# Hashtag

Nin a chuvia nin a ponte paran aos Diferenciais (P. II)

A xente chegou ao primeiro fin de semana de maio con gañas de aproveitar a ponte, pero a chuvia botouno todo a perder. Moitas mini-vacacións foron canceladas, aínda que non hai mal que por ben non veña! Os afeccionados máis fieis tiveron a súa dose do deporte rei, tanto nas categorías máis profesionais como no fútbol rexional. Precisamente, a Primeira Futgal –e os seus xogadores máis Diferenciais –protagonizaron un bo espectáculo para comezar o mes.

Cando a casa é un fortín

Sexa para acadar un ascenso ou sexa para asegurar a salvación, cando un equipo ourensán compite no seu propio feudo é máis difícil derrotalo.

Parada celebra o tanto que lle deu o ascenso ao Verín. FOTO: VERÍN CF

Non hai nada mellor que ascender, pero se aínda por riba se logra esta meta vencendo por 1 a 0 ao teu rival no derbi, é comprensible que o Verín aínda estea hoxe de festa. Os homes de Vítor Pereira bateron ao Monterrei pola mínima e volven a Preferente Futgal un ano despois de perder a categoría. Logo dun inicio apertado e con opcións para ambos equipos, Parada adiantou aos do José Arjiz. O seu foi o único tanto dun partido onde o gran ambiente vivido nas bancadas e a festa posterior esqueceron o espectáculo futbolístico.



Hugo celebra a fazaña do ascenso con varios xogadores da base do Verín. FOTO: VERÍN CF

Malia o descenso, o Antela B non vai deixar de dar guerra, tal e como probou esta fin de semana ao vencer por dous goles a cero á Peroxa. Así e todo, o inicio non foi doado, pois os xogadores adestrados por Josiño plantáronlle cara ata o bordo do descanso, cando chegou o primeiro da tarde para o filial limián. O guión non cambiou na segunda parte, ata que Joni puxo terra de por medio ao anotar o segundo tanto. Trátase da novena diana para o gran capitán dos de branco e negro, cuxo talento non decae co paso dos anos.

Quen si colle aire na loita pola salvación é o Allariz, logo de deixar na cuneta ao Loñoá (1-0). Ningún dos dous conxuntos renunciou aos tres puntos e protagonizaron, en conxunto, unha verdadeira batalla por facerse co triunfo. Xa no treito final e coa sensación de o choque ía rematar nun empate, Reki conseguiu adiantar aos alaricanos. O extremo é unha peza chave na ofensiva do Cid Carriega e, desta vez, deulle o +3 aos seus ademais de sacalos do descenso.

Sube e baixa

No grupo pontevedrés xamais valeron tanto os tres puntos, pois sumalos ou non neste treito final pode condicionar todo o esforzo realizado desde agosto do ano pasado…



Cinco xornadas despois, o Amanecer volve á senda da vitoria fronte ao Campo Lameiro (3-1). A Ochoa bastáronlle sete minutos para abrir a lata, poñendo por diante aos seus ao pouco de ter comezado o encontro. Logo dun ano no Portonovo, o mediocentro volveu a Lampáns para axudarlle aos seus a consolidarse na Primeira Futgal. O gol tombou por completo ao cadro dos petróglifos, que aínda encaixou outras dúas veces máis, tanto na primeira como na segunda metade. Co 3-0 en contra tan só puideron anotar o gol da honra, volvendo de baleira á súa casa.

A sorpresa da xornada tivo lugar en Callobre, onde o Sport Team Estrada tocou a campá ao derrotar por dous goles a un ao Ribadumia. Só pasara un cuarto de hora cando o cadro amarelo e negro asinou o primeiro da tarde, contrarrestado polos de Tabeirós ao volver dos vestiarios. A partir de entón, o choque entrou nunha fase de ida e volta e puido caer para calquera dos dous lados. Mais, cando tes a un xogador como Juanín nas túas filas, é máis doado que o faga do teu bando. O extremo de Vedra está a ser un dos xogadores máis diferenciais deste grupo 5, tal e como proban as súas 24 dianas.

Ese tropezo do Ribadumia aproveitouno o Marín para converterse no novo líder da categoría ao endosarlle un claro 4 a 0 ao Abanqueiro. A resistencia do filial boirense durou media hora, ata que Javi Pazos conseguiu furar as súas redes. Non mudou o guión nos seguintes corenta e cinco minutos e os xogadores morracenses subiron, incluso, as súas prestacións. Foi entón cando Javi Pazos volveu á carga para pórlle o peche ao duelo con outras dúas anotacións. Unha vez máis, o atacante marinense resultou fundamental para que o +3 quedara en San Pedro.



De abaixo cara a arriba

Non é como se comeza, senón como se acaba. Ese podería ser o mantra de varios conxuntos do grupo 6, cuxa traxectoria non fixo máis que mellorar nesta segunda volta.

Novena vitoria consecutiva para o Xuvenil de Ponteareas, que goleou por 0 a 5 ao Caselas. A pesar do resultado, os primeiros intres do duelo estiveron marcados pola igualdade entre dous combinados movidos por diferentes obxectivos. Todo mudou antes do tempo de lecer, cando Cándido abriu a lata para os albivermellos. O ex do Mondariz non quedou contento con iso e volveu ver porta dúas veces máis, desesperando por completo aos xogadores de Antonio Pérez. Con este +3, os ponteareáns sitúanse en cabeza ao aproveitar o tropezo do Atlántida de Matamá.

Ao Domaio tampouco lle custou sacar moito o seu compromiso desta ponte xa que superou por tres goles a un ao Chaín. Boa parte do mérito correspóndelle a un Jonás pletórico e en estado de graza. O dianteiro vigués foi o encargado de anotar o primeiro de tarde e puxo en pé á Granxa cando, minutos máis tarde, sacou outros dous tantos do sombreiro: un hat trick en apenas un cuarto de hora! Unha vez por diante, os de Miguel del Ojo non tiveron problema en xestionar o ritmo de xogo para levarse ao peto tres magníficos puntos ante un rival nada doado.

Por outra banda, o Racing de Castrelos desfíxose do Progresista (3-1). O gran inicio dos olívicos quedou reflectido nas botas de Lucas, quen abriu a lata nos primeiros compases do partido. Xa na segunda metade, volveu facer acto de presenza e sumou outra diana á súa conta particular, deixando as cousas baixo control olívico. Nin o paso dos minutos activou ao Progresista, que non pasou a súa mellor tarde no Monte da Mina, pois só foi capaz de maquillar o electrónico na fase final.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.



Nin a chuvia nin a ponte paran aos Diferenciais (P. II)

Nin a chuvia nin a ponte paran

Nin a chuvia nin a ponte paran aos Diferenciais (P. II)

Nin a chuvia nin a ponte paran