# Hashtag

Os gladiadores da Primeira Futgal son os Diferenciais (P. II)

A Primeira Futgal estase a converter nun coliseo romano nestas últimas datas, pois a meirande parte dos equipos seguen con esperanzas de lograr os seus obxectivos. Agás o Chantada, os líderes de cada un dos grupos deberán rillar o campo se queren o título, igual que lles sucede aos pechacancelas da competición cuxas balas se están a esgotar. En calquera caso, vai ser necesaria toda a axuda posible dos seus xogadores máis Diferenciais.

Pola mínima tamén vale

A falta de tres xornadas para o remate da competición, non importa o xeito co que un gaña os partidos senón, simplemente, gañalos. Preguntádello a estes conxuntos ourensáns…

Case dous meses despois, A Peroxa volve á senda da vitoria fronte ao Allariz (1-0). A igualdade foi unha constante desde o inicio, con ambos contrincantes plantados no terreo de xogo e dispostos a non ceder tan sequera un punto. Logo de varias idas e vidas, Corral adiantou aos do Marco, que se foron ao descanso por diante no electrónico. Os homes de Josiño souberon controlar o resto do encontro para selar tres puntos moi necesarios e rachar coa súa mala xeira.



O Francelos colle un balón de aire ao superar por cero goles a un ao Polígono San Cibrao. A Damián bastáronlle vinte minutos para abrir a lata e poñer en vantaxe aos ribeiráns. Trátase da oitava diana para o atacante de Celanova, que está a realizar unha magnífica campaña co conxunto da Valboa. O ‘submarino amarelo’ tentou a reacción, pero nin a sorte nin o acerto estiveron do seu lado e remataron caendo no seu propio feudo. Con este resultado, os industriais encadean cinco fins de semana sen sumar de tres.

Tirar de épica pode saír mal mais, neste caso, a xogada saíulle redonda ao Loñoá. O cadro da cerámica venceu por 4 a 3 ao Nogueira de Ramuín nun enfrontamento de infarto para calquera afeccionado –de calquera das dúas entidades –que decidiu achegarse ata a Carabina. En apenas dez minutos, o xuvenil André pasou de estrearse como goleador na Primeira Futgal a asinar un dobrete. Con todo, os pupilos de Toño Cerdeiro non lle perderon a cara ao partido e foron capaces de igualar a contenda. Xa na prolongación, o Loñoá deu o último e definitivo golpe para facerse co triunfo e acadar a salvación matemática.

Coa cabeza ben alta

O tópico de quedar “en terra de ninguén” non vai coa realidade do grupo 5, onde todos os participantes continúan a loitar sen importar se teñen ou non un obxectivo claro a estas alturas.



No Salgueirón viviuse un duelo apaixonante entre Arcade e Valiño, resolto cun 3 a 2 favorable aos primeiros. Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando Fer Crespo fixo o primeiro gol dos ostreiros. Os visitantes non baixaron os brazos e reequilibraron a balanza nun santiamén para, pouco antes de chegar ao entretempo, tomar a iniciativa. Co paso dos minutos, o Arcade volveu recuperar sensacións e, xa no treito final, puido poñer táboas no electrónico co segundo de Fer Crespo. O 2-2 deulle ás aos pupilos de David Eirín e estes completaron a remonta no tempo engadido.

Tívoo máis doado o Cordeiro, pois os de Valga non tiveron reparo en golear a un Agolada (4-0) que apura as súas opcións para estar na Primeira Futgal o vindeiro ano. Os locais deron un paso adiante na segunda parte e, liderados por Moisés, acabaron con toda a esperanza dezá. Quen se non? Xa é habitual que o ariete do Baño vexa porta o domingo, pero nesta ocasión fíxoo ata en tres ocasións. O seu hat-trick serviulle ao Cordeiro para encarrilar as cousas e soñar –por que non? –co terceiro posto.

Por outro lado, o Flavia fixo os deberes e derrotou por un gol a dous ao Pontecaldelas. Iso si, debeu darlle a volta á tortilla porque os primeiros en golpear foron os de Chan da Barcia. Chegados á segunda metade, os xogadores celestes meteron unha marcha máis e puxeron o 1 a 1 nunha acción culminada por Pablo Martínez. O medio vigués volveu aparecer no último suspiro para selar o seu dobrete e darlle os tres puntos ao combinado dirixido por Camilo Perol.



A polo sprint final

Aínda queda moita tea que cortar no grupo vigués, onde os 9 puntos en xogo poden producir subas e baixas determinantes…

Finaliza a mala dinámica do Ribera despois de golear por seis goles a dous a un Tomiño que non pasou a súa mellor tarde na Mata. Os futbolistas do Rosal foron máis madrugadores e, sobre todo, eficaces, pois converteron a súa primeira oportunidade aos dous minutos. Unha pena máxima ao bordo do descanso e outro tanto á volta permitiulles aos visitantes soñar coa remontada, pero todo cambiou coa aparición de Raúl Alonso. Seu foi o dobrete que lle serviu ao conxunto da Mata para encarrilar as cousas e lograr, por fin, a permanencia.

5 meses máis tarde, o Goián volveu sumar os tres puntos ao tombar por 4 a 3 ao Vilaboa. Así e todo, os do Lito Oliveira non comezaron con bo pé e encaixaron unha diana do seu rival nos treito inicial. Co paso dos minutos melloraron e lograron voltear a situación no engadido da primeira parte, grazas en parte ao olfacto goleador de Julián. O equipo de Cobres volveu á carga e puxo o 2-3 no marcador, pero os do Baixo Miño souberon repoñerse e contrarrestar eses dous golpes con outros dous.

Non houbo sorpresa e o Atlántida de Matamá desfíxose sen dificultades do Vila do Corpus (4-1). Roubar puntos en Penedo da Moo é tarefa complicada, e máis cando os vigueses se adiantan ben cedo, tal e como sucedeu o domingo. O dominio dos pupilos de André González continuou ao longo deses primeiros 45 e minutos, a pesar de que os ponteareáns reduciron a fenda antes de chegar á pausa. Nada máis volver, Manu Martínez fabricou o terceiro gol, sacudindo calquera ápice de dúbida por parte dun Atlántida Matamá decidido a facerse co ascenso.

Gonza (Atlántida de Matamá) tira un túnel. FOTO: @aaronchifdez

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.



Os gladiadores da Primeira Futgal son os Diferenciais (P. II)

Os gladiadores da Primeira Futgal son os

Os gladiadores da Primeira Futgal son os Diferenciais (P. II)

Os gladiadores da Primeira Futgal son os