nun dianteiro, non hai nada como responder con goles. E ti anotaches 10 nas 9 primeiras xornadas. Unha boa pretemporada, a confianza no teu xogo… Como se explica ses rendemento tan bo no inicio?
IA: Comecei forte porque cheguei con confianza do meu último ano como xuvenil e, ademais, o equipo axudoume moito. Pero para min isto só foi o comezo, porque quero seguir medrando e mellorando.
FIG: De feito, neses primeiros encontros tombastes ao Verín no Arjiz cun gol teu. Igual desde aí comezaron a pensar en ti para ficharte…

IA: Pode ser que si tivera que ver algo (Risas). Pero nunca penso niso cando xogo porque a miña única preocupación é dar o máximo para o meu club en cada partido. Se fago as cousas ben, as oportunidades acaban chegando.
FIG: Con todo, houbo varios partidos entre novembro e decembro onde non viches porta. Que tal xestionaches esa fochanca?
IA: Foi unha etapa un pouquiño complexa. Daquela comecei a traballar e ía adestrar unha semana de mañá e outra de tarde, pero sabía que traballando e confiando en min volvería ver porta. No fútbol hai momentos bos e malos, e hai que estar preparado para todos.
FIG: Falabamos antes da xuventude do plantel do Nogueira. Había bo ambiente na Tella? Que tal cos compañeiros? Algúns deles tamén pasaron pola canteira do Ourense, coma ti.
IA: É un vestiario incrible. Desde o primeiro día fixéronme sentir como na casa e iso fixo que todo fose moito máis doado. Estou moi agradecido a todos os meus compañeiros.
FIG: Agora úneste ao Verín, co que debutarás en Preferente Futgal. Atópaste ilusionado por ter esta oportunidade? En que faceta do xogo cres que podes mellorar, de cara a adaptarte mellor á nova categoría?
IA: Con moita ilusión e moitas ganas de demostrar do que son capaz. Sei que é un paso importante e vou traballar cada día para seguir crecendo. O meu soño é chegar o máis lonxe posible e vou loitar por conseguilo.
FIG: En Nogueira deixaches boas lembranzas. Teslle un oco ao equipo no teu corazón, a pesar de ter xogado só un ano nas súas filas? Que é para ti o Nogueira?
IA: O Nogueira sempre terá un lugar moi especial no meu corazón. Só estiven unha tempada, pero foi suficiente para sentirme como na casa. Quero dar as grazas aos meus compañeiros, ao corpo técnico, á directiva e á afección polo cariño e a confianza que me deron desde o primeiro día. Lévome recordos que nunca vou esquecer e sempre lles desexarei o mellor.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.






































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































