O Atlántida de Matamá regresou á Preferente apenas un ano despois do descenso tras completar un ascenso agónico na derradeira xornada. O conxunto vigués venceu ao Ribera e aproveitou o tropezo do Xuvenil de Ponteareas para culminar unha remontada que se celebrou por todo o alto no vestiario e na bancada.
Un dos grandes protagonistas do curso foi Álex de Francisco. O defensa asinou dez goles nunha tempada marcada pola súa regularidade e mesmo xogou lesionado durante boa parte da segunda volta para axudar ao equipo a volver á categoría. O futbolista destaca a forza do grupo, o ambiente humano do club e a capacidade do equipo para levantarse tras o duro golpe sufrido en Vilaboa a falta de tres xornadas para o remate da liga.
Futbolingalicia: O Atlántida de Matamá volve a Preferente un ano despois cun ascenso épico na última xornada. Que sensación ten hoxe o equipo logo do traballo feito e da celebración?
Álex de Francisco: «A verdade é que foi unha tempada incrible e fomos capaces de culminala na derradeira xornada. É moi complicado regresar un ano despois do descenso e conseguimos facelo grazas ao gran grupo que formamos. Ao inicio da tempada non nos marcabamos como obxectivo o ascenso directo, senón estar o máis preto posible dos postos altos, pero a medida que os resultados acompañaban a ilusión foi medrando. A sensación final é que o equipo acabou onde merecía e puidemos celebralo cunha gran festa».
FIG: Como se viviron as noticias que chegaban de Gondomar sobre o resultado do Xuvenil de Ponteareas?
ADF: «Desde o primeiro momento o equipo centrouse en facer os deberes, que era gañar ao Ribera. Durante a semana xa tiñamos confianza en que o Xuvenil non o ía ter nada fácil nas Gaiandas porque o Gondomar é un gran equipo e ese campo é moi complicado. Nós fixemos o noso traballo e, a medida que avanzaba o partido, a nosa afección celebraba os goles do Gondomar, algo que nos foi tranquilizando porque cada vez viamos máis preto o ascenso».

FIG: Que significa para ti marcar dous goles no día decisivo?
ADF: «Nesta pregunta teño que confesar unha cousa: o terceiro gol non foi meu, foi de Guille Fernández. Foi unha xogada no último segundo e, coa emoción do momento, cando o árbitro me preguntou quen marcara eu dixen que fora meu porque xa nin lembraba o resultado exacto. Pero si que foi moi especial marcar o segundo gol, porque lle deu moita tranquilidade ao equipo e achegounos un pouco máis ao ascenso».
FIG: Como definirías a loita a tres bandas polo ascenso?

ADF: «Foi unha loita moi bonita. O equipo estivo durante toda a tempada na zona alta e competimos con rivais de moito nivel. Na recta final, Gondomar e Xuvenil de Ponteareas puxéronnos as cousas moi difíciles, tanto que o Xuvenil chegou a superarnos durante dúas xornadas. Para min foi un final de tempada moi intenso, pero tamén moi emocionante de vivir».

FIG: Como foi capaz de recuperarse o equipo do golpe en Vilaboa, cando parecía que se escapaba o ascenso?
ADF: «A derrota en Vilaboa foi un auténtico golpe. O equipo saíu moi tocado dese partido, pero durante a semana fomos capaces de unirnos aínda máis. Falamos moito entre nós e co corpo técnico, intentamos limpar a cabeza nos adestramentos e tamén desconectar con varias ceas de equipo. Creo que a clave foi que este grupo pasou de ser un equipo de compañeiros a un grupo de amigos».
FIG: Cales foron as claves deste ascenso?
ADF: «A unidade e a amizade entre todos os xogadores, ademais da gran relación co corpo técnico. Tamén houbo dúas persoas fundamentais durante toda a tempada, Enrique e Gelu, que están sempre aí na sombra facendo todo polo club. Para nós eran unha motivación extra. Ademais, ao ser un grupo moi novo, fixemos moita vida xuntos fóra do campo e iso acabou reflectíndose tamén no terreo de xogo».

FIG: Que significa para ti devolver ao club á categoría tras vivir o descenso na túa propia pel?
ADF: «A tempada pasada foi das máis duras que vivín no fútbol. Houbo moitas baixas e o equipo nunca conseguiu estabilizarse. Eu tiña clarísimo desde o primeiro momento que quería seguir no Matamá para intentar devolver o club ao lugar que merece. Son moi feliz aquí e conseguir este ascenso é unha alegría enorme».
FIG: Meteches dez goles sendo defensa. Que valoración fas da túa tempada?
ADF: «Recordo unha cea de Nadal na que, entre bromas, dixen que ía marcar dez goles esta tempada. Parecía imposible, pero ao final conseguino. Foi unha das campañas máis bonitas da miña carreira, aínda que tamén moi dura fisicamente porque desde febreiro convivín cunha pubalxia que apenas me deixaba adestrar. Quixen forzar ata o final porque tiña claro que quería ascender co equipo. Foi unha tempada moi dolorosa a nivel físico, pero inesquecible a nivel persoal e colectivo».
FIG: Regresas a Preferente, unha categoría na que non conseguiches manterte nos teus dous anteriores intentos. Como afrontas o novo reto?
ADF: «Os meus amigos sempre me vacilaban chamándome «o home dos descensos», así que espero que á terceira vaia a vencida. Afronto a próxima tempada con moita ilusión e co obxectivo principal de lograr a permanencia. Pero tamén creo que será clave manter o bo grupo humano que construímos este ano».
FIG: Como valoras os teus pasos pola base de Areosa, Celta e Coruxo?
ADF: «Tiven a sorte de formarme en tres grandes clubs da cidade. No Areosa pasei moitísimos anos e é unha segunda casa para min. Sempre lembro que ía ver adestrar ao meu irmán maior e estaba desexando cumprir a idade para poder empezar eu tamén. No Celta foi un orgullo enorme vestir a camiseta do equipo da miña cidade e no Coruxo puiden competir na mellor categoría do fútbol base cun grupo de amigos espectacular. Levo grandes recordos de todos eses anos».

































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































