# Hashtag
#Fútbol Feminino #Terceira Galicia Feminina

Terceiro capítulo dos ascensos na Terceira Galicia

Os equipos xa comezan a pensar no camiño cara á vindeira tempada, especialmente aqueles que afrontarán un novo reto en Segunda Galicia. É o caso do Crendes, Chantada, Cariño, Perlio . Conversamos con varias das súas xogadoras para coñecer como viviron o ascenso de categoría.

O Crendes consigue un ascenso axustado

O Xuventude Crendes competirá a próxima tempada en Segunda Galicia tras ser un dos mellores terceiros clasificados, neste caso do grupo 2. O conxunto coruñés quedou a só un punto do Curtis, segundo clasificado, e consegue así o regreso á categoría tres tempadas despois cun equipo renovado. Unha das pezas fundamentais é a súa capitá, Alba Gómez, que relata como viviron este ano.

«Este ascenso para o equipo supón unha recompensa ao esforzo, ao compromiso, á confianza que temos unhas nas outras e nos nosos místeres, Orgui, Miguel e Kytos, pero sobre todo á piña que tivemos. A piña gaña partidos».



No Crendes, explica Alba, a maior parte do equipo estaba formada por xogadoras moi novas. «Eran case todas menores de idade e, na maioría dos casos, rapazas que comezaron aquí. Ver como melloran e como cada día están máis seguras de si mesmas non ten prezo».

O compromiso do grupo foi unha das claves para conseguir un ascenso que xa se marcaran como obxectivo desde o inicio da tempada. «O compromiso de ir adestrar, aínda cando non era fácil, por estudos ou traballo, pero aí estabamos, fose en Vizoño, Meangos ou onde tocase ir».

Alba tamén destaca a unión do vestiario e o apoio recibido durante todo o curso. «O cariño que nos temos unhas ás outras, sempre animando e apoiando. Cando unha caía, había vinte mans para levantala«.



«Tamén quero mencionar, porque o merecen e sempre foron o noso xogador número doce, á nosa afección. Fosemos onde fosemos, alí estaban animando. Foron clave para que os nosos obxectivos se cumprisen».

A igualdade da competición obrigounas a pelexar ata o final. «Sempre quixemos ascender porque sabiamos que entre todas podiamos, pero tamén sabiamos que non ía ser fácil. Un mal partido podía custarche o ascenso e tiñamos rivais moi sólidos como o Cerceda, o Curtis e o Meicende. Pero nunca deixamos de crer nin de confiar en que podiamos conseguilo».



A capitá recoñece que tamén viviu momentos de presión ao longo da campaña. «Tiven momentos duros porque, a pesar da confianza nas compañeiras e nos adestradores, sentía que un erro podía significar dicirlle adeus ao posible ascenso. Pero había que seguir adiante e, cando chegou o día, foi todo unha festa, que ademais en Crendes gústanos moito».

Alba afrontará agora a súa novena tempada no club co regreso á Segunda Galicia. «Pode parecer unha tontería, pero ascender con rapazas coas que levas anos xogando, que comezaron ao teu lado e incluso con algunhas ás que adestrei en alevíns, é a hostia. Estamos supercontentas, listas para comezar a pretempada e dar o máximo en Segunda».

O Chantada regresa un ano despois

Despois dun ano en Terceira Galicia, o Chantada conseguiu regresar á Segunda Galicia tras rematar na segunda posición do grupo 4, a só tres puntos do líder, o Friol B. Noela Pérez, xogadora do conxunto chantadino, explica como viviron esta campaña.

«Este ascenso significa moito. É o premio ao traballo, ao esforzo e ao sacrificio durante toda a tempada. Conseguilo só un ano despois de descender é unha alegría inmensa. Despois do duro que foi o ano pasado, volver aquí aínda sabe mellor».

O ascenso era un obxectivo que o equipo tiña marcado desde o inicio. «Sabiamos que non ía ser fácil, pero confiabamos. Ao final, todo se resume en xuntar a motivación por conseguilo co traballo diario de todo o equipo. Ese esforzo conxunto deu os seus froitos e este ascenso é o resultado».



Para Noela, a clave estivo na unión do grupo. «Somos un grupo con idades moi heteroxéneas e con algunhas rapazas que levan pouco tempo, pero todas lle puxemos ganas, compromiso e traballo desde o principio».

A futbolista recoñece que esta foi unha tempada especial. «A tempada pasada foi bastante dura. Este ano chegamos con máis ganas, fomos mellorando pouco a pouco e estou moi feliz de ver como construímos o ascenso xuntas, desde o vestiario ata o campo».



Primeira vez en Segunda para o Cariño

O conxunto cariñés continúa escribindo a súa historia e conseguiu o ascenso a Segunda Galicia no seu segundo ano de vida. O equipo rematou na segunda posición do grupo 1, por detrás do CD Narón. Ese posto permitiulle dar o salto de categoría, xa que ascenden os dous primeiros clasificados de cada grupo.

O Cariño pechou a campaña como o equipo máis goleador do seu grupo, con 109 tantos. Unha das grandes protagonistas foi Noelia Pérez, máxima anotadora do conxunto con 42 goles.

«Tanto para nós como para o club e toda a xente que nos apoia, este ascenso supón un logro moi bonito e importante, algo histórico. É un chute de motivación porque aumenta a nosa confianza e as ganas de cara á próxima tempada».

O equipo no último encontro da temporada. Foto: CD Cariño

Nun primeiro momento, o ascenso non entraba nos plans do equipo. «Vendo como nos fora a tempada pasada, non o tiñamos como obxectivo. Tivemos algún bo reforzo e sabiamos que podiamos mellorar, pero en ningún momento o puxemos como meta». Foi co paso das xornadas cando comezaron a crer que podían loitar polo ascenso.

Para Noelia, a unión e o compromiso do grupo foron fundamentais. «Gustaríame destacar a enorme vontade que tivo unha das miñas compañeiras de asumir o papel de porteira sen ser o seu posto. Ese compromiso e o traballo dos adestramentos foron claves».

A nivel persoal, rematou a campaña moi orgullosa. «Empecei con nervios e un pouco de presión, xa que a tempada pasada conseguira marcar bastantes goles cando cheguei ao Cariño e tiña medo de non cumprir coas expectativas este ano. Pero grazas ao esforzo e ao traballo, tanto persoal como das miñas compañeiras, conseguín pequenos obxectivos individuais e tamén o obxectivo colectivo, que para min é o máis importante. Síntome moi orgullosa da miña tempada e de poder axudar ao equipo con goles, pero sobre todo do que conseguimos como grupo, porque sen as miñas compañeiras tampouco podería render tan ben. Ao final, cando a xente do teu redor che esixe e te motiva, dás o mellor de ti«.

O Perlio culmina a súa volta

O Perlio tamén competirá a próxima tempada en Segunda Galicia despois de rematar na terceira posición do grupo 1 con 48 puntos, un máis ca o Val B. Esa mínima diferenza permitiulle ao conxunto de Fene conseguir o ascenso e regresar á categoría. Alba Permuy, que renovou recentemente o seu compromiso co club, explica como viviron este logro.

«Supón a recompensa a todo o traballo e esforzo realizado durante a tempada. É un premio para todo o equipo, o corpo técnico e tamén para as nosas familias, que estiveron apoiándonos en todo momento».

O ascenso era un dos obxectivos que o equipo se marcara desde o inicio do curso. «Sabiamos que non ía ser fácil, pero confiabamos no grupo e traballamos cada día para conseguilo».

Para Alba, o éxito chegou grazas á fortaleza do grupo. «A unión do equipo, o compromiso de todas e o traballo constante. Nunca deixamos de crer, mesmo nos momentos máis complicados».

A futbolista recoñece que foi unha campaña moi intensa, pero que o esforzo acabou tendo recompensa. «Vivina con moita ilusión e intensidade. Houbo momentos difíciles, pero tamén moitas alegrías. Estou moi orgullosa do esforzo de todo o equipo e de formar parte deste ascenso».

Terceiro capítulo dos ascensos na Terceira Galicia

Os Vintage: Pontellas 2018/2019

Terceiro capítulo dos ascensos na Terceira Galicia

Terceiro capítulo dos ascensos na Terceira Galicia