O referente goleador do Dumbría, Diego Estévez (Fisterra, 22 anos), liderou a listaxe dos Diferenciais, con ata sete aparicións na listaxe de xogadores destacados da Primeira Futgal que publicou semana a semana FutbolinGalicia. Con 37 goles, Estévez foi o máximo goleador da categoría, nunha temporada exitosa para o conxunto do Conco, que conseguiu o ascenso a Preferente ao asaltar o liderado do grupo 2 no último treito de liga.
FutbolinGalicia: Remataches a liga regular como máximo goleador, con diferenza, dos seis grupos da categoría. Que supón iso para ti?
Diego Estévez: «Supón unha felicidade tremenda, xa que eses goles axudaron a gañar a liga. A verdade é que nunca pensei en superar o primeiro ano que fixera no Dumbría [na temporada 2022/23], pero este curso estiven acertado de cara á porta».
FIG: Como te definirías no campo?
D.E: «Como unha persoa que sempre quere gañar, coa portería rival sempre en mente. Dá igual o que pase que eu vou seguir intentándoo, ademais de ter uns compañeiros que son uns fenómenos que fan mellor a calquer xogador que teñen ao lado».
FIG: Falar de 37 goles é falar de moitos goles. Pero hai algún gol especial esta temporada? Algún gol que vaias lembrar por riba dos outros.

D.E: «Este ano hai para escoller, pero quedaríame cos máis recentes, que son o que anotei ante o Club do Mar para arrebatarlles o liderado ou o de Calo, que axudou para acadar o título».
FIG: Levabas dúas temporadas moi goleadoras, e agora a ese bo momento persoal sumóuselle o éxito colectivo co ascenso. Como valoras esta campaña?
D.E: «A esta temporada doulle un 10! Tanto a nivel individual como colectivo cumprimos con crecer todo o que se agardaba. E, sobre todo, creamos un equipazo, un grupo da ostia!”.

A Copa da Costa, o novo obxectivo
FIG: Vemos que aínda che quedan goles por marcar. Anotaches dous este domingo no partido de Copa ante o Puenteceso (1-5). Que expectativas tedes nesta competición?
Diego Estévez: «Se eres da Costa, esta competición é -como se di sempre- a máis bonita. Eu teño unha Copa e corroboro que é unha pasada gañala. Nós imos pouco a pouco; xa estamos en semifinais e imos ir con todo a por ela para intentar redondear máis esta gran tempada».
FIG: Tras unha campaña tan boa, soa moito o teléfono e chegan moitas ofertas?
D.E: «Polo de agora estou centrado en acabar co Dumbría. Algunha soou, pero ata que acabe a Copa non quero escoitar nada. Despois xa se verá».
Diego Estévez, en curto
- Primeiras botas de fútbol que lembres? F50
- Ídolo futbolístico da túa infancia? Kun Agüero
- Un campo no que xogaches? O Conco
- Algunha rutina os días de partidos? Comer fideos con polo sempre
- A túa canción preferida? Cabaliño, que foi a canción do ascenso
Imaxe: Cedida
