O fútbol feminino galego vive nestas semanas a súa época máis festiva coa celebración das finais das distintas copas e o remate das competicións de liga. Con varias xa resoltas e outras por decidir, repasamos o que está dando de sí esta edición de copas de 2025.
Copa Deputación de Pontevedra: o Domaio impúxose en Pasarón
Nun marco tan simbólico como o Estadio de Pasarón, o Domaio venceu ao Casablanca e proclamouse campión da Copa de Pontevedra. Un premio para un equipo que foi crecendo durante toda a tempada e que culmina con este título a súa boa campaña.

3ª Copa do Sar: Boiro, campión total
A Copa do Sar xa tiña finalista dende hai semanas: o Boiro impúxose ao Touro na gran final celebrada en maio, nun partido onde as boirenses mostraron o seu oficio para levarse un título moi especial na comarca. O equipo boirense pon fin a unha gran tempada na que acadaron o segundo posto en liga e o ascenso a Terceira RFEF.

II Copa de Ferrol: O Val ergue a copa fronte ao Perlío
Na final da Copa de Ferrol, o Val conseguiu impoñerse ao Perlío por 5 goles a 0. As xogadoras do Val souberon aproveitar as súas ocasións e xestionar os tempos dun encontro no que dominaron de principio a fin. Así e todo, gran torneo do equipo de Fene cun merecido segundo posto.
Copa Deputación de Ourense: Rosalía, campioas desde os once metros
O Rosalía proclamouse campión da Copa de Ourense nunha final moi igualada ante o Arenteiro, que tivo que decidirse na quenda de penaltis. A emoción estivo servida ata o final, e foi o Rosalía quen acabou levantando o trofeo despois dun encontro de forza, coraxe e tensión máxima.

III Copa da Coruña: unha final de altura en Riazor
A final da Copa coruñesa será o martes 10 de xuño e promete espectáculo: enfrontaranse o Victoria CF e o Pastoriza nunha final de alto nivel que se disputará no gran Estadio de Riazor. Un escenario único para celebrar a festa do fútbol feminino na provincia, cun choque entre dous equipos que tiveron un gran rendemento esta tempada.

V Copa da Costa: o Dumbría e o Muxía deciden este domingo
A Copa da Costa feminina terá a súa final este domingo 9 ás 17:00h en Cee, onde se enfrontarán o Dumbría e o Muxía, dous equipos xa coñecidos pola súa rivalidade deportiva. O encontro promete ser un auténtico clásico comarcal con moita emoción nas bancadas e no campo.

XLI Copa de Lugo: chegando á recta final
A Copa lucense aínda non ten final definida. O Antas xa conseguiu o seu billete para a final, e está á espera do gañador da outra semifinal que se xogará este domingo entre o San Lázaro e o Lugo B. A final, polo tanto, quedará conformada tras ese último paso.
