Remataron as ligas si, pero iso non significa que o fútbol vaia parar neste caloroso mes de xuño, eh! Esta fin de semana, o bo tempo e a emoción propia dos play-off deixaron varias instantáneas a ter en conta no fútbol galego. Por iso as imos recoller aquí, nesta pequena crónica onde repasaremos as actuacións máis destacadas deses xogadores capaces de poñer en pé aos seus afeccionados: os Diferenciais.
Que pasou na Preferente Futgal?
Mellor dito, que non pasou nos play-off de ascenso a Terceira Federación? Porque houbo goles, emocións e, sobre todo, algunha sorpresa…
A Moreira celebrou por todo o alto a vitoria do seu Antela ante o Betanzos por tres goles a cero. 48 anos despois, os de branco e negro volvían á pelexa por acceder á máxima categoría autonómica. E as cousas non puideron ir mellor. Se ben o inicio estivo moi igualado, os homes de Bruno Gómez meteron unha marcha máis antes do descanso. Boa parte de culpa tivo Charly, quen puxo o 2-0 no electrónico no engadido da primeira metade mandando á lona aos betanceiros. A partir de entón, o conxunto limián xestionou o control e o ritmo de xogo ata poñer a sentenza cun terceiro e definitivo tanto, o que lles permite ir ao García Hermanos cunha boa vantaxe.

Ao San Tirso tampouco lle foi mal nesta fin de semana, pois venceron por un claro 2 a 0 ao Atios. Nada máis comezar o duelo, Rafa Mella abriu a lata cun fantástico remate de cabeza. Logo de pasar as últimas dúas campañas e media en terras levantinas, o interior coruñés recalou nas filas do Monte nesta recta final do campionato. Pero os do Porriño non lle perderon a cara ao partido e souberon refacerse, petando preto da meta verde. A escuadra local mantivo o tipo e aproveitou unha ocasión nos minutos finais para aumentar a súa contía. Agora tócalle defender este resultado no Carballo, un campo onde facerse coa vitoria non é nada doado.
Que pasou na Primeira Futgal?
Os aspirantes a ascender a Preferente Futgal protagonizaron encontros axustadísimos, onde os seareiros deberon botar man ao corazón en máis dalgunha ocasión!
Custoulle, pero o Marín superou pola mínima a un Sporting Carballiño moi combativo (1-2). Os espectadores que se achegaron ata a Uceira non presenciaron ningunha diana ata ben entrado o segundo tempo, cando os do Morrazo inauguraron o electrónico. Lonxe de tirar a toalla, os pupilos de Aitor Neira non deixaron de buscar a igualada. Pero Aram Pazos tiña plans distintos para eles, porque o central vigués ampliou a renda dos seus cando se cumpría o tempo regulamentario. Procedente do Boiro, Aram enmarcouse na aventura do Marín antes de colgar as botas. Iso si, o seu gol foi contrarrestado inmediatamente polos branquiazuis, reducindo a diferenza a un único tanto e deixando todo aberto para a volta.

Primeira vez nos play-off de ascenso a Preferente Futgal e primeiro triunfo para o Calo despois de impoñerse por un gol a cero ao Monterroso. Apertado como poucos, o duelo foi unha auténtica batalla resolta en favor dos de Teo. Mediado o primeiro tempo, Mella aproveitou unha pena máxima –non exenta de polémica –para adiantar aos seus e poñer en pé a toda a bancada de Rebordelo.
Ribadeo e Gondomar firmaron táboas ao empatar a 1 nun encontro onde os mariñáns mereceron un premio maior. De feito, os celestes dispuxeron de varios disparos para facer o primeiro da tarde, aínda que a sorte foilles esquiva. Iso si, nada máis saír dos vestiarios, Simón conseguiu rematar unha xogada a balón parado e enviou o balón ao fondo das redes do cadro do Val Miñor. O xúbilo no Pepe Barrera foi tan grande como efémero pois, acto seguido, o Gondomar devolveu o golpe para regresar ao seu feudo cun valioso empate.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































