O líder é cada día máis líder. Ese podería ser o resumo das últimas xornadas no grupo galego da Terceira RFEF. A UD Ourense segue acumulando vitorias e esta fin de semana aproveitou a contundente derrota do Rácing Villalbés na súa visita á Estrada (4-1) e o empate da Sarriana en Barbadás (0-0) para ampliar a súa vantaxe. Faríao nun partido moi igualado en Barraña fronte ao Boiro (0-1), marcado pola polémica arbitral ao serlles anulados dous tantos aos locais.
⚽️ Imos cos resumos de 3ª @futgal
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) March 24, 2025
⚔️ @CDBoiro 0-1 @UDOurense2014
👉 Guisande marca e fai que a U. D. Ourense acariñe a Segunda Federación pic.twitter.com/F9RdTGBEse
Estradense e Alondras, dous valores á alza
Entre os equipos do play-off, agora mesmo destacan dous: o propio Estradense e, especialmente, o Alondras, cuxa dinámica só se pode comparar á dos ourensáns. Os adestrados por Manuti foron capaces de golear a un dos seus rivais directos, o Villalbés, e parecen recuperar o ton do primeiro tramo da tempada xusto no momento máis necesario. Pola súa parte, os cangueses continúan esplendorosos e gañaron, tamén cunha goleada, ao Viveiro (4-0).
⚽️ Goleada no Municipal da Estrada
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) March 24, 2025
⚔️ @CD_Estradense 4-1 @racingvillalbes
👉 Os goles de Gamarra, Porrúa, Ángel Landeira e Carabán danlle a vitoria ao Estradense pic.twitter.com/m0H4ah39tM
Continuando coas goleadas que deixou a xornada, séguelles de preto o Arousa, que gañou ao Valladares (0-4) e conseguiu os tres puntos despois de catro xornadas sen facelo. En terra de ninguén, o Noia e o Silva empataron (2-2) e o Gran Peña gañou ao Polvorín (3-2).
Máxima igualdade na loita pola salvación
Na parte baixa da táboa, o Atlético Arteixo sumou a súa segunda vitoria consecutiva, fóra da casa contra o Villalonga (0-1), e encabeza o primeiro posto na rea de equipos que están inmersos na loita pola salvación (ata oito). O Somozas empatou co Betanzos (1-1), e xa arrastra máis de dous meses sen gañar. Todo por decidir na Terceira RFEF cando restan dous meses para o final.
