Achégase o final e as calculadoras da Primeira Futgal xa ameazan con toupar! Os afeccionados, xogadores, adestradores e demais compoñentes das entidades futbolísticas da categoría xa están fartos de facer cábalas e de calcular as probabilidades que teñen para lograr –ou non– os seus obxectivos. Mais, os números non valen de nada cando o árbitro fai soar o seu chifre e os Diferenciais comezan a facer das súas…
Chegan boas novas
De setembro a maio poden pasar moitas cousas. Como no caso do grupo 1, onde un equipo pode verse inmerso nunha mala xeira ou ben aproveitar as boas sensacións para firmar un mes redondo.
Logo de varios intentos frustrados, o Carral xa é de Preferente Futgal. Os panadeiros derrotaron por 0 a 1 a un Eume Deportivo que se deixou a pel no campo. Ningún dos dous contrincantes quixo ceder e ambos protagonizaron unha batalla intensa desde os primeiros compases de xogo. A falta dun cuarto de hora para o remate, Jony Fila furou as redes do cadro da Gándara, facendo o primeiro e único tanto do choque. Quen se non? Coa súa contribución, o media punta, home da casa, devolve aos seus a unha Preferente Futgal que se lles resistía desde hai trece anos.
Sorrí o Cedeira logo de vencer ao Perlío por un gol a tres no derbi de Ferrolterra. Así e todo, as ‘cebras’ deberon remontar a diana inicial do seu rival, servíndose dunha anotación de Pep Caballé para igualar a contenda. Malia disputar cinco xornadas unicamente, o interior balear deixou o seu selo en cada unha delas. Unha vez reequilibraron a balanza, os pupilos de Jandro Padín melloraron as súas prestacións e déronlle a volta á tortilla para sacar tres puntos de ouro na súa visita aos Pinares.
No seo do Imperator xa respiran tranquilos, pois o primeiro equipo conseguiu a permanencia ao golear ao Torre (3-0). Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando os herculinos fixeron o primeiro da tarde na Grela. As augas volveron a calmarse despois do golpe vermello e o marcador non variou novamente ata a segunda metade. Foi entón cando Saúl Romay asinou un dobrete para sentenciar o enfrontamento. Aínda que o atacante coruñés volvera esta temporada logo dunha lesión de cruzado, non se lle esqueceu o de meter goles, tal e como probou esta fin de semana.
A cabeza ben alta
Seguir competindo malia non posuír un obxectivo claro require de moito esforzo e motivación. E, sobre todo, da ambición de mellorar.

Por exemplo, o Muxía xa non ten opcións de clasificarse ao play-off, pero presentouse en Compostela e goleou ao Racing San Lorenzo (0-3). Ao cuarto de hora, Fran Moreira abriu a lata para o combinado da Virxe da Barca, moi superior ao seu rival no primeiro treito do encontro. Antes de chegar ao tempo de lecer, Fran engadiu outra diana á súa conta particular e, non contento con iso, volveu á carga para selar un estupendo hat-trick. Con estes tres goles, suma xa 22 no cómputo total da temporada e sitúase como pichichi do grupo 2.
San Pedro celebrou por todo o alto a vitoria do Castriz ante o Praíña por dous goles a un. Decididos a facerse co +3, os pupilos de José Barca saíron enchufadísimos ao terreo de xogo e tomaron a iniciativa aos quince minutos. Unha alegría efémera, pois encaixaron o empate instantes despois, mantendo este resultado ata o final do primeiro tempo. O guión non mudou na seguinte manga, ata que Fabio Blanco puxo por diante aos locais. Ben sexa como titular ou entrando desde o banco, o dianteiro sempre aparece para axudar aos seus.
Para malleira a vivida no Municipal, onde o Bertamiráns lle endosou un claro e contundente 6-0 ao Fisterra. Aos de amarelo e negro non lles custou moito poñerse por diante e, a partir de entón, non houbo quen os frease. Arnejo ampliou a súa renda cunha dupla de anotacións e o partido chegou á pausa cun 3-0 favorable ao ‘Berta’, que non cesou de atacar a portería costeira na segunda parte. Con este +3, dependen dun tropezo do Calo e un triunfo ante o Boimorto para acceder aos play-off de ascenso.

Historia en Cerdeiriños
A emoción no grupo lucense está presente en cada xornada, pero esta fin de semana houbo un grupo de rapaces, a maioría da propia vila, que fixeron historia co seu club. Estamos a falar da clasificación do Monterroso para o play-off!
Completaron esta fazaña lonxe da casa, concretamente en San Miguel de Reinante, logo de deixar na cuneta ao Iberia (1-2). Non foi unha tarefa doada, pois os branquiazuis puxéronse por diante nada máis comezar a disputa. Os nervos e a falta de acerto atenazaron aos de Fer Sánchez, visiblemente incómodos durante os primeiros 45 minutos. No descanso puideron recuperar folgos e, sobre todo, cambiar a mentalidade e o plan de acción. Fixeron o 1-1 cun disparo desde a frontal da área e, nunha xogada exactamente igual, Manu converteu o segundo para desatar a tolemia entres os afeccionados do Monterroso que acudiron ás Valgas.

Por outra banda, o Outeiro de Rei impúxose por un gol a dous ao Xove Lago e dá así un paso de xigante na loita pola permanencia. A pesar de que os mariñáns colleron vantaxe no primeiro cuarto de hora, os xogadores adestrados por Fernando Corredoira mantiveron a calma e lograron reverter a situación. Primeiro, asestaron o empate nunha xogada a balón parado e, xa nos intres finais, David culminou a remontada aproveitando un erro defensivo do Xove. O futbolista incorporouse recentemente á disciplina verde e negra, que rachou por fin coa súa mala dinámica.
O Guntín bateu ao Rácing Vilalbés B por 1 a 0, asentándose na zona media da táboa clasificatoria. Ambas escuadras apostaron polo xogo combinado e ofreceron un bo espectáculo para os seareiros presentes no Ladairo. Tras varias idas e vidas, Mateo fíxose cun balón preto da meta chairega e cun suave toque enviouno ao fondo da rede, xusto a rentes do pau. Os de Iván Lamas buscaron a reacción en todo momento, pero non foron capaces de arrincar un punto e remataron caendo pola mínima.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.







































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































