A estas alturas da temporada, os equipos comezan a estar cansos, mais non é tempo de caer na relaxación! Só lles restan 180 minutos para a gloria, polo que deben continuar a esforzarse e dalo todo en cada encontro. Iso si, os afeccionados ao fútbol galego están de sorte porque van a desfrutar das finais dos play-off de ascenso ás categorías autonómicas! Pero primeiro, collede flocos de millo e gozade deste repaso ás actuacións máis Diferenciais da volta das semifinais.
Que pasou na Segunda Futgal ao norte da comunidade?
Nestas eliminatorias deuse unha casualidade bastante remota, pois aínda queda un equipo de cada unha das delegacións coa posibilidade de subir de categoría.
Alegría na Fontenla, onde se celebrou por todo o alto a vitoria do Xallas fronte o Suevos (2-1). Os pupilos de Bruno Prego, ‘Doriño’, saíron enchufadísimos ao terreo de xogo e conseguiron abrir a lata nunha boa acción de Rubén Sande. Non contento con iso, o atacante xalleiro volveu ver porta nada máis volver da caseta, ampliando a renda para os locais. A segunda diana verde tombou á entidade arteixá e esta non soubo repoñerse ata o treito final, cando por fin reduciron a diferenza. Con todo, xa era demasiado tarde para a remonta e o cadro de Santa Comba certificou así o seu pase á seguinte rolda.
Por outra banda, o Xuventude Dorneda venceu por un gol a tres ao Guitiriz nunha tarde para esquecer para a bancada do Suso Cruz. Aos de Oleiros non lle custou facerse co control do balón e, froito dese dominio, chegou o primeiro tanto nas botas de Javi Calvo. O lateral esquerdo incorporouse ao ataque e lanzou un centro xut que acabou no fondo das redes chairegas. A pesar de facer o segundo antes do descanso, os seus contrincantes non baixaron os brazos e conseguiron meterlle o medo no corpo ao Dorneda. Pero o paso dos minutos xogou a favor destes e, cos de José Manuel Lorenzo completamente envorcados arriba, sentenciaron o duelo coa terceira diana.
Os últimos minutos poden dar a vida ou quitala e, no caso do Agrón-Barcala, poden dar boa fe do primeiro. E é que a escuadra de Ames impúxose por 4 a 1 ao Narahío, grazas en parte ao seu fantástico final. Sen goles nos primeiros compases de xogo, o choque semellaba dar continuidade á igualdade reflectida na semana anterior. Pero os de amarelo e negro tiñan en mente outros plans e subiron unha marcha máis para poñerse cun 2-0 favorable aos seus intereses. Unha alegría efémera, xa que os de San Sadurniño achegáronse no electrónico nos seguintes quince minutos. O Cepelo seguiu a animar aos seus e estes responderon nunha boa acción culminada por Zarco, quen se encargou de selar o triunfo e acabar coas esperanzas do Narahío.
Que pasou na Segunda Futgal ao sur da comunidade?
Cos equipos ourensáns fóra da loita final, todo queda reducido aos catro aspirantes procedentes da provincia de Pontevedra.

Ao Colexio Hogar non lle tremeu o pulso e deixou na cuneta ao Pabellón Ourense ao gañarlle por catro goles a dous. Iso si, os primeiros en golpear foron os da franxa verde mediada a primeira parte. A reacción olívica non se fixo agardar e Ricardo reequilibrou a balanza coa súa décimo sétima anotación nesta temporada, na que está a asinar os seus mellores rexistros de cara a porta. A partir de entón, o guión do enfrontamento mudou completamente e o Colexio Hogar asestou dous golpes máis para poñer terra de por medio. Lonxe de tirar a toalla, os de Toño Sanmartín buscaron a igualada e mesmo chegaron a poñerse tan só un gol por debaixo, pero non foi suficiente para reverter a eliminatoria.
Quen o tivo ben máis doado foi o Soutomaior, logo de superar con claridade ao Gondomar Fútbol Base (3-0). O combinado do Graciano Padín xa partía con vantaxe da ida, pero é que na volta comportouse como unha auténtica apisoadora. Boa parte de culpa tivo o seu centrocampista, Sergio Rebanal, quen asinou un dobrete para encarrilar a vitoria dos azulóns. Por se non fose suficiente, volveron a carga e conseguiron anotar por terceira vez, poñendo terra de por medio e levándose a eliminatoria cun 5 a 1 no marcador global. Agora deberán loitar contra o Romay por unha praza na Primeira Futgal.

Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































