En FutbolinGalicia non nos esquecemos de tódolos xogadores, técnicos, árbitros ou siareiros que pasaron hai anos polas nosas categorías sénior. Sen a súa gran contribución non poderiamos gozar na actualidade dunha gran saúde en categorías tan especiais coma a Terceira RFEF, a Preferente Futgal ou a Primeira Futgal. «Os Vintage» é a súa sección. A de todos aqueles que aportaron un gran de area para que o fútbol galego sexa, sen dúbida, do mellorciño do fútbol estatal. Nesta entrega falamos con José Elías Bugallo Corrales, ex-xogador (dende Terceira Rexional a Terceira División), actual adestrador, pai e policía. A súa paixón polo fútbol é máis que palpable nas súas verbas.
FutbolinGalicia (en adiante FIG): De que equipos formaches parte como xogador?
José Elías Bugallo (en adiante JEB): «Dende os oito aos vinte e cinco anos xoguei no Gran Peña. Os cinco anos de sénior foron en Terceira Rexional. Despois estiven no Sporting Celanova e no Atlético Villamarín, en Preferente. No Areas tiven dúas etapas, a primeira de dous anos en Preferente e a segunda, tamén de dous anos, en Terceira División. Entre ambas etapas no Areas xoguei catro tempadas no Porriño Industrial, en Preferente.»
«A continuación formei parte do Salceda de Caselas durante 6 anos, entre Preferente e Primeira Rexional. Acabei na UD Mos, xogando catro tempadas entre Primeira e Segunda Rexional, retirándome a pouco de cumplir 46 anos.»
FIG: E coma adestrador?
JEB: «Agora mesmo levo tres anos sendo o segundo adestrador do sénior e adestrador do xuvenil A da UD Mos.»

FIG: Case 20 anos no Gran Peña. Que significa o club para ti?
JEB: «Supón a formación, non soamente como futbolista senón tamén dos valores que un deporte de equipo ensina: traballo día a día, respecto polas normas e polas persoas, alegría por facer o que che gusta… Recordo esa etapa como algo moi parecido á felicidade plena.»
FIG: Algunha anécdota ou situación a destacar desta longa etapa no Gran Peña?

JEB: «Inverno de 1996, xornada dezaseis da Terceira División. Era unha tarde de chuvia e vento en Burela, 16:00 horas. Saímos quentar e dirixímonos a trote cara á bancada, na que soamente había tres personas. Cando paso correndo ao seu carón, un deses afeccionados comeza a berrar «cordobés» (naquela época era famoso ese torero). Xa podes imaxinar as risas e bromas dos meus compañeiros desde entón. Despois de trinta anos aínda me chaman así.»
FIG: Como se produciu a túa chegada ao Sporting Celanova e ao Atlético Villamarín?
JEB: «Foi debida a miña etapa de estudante na Universidade de Ourense. Estiven cedido seis meses en cada un deles debido ao esforzo que supoñía adestrar en Vigo.»
FIG: Estiveches en dúas etapas distintas no Areas. Nel xogaches 3 anos en Terceira División. Había máis nivel antes ca agora nesta categoría?
JEB: «Tería que poder xogar neste intre para poder ser totalmente obxectivo. Aínda así teño en mente xogadores e equipos aos que me enfrentei e que fan que recorde o nivel daqueles anos.
Racing de Ferrol, Cerceda, Coruxo, Deportivo B, etc. Xogadores coma Curro Vacas, Poratti, Aira, Castiñeiras, Rodri, Xaco Cabrejo, Franqueira, Joselu, Manu Barreiro… Entendo que o nivel era moi bo e algúns clubs eran practicamente profesionais.»

FIG: Porriño tamén figura no teu currículo. Algún recordo que gardes con agarimo destes 4 anos alí?
JEB: «Sen ser moito de fútbol foi o nacemento das miñas fillas máis vellas, co que supón ser pai primerizo e dúas dunha tacada. Tamén gardo moi bo recordo de moitos compañeiros, como o segundo adestrador do Celta Rober Fernández, daquel entón un rapaz moi tímido que chegaba do equipo xuvenil para facerse un sitio nisto do fútbol.»
«Recordo xogar dúas fases de ascenso a Terceira División, unha contra o Club Deportivo Foz e outra contra o Endesa As Pontes. Aínda que gañamos as dúas non puidemos ascender.»
FIG: Despois chegaron 6 tempadas entre Primeira Rexional e Preferente no Salceda de Caselas. Que destacas desta etapa?
JEB: «Cheguei a Salceda con 36 anos, cando xa tiña medio decidido deixar o fútbol debido ao meu traballo de policía local en Vigo. Cada vez era máis difícil compaxinar traballo e adestramentos, tendo que renunciar a moitos días coa familia.»
«En Salceda fixeron que todo fose máis sinxelo, o que me levou a estar seis anos no pobo e sentirme coma na miña casa.»
FIG: A UD Mos foi o club no que te retiraches como xogador e no que eres actualmente adestrador. Cóntanos que supón o club para ti e como é o teu día a día nel.
JEB: «Á UD Mos cheguei a través do que fose o meu presidente no Porriño, Moncho Bastos, que daquela era o adestrador do equipo. Eu xa tiña 42 anos e na casa non querían verme máis sen poder andar con normalidade ata o mércores despois de cada partido. Aínda así a miña paixón por xogar levoume a convencer á familia coa excusa de que vivimos no pobo dende hai 20 anos.»
«Agora mesmo vexo o club como algo propio, un sentimento de pertenza absoluto. Para min é importante que tres das miñas catro fillas son xogadoras do club.»
«O día a día é de bastante traballo: tres adestramentos semanais de arredor de dúas horas co xuvenil A, o mesmo co sénior, ademais da xornada de fin de semana. O sábado á tarde normalmente xoga o xuvenil e o domingo á tarde faino o sénior. Entre preparar e realizar adestramentos coido que se me van semanalmente unhas 26- 27 horas.»
FIG: Cal e a túa filosofía coma adestrador?
JEB: «Como adestrador entendo o xogo como o facía cando era xogador; dende a paixón. Isto fai que todo o traballo que supón o día a día sexa case sempre dos mellores momentos da xornada. Paixón é igual a traballo.»