Botabades de menos a sección? Non hai problema, porque os Diferenciais están de volta en FutbolinGalicia. Rematada a Primeira Futgal, os afeccionados ao fútbol rexional encamiñamos a nosa ollada cara ás Copas que se están a disputar por todo o ancho do país. Moitas delas puxeron o seu punto e final nesta pasada fin de semana e, polo tanto, aquí vai o repaso máis agardado desas competicións.
Solidez nas rías altas
Xogarse unha final ao todo ou nada é unha aposta arriscada, e por iso o San Tirso e O Val optaron por pechar filas en torno á súa defensa. Ao final, se non encaixas tes moitas opcións para alzarte coa copa…
Os de Mabegondo derrotaron pola mínima ao Paiosaco (1-0) e logran facerse coa súa segunda Copa da Coruña nos últimos tres anos. Ningún dos dous equipos deu o seu brazo a torcer, dispostos a dalo todo desde os primeiros compases do xogo. E así foi, pois os afeccionados que se achegaron ata Riazor presenciaron un encontro verdadeiramente parello, con ocasións por parte dos dous contrincantes. Así e todo, o marcador non se moveu hasta o inicio da segunda parte, cando Denís asinou o primeiro e único tanto da tarde. Quen se non? O killer de Caión non fallou á súa cita co gol e, nesta ocasión, declinou a balanza para os seus.
A pesar de non realizar unha boa campaña na Preferente Futgal, o Cultural Maniños e O Val presentáronse nas Pedreiras coa intención de rematar ben o curso: alzándose coa Copa Ferrol. Un premio que se levaron os naroneses, ao vencer por cero goles a dous ao equipo dirixido por Amador Martínez. Os da franxa vermella atopáronse cunha pena máxima cando se cumpría a primeira media hora do enfrontamento e non erraron a súa conversión. Tombado sobre a lona, o Maniños foi incapaz de recuperarse do golpe e volveu esnafrarse contra o chan co segundo tanto dos seus rivais, obra de Rafa Couce. A pesar de xogar como lateral, o defensor non tivo problema en amosar a súa mellor versión en ataque, conducindo a O Val a unha Copa Ferrol que se lle resistiu na anterior edición.
Revalidar ou inaugurar o estante
Dá igual se gañas a Copa por vez primeira ou se revalidas o título, porque a celebración dun trofeo sempre leva tras de si unha boa festa…
Como a que viviu o Muxía despois de bater por 2 a 0 ao Malpica. O combinado de Bergantiños levaba 13 anos sen disputar a final da Copa da Costa e, como é lóxico, non deron un balón por perdido. Fronte a eles, os homes de ‘Pataca’, cuxa intención non era outra que desquitarse da final perdida o ano pasado ante o Dumbría. Alentados pola marea vermella desprazada ata o Irmandiño, os xogadores do Muxía foron os primeiros en golpear e, acto seguido, volveron ver porta nunha boa cacholada de Mauro Romaní. Esta dobre xerra de auga fría callou na escuadra azul, incapaz de repoñerse deses dous ataques. Deste xeito, a escuadra de Arliña quitou a espiña da anterior edición levándose a copa á vila da Virxe da Barca.


Por outra banda, e xa en terras picheleiras, o Negreira revalidou o seu triunfo na Copa do Sar, desta vez fronte ao Arzúa. Non lles foi nada doado, pois o ‘Queixo Mecánico’ saíu enchufadísimo ao terreo de xogo, tomando a iniciativa aos dez minutos. A reacción dos pupilos de Adrián Vázquez non se fixo agardar e deron igualado o encontro antes de chegar ao tempo de lecer. Mais, á volta dos vestiarios, os branquiazuis volveron poñerse por diante estragando todo o esforzo realizado por parte do equipo do García Calvo. Foi entón cando apareceu en escena Gonzalo, quen puxo primeiramente o 2-2 no electrónico. Non contento con iso, volveu á carga e no tempo de prolongación puxo a sentenza para clasificar ao Negreira á Supercopa de Galicia por segundo ano consecutivo.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.


















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































