# Hashtag

Tres equipos celebrarán o ascenso na última xornada da Primeira Futgal

Máxima emoción ata o final. Tres dos seis grupos da Primeira Futgal decidirán o campión e, polo tanto, o ascenso directo na derradeira xornada da competición, que se disputa esta fin de semana.

No grupo 1, a batalla polo ascenso está completamente aberta. Arzúa e Club do Mar chegan empatados a 66 puntos no máis alto da táboa, ocupando a primeira e a segunda posición, respectivamente. O Calo, terceiro clasificado con 62 puntos, xa quedou sen opcións matemáticas, polo que toda a atención estará posta nos duelos do Queixo Mecánico e do conxunto de Caión.

Os dous aspirantes xogarán lonxe da casa. O Arzúa visitará a un Praíña amplamente salvado e sen nada en xogo, mentres que o Club do Mar terá que medir forzas cun Tordoia instalado na zona media da clasificación e tamén sen presión competitiva. O que aconteza neses dous campos marcará o destino do ascenso. Se ambos gañan, será o Arzúa quen regrese á Preferente apenas un ano despois de perder a categoría.



O Ribadumia depende de seu para o ascenso

Outro dos focos de atención estará no grupo 5, que tamén chega ao límite tras o apaixonante duelo da pasada xornada entre Ribadumia e Marín. O encontro caeu do lado dos da Senra, que aproveitaron a oportunidade para asaltar o liderado e depender agora de si mesmos na última cita do curso.

O Ribadumia afrontará a derradeira xornada como primeiro clasificado con 84 puntos, un máis ca o Marín. Só un dos dous poderá celebrar o ascenso directo, mentres que o outro terá que conformarse cunha sempre esixente promoción.

O conxunto arousán recibirá ao Agolada, xa descendido, nun encontro no que buscará culminar o traballo de toda a tempada. Pola súa banda, o Marín despedirá a liga regular na casa, diante do Campo Lameiro, coa esperanza de aproveitar un tropezo do líder.



Tres candidatos no grupo 6

A tensión tamén será máxima no grupo 6, onde a diferenza entre os tres primeiros clasificados é practicamente insignificante. O Xuvenil de Ponteareas chega á última xornada dependendo de si mesmo para lograr o ascenso, despois de liderar a táboa con 79 puntos. Moi preto aparece o Atlántida Matamá, segundo con 78, mentres que o Gondomar mantén vivas as súas opcións desde a terceira praza con 77 puntos.

O calendario, ademais, reservou un auténtico partidazo para baixar o pano á competición. Gondomar e Xuvenil de Ponteareas xogaranse boa parte das súas aspiracións este domingo nas Gaiandas, nun duelo directo cargado de tensión e emoción.

O Atlántida Matamá, pola súa banda, estará pendente do que suceda nese encontro mentres visita no Rosal á UD Ribera, un equipo que xa certificou a permanencia e afrontará o choque sen presión clasificatoria. Todo queda aberto para un desenlace de infarto.



Polo momento xa se confirmaron tres dos seis ascensos directos na categoría, os do Carral, a SD Chantada e o Verín.

Tres equipos celebrarán o ascenso na última xornada da Primeira Futgal

Recta final nas competicións femininas

Tres equipos celebrarán o ascenso na última xornada da Primeira Futgal

Tres equipos celebrarán o ascenso na última