A penúltima xornada no grupo galego de Terceira RFEF deixou un escenario de máxima tensión na loita pola salvación e tamén polo último billete con dirección ao play-off de ascenso a Segunda RFEF. Co Ourense xa campión e o Betanzos descendido, todas as miradas se centraron en dúas frontes: o quinto posto de privilexio e as dúas prazas de descenso aínda por definir.
O empate do Arosa na casa do Silva (1-1) permítelle manterse quinto con 54 puntos, a pesar de que non puideron certificar a súa clasificación matemática para a fase. O conxunto arlequinado deixou pasar unha oportunidade de ouro para distanciarse do que era o seu inmediato perseguidor ata a data, o Alondras. Os do Morrazo non gañan desde finais de marzo e empataron ante o Arteixo (0-0) nun partido marcado polo estado do terreo de xogo por mor das tormentas.
Agora mesmo, un Noia intratable (52 pts) nas últimas semanas é a principal ameaza para ocupar esa quinta praza tras sumar un traballado triunfo ante o Polvorín (1-0). Sobre todo, tendo en conta que Arosa e Alondras se verán as caras o próximo domingo nun auténtico partidazo na Lomba.
⚽️ Temos varios resumos da 3ª @futgal
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) May 5, 2025
⚔️ @CFNOIA 1-0 @CDLugoCanteira Polvorín
👉 O gol de Aldán mete o Noia na pelexa por entrar na fase de ascenso ata a última xornada pic.twitter.com/iMH96zU7M0
Os posibles desenlaces
A igualdade é máxima e só un tropezo do Arosa permitiría un cambio de mans nesa tan codiciada quinta praza. Velaquí as posibilidades de cada equipo tendo en conta a diferenza de goles particular:
O Arosa clasifícase se:

- Gaña o partido contra o Alondras
- Empata o partido e o Noia non gaña
Noia asalta a quinta posición se:
- Gaña o seu partido contra o Betanzos e o Arosa perde ou empata
Alondras supera a Noia e Arosa se:
- Gaña o partido contra o Arosa e o Noia non gaña
Silva, Viveiro, Gran Peña e Boiro acadan a salvación
Na parte baixa da táboa, os resultados da fin de semana deixaron catro novos equipos salvados. Ao Silva bastoulle un empate contra o Arosa (1-1) para conseguilo tras un final de curso moi irregular. O Viveiro de Adrián Benavides goleou ao colista (3-0) e conseguiu o seu obxectivo logo dunha tempada complicada con ata tres adestradores distintos. Pola súa parte, o Gran Peña alcanzou os 40 puntos gañando ao Villalonga (3-1) no Municipal de Barreiro e o Boiro fixo o mesmo na casa do Somozas (0-2).

Arteixo e Barbadás dependen de si mesmos
Tendo en conta a situación actual, só dous equipos dos catro que se xogan todo na última xornada dependen de si mesmos para lograr a salvación. Son o Atlético Arteixo (35 pts), que despedirá a tempada contra a Sarriana na casa, e o Barbadás (34 pts), que fará o propio contra o Somozas. Os ourensáns teñen unha diferenza de goles particular favorable con respecto ao Valladares (34 pts) grazas á súa vitoria no partido da primeira volta e salvaríanse cun eventual empate na táboa, tal e como acontece agora.
Os vigueses o Villalonga deberán gañar os seus partidos (contra Silva e Estradense, respectivamente) e agardar o que fagan os seus rivais nunha xornada unificada que se desputará o domingo ás 12.00 horas.
Imaxe de portada: @cfnoia vía Instagram