Nuria Sánchez (Victoria CF): «Non é só un ascenso, é o reflexo dun camiño longo e duro»
O Victoria CF deu o primeiro paso cara ao ascenso a Segunda RFEF tras vencer ao Real Zaragoza na ida da eliminatoria, cun 1-2 a domicilio. Este triunfo das coruñesas chegou grazas aos goles de Nuria Sánchez e Carla Riomao ‘Río’, ambos a balón parado.
O equipo afronta este domingo o partido de volta, ás 11.30 horas, no campo Víctor Fernández Alonso, o Leyma, onde se decidirá o futuro da tempada.
Antes dese encontro decisivo, falamos con Nuria Sánchez, unha das protagonistas do encontro de ida, para coñecer como está vivindo o equipo este momento clave.
FutbolinGalicia (FIG): Que valoración fas do partido en Zaragoza?
Nuria Sánchez (NS): «Dende o principio sabíamos que ía ser un partido moi difícil, pero tiñamos ese extra de motivación que supón un partido así. Creo que ata agora foi o mellor partido da tempada. Cada unha deu o seu 100% e, froito diso, conseguimos un bo resultado para a casa. Foi unha pena o último gol encaixado, pero estamos moi contentas co partido e saímos con boas sensacións».
FIG: Como viviches ti persoalmente o encontro e a viaxe ata alí?

NS: Foi unha viaxe longa, con moitos nervios e ganas de que chegase o partido. Como futbolista, creo que estes son os partidos que nos gusta xogar. Persoalmente, estaba moi motivada.
FIG: Que significou para ti marcar un gol tan importante?
NS: Marcar un gol sempre é un momento incrible, unha sensación inexplicable e un orgullo. E, sabendo o que nos xogábamos, a verdade é que se multiplica a emoción.

FIG: Como te esperas o partido deste domingo?
NS: O resultado da ida, co gol no último minuto delas, fai que seguramente veñan moi motivadas e apretando moito dende o inicio para marcar o antes posible. Pola nosa parte, xogamos na casa, rodeadas da afición, e imos dalo todo. Vai ser un partido moi intenso e igualado.
«É o meu quinto ano no club e creo que está sendo o mellor»
FIG: O ascenso do Victoria CF era un obxectivo dende o inicio ou algo que fostedes vendo posible co paso dos partidos?
NS: Dende o principio era unha meta. Sabíamos que ía ser moi difícil. Temos un plantel moi novo e xente que non pisara nunca a categoría. Nunha liga tan corta, con poucos equipos e tantos paróns, os erros páganse. Tivemos ese punto de sorte ao poder xogar a fase de ascenso quedando segundas, pero creo que tamén o merecemos .
FIG: Como estas vivindo ti a nivel persoal esta temporada?

NS: É o meu quinto ano no club e creo que, tanto a nivel persoal como futbolístico, está sendo o mellor. Temos un grupo marabilloso, hai un ambiente incrible e confío moito en cada unha das miñas compañeiras e corpo técnico.
FIG: Que significaría para ti conseguir o ascenso?
NS: Conseguir este ascenso para min é todo. É o resultado de anos de traballo, constancia, de non rendirse e de levantarse cando as cousas non saían ben. Vivín momentos duros. Tempadas nas que quedamos as portas ou salvándonos nas últimas xornadas, pero iso tamén nos fixo máis fortes. Non é só un ascenso, é o reflexo dun camiño longo e duro no que participaron moitas outras xogadoras e moita xente apoiándonos. Creo que non hai equipo co mereza máis.




































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































