# Hashtag

Junior Moreno, Verín CF: «Non hai nada máis bonito que ascender na casa contra o teu máximo rival»

O Verín CF certificou o ascenso a Preferente nunha tempada practicamente perfecta, culminada cun triunfo no derbi fronte ao Monterrei que desatou a festa no José Arjiz. Un dos grandes protagonistas do curso foi Junior Moreno, autor de 24 goles en liga e referencia ofensiva dun equipo que dominou o grupo desde as primeiras xornadas.

O dianteiro repasa o camiño ata converterse nun dos nomes propios da categoría, desde os seus inicios no fútbol profesional en México ata as experiencias en Brasil, Colombia ou Polonia antes de asentarse en Galicia. Ademais, o colombiano destaca a confianza recibida no Verín e o papel fundamental da afección neste ascenso.

Futbolingalicia: O Verín conseguiu finalmente o obxectivo do ascenso. Que valoración fas da tempada?



Junior Moreno: «A verdade é que cualifico a tempada como moi boa para nós. Mellor non a podiamos pedir. Foi unha campaña sobresaliente».

FIG: Ademais, lográdelo no derbi fronte ao Monterrei (1-0). Como foi o partido?

JM: «Como todos sabedes, o Monterrei é o gran derbi do Verín. Decateime diso nada máis chegar ao club e non hai nada máis bonito que ascender na casa contra o teu máximo rival. Estamos moi contentos por conseguir o ascenso desa maneira».



FIG: Que tal foi a festa de celebración para o equipo?

JM: «Creo que os ascensos, como todos os títulos, son moi importantes. Os campionatos hai que celebralos e nós celebrámolo como se merece».

FIG: Gran parte dos méritos teñen que ver cos teus 24 goles en liga. Como te sentes tras conseguir estes rexistros?



JM: «A verdade é que os goles sempre caracterizaron o meu xogo. Son un xogador ao que lle gusta marcar e desde pequeno inculcáronme a idea de que os dianteiros viven dos goles. Estou moi contento polos 24 tantos e creo que aínda podo facer algún máis nestas dúas últimas xornadas. O obxectivo é superar os 25 goles. Espero marcar un par máis ante Velle e A Peroxa».

FIG: Como influíu a afección neste logro?

JM: «Estou moi agradecido e moi contento coa afección. Sempre nos demostrou o seu apoio e, alá onde iamos, eles estaban aí. Este triunfo tamén é para eles e quero agradecerlles que estean sempre co equipo».

FIG: Que te levou a asinar polo Verín no verán?

JM: «Como todos saben, a min non me fichou directamente o Verín. Fun facer unha proba na pretempada por medio dun coñecido que lles falou de min. Xa me coñecían, pero primeiro querían verme. Ao final decidiron ficharme e estou moi agradecido ao club porque me abriu as portas da súa institución. Déronme a oportunidade e eu aproveiteina».



FIG: Xa viviras tres etapas en Galicia (Antela, Celanova e Escairón), pero non foran tan boas como esta no José Arjiz. Que cambiou para asinar unha tempada tan espectacular?

JM: «Creo que a principal diferenza foi a oportunidade. Cando chegas a un club e che dan confianza para demostrar o que vales, xa depende de ti responder. Iso non o tivera nos outros equipos, porque nunca puiden contar con esa continuidade para demostrar o meu talento. No Verín déronme esa oportunidade e creo que a aproveitei ben. Os números están aí». 



FIG: Como acabaches chegando a Galicia?

JM: «A historia é un pouco longa, pero vou resumila. Eu estaba en Colombia na época da pandemia e un empresario fíxome unha proposta para ir a Polonia. Fun para alí, xoguei unha tempada e foime ben, pero a miña muller estaba en España. Ela díxome que aquí podiamos facer vida e que eu podía buscar un equipo. En Polonia estaba cobrando e vivindo do fútbol, pero tamén estaba só e era complicado. A vida alí é diferente. Decidín virme para Galicia e agora este é o noso futuro. Estamos moi felices aquí e intentamos aproveitar ao máximo esta experiencia porque sempre nos trataron moi ben».

FIG: Falando desa etapa en Polonia. Como foi aquela experiencia?

JM: «Ese ano en Polonia non foi unha mala experiencia porque futbolisticamente foime moi ben. Marquei 13 goles en 16 partidos. O máis complicado era o aspecto psicolóxico: estar só, o ambiente frío… foi duro nese sentido. Aínda así, gardei moi boa relación coa xente de alí e sigo tendo as portas abertas. De feito, incluso tiven a oportunidade de mandar ao meu irmán para xogar alí e agora está seguindo os meus pasos. A experiencia foi positiva».

FIG: En América xogaches en México, Brasil e Colombia. Cóntanos un pouco de cada etapa e da túa evolución como futbolista.

JM: «Estou moi agradecido a México porque foi o país que me abriu as portas no fútbol profesional. Alí tiven adestradores moi bos que hoxe forman parte do corpo técnico da selección mexicana ou traballan na primeira división do país. Débolles moito porque foi onde debutei como profesional. Despois marchei á terceira división de Brasil e tiven a oportunidade de ser campión. Máis tarde chegou unha proposta para volver a Colombia, a un equipo da Segunda División. No Fortaleza foime moi ben grazas a Deus e conseguín marcar varios goles. Por desgraza chegou a pandemia e a miña carreira tivo unha parada importante, o que me levou posteriormente a Polonia. A miña carreira foi moi rápida, pasando de país en país e de equipo en equipo, pero estou agradecido a Deus por ter a oportunidade de vivir do fútbol profesional. Agora estamos aquí en Galicia disfrutando do fútbol, que é o máis importante. Quizais non sexa fútbol profesional, pero intentamos competir ao máximo e seguir gozando deste deporte tan bonito». 

Junior Moreno, Verín CF: «Non hai nada máis bonito que ascender na casa contra o teu máximo rival»

Loita de xigantes entre o Marín e

Junior Moreno, Verín CF: «Non hai nada máis bonito que ascender na casa contra o teu máximo rival»

Junior Moreno, Verín CF: «Non hai nada