# Hashtag

Ascenso directo e play-off por decidir, Viveiro salvado, descenso do Cambados e o Silva terá que esperar

A trixésimo terceira xornada da Terceira RFEF estivo chea de tensión por mor da gran cantidade de situacións en xogo: ascenso directo, dous postos de play-off, descenso… Repasa con FutbolinGalicia o acontecido nesta primeira fin de semana de maio!

O Viveiro seguirá unha tempada máis en Terceira RFEF

Os da Mariña lucense consiguen a permanencia tras remontar ao Alondras (1-2) no último cuarto de hora. Os afeccionados dos locais viron como o seu equipo adiantábase grazas a un tanto de Adrián Cruz á media hora de xogo. Arturo Calvo empatou de penalti no 76´ e José Manuel Martín otorgou a salvación aos de Alberto López no 87´. Un curso complicado para os de Cantarrana, que en varios partidos da competición contaban con unicamente 13-14 xogadores dispoñibles por mor das lesións. O premio a un gran e continuo esforzo é grande: seguir unha tempada máis no quinto chanzo do fútbol estatal.

O descenso da Sarriana fai que o Silva teña que esperar para obter unha posible permanencia

A Sarriana non puido lograr a salvación na Segunda RFEF, polo que o décimo quinto clasificado da Terceira RFEF, o Silva, será equipo de Preferente agás que un dos galegos que xoguen play-off obteñan o ascenso á categoría que deixan os da Ribela.



A pesar de vencer por un contundente 5-2 ao xa descendido Noia, o Silva terá que esperar varias semanas para saber en que categoría competirá no vindeiro curso futbolístico. Para os da Grela anotaron Rodrigo Parafita, por partido dobrete, Álvaro Rey, Iago Pérez e Manuel Máquez. Os goleadores do Noia foron Marcos Piñeiro e Mario Regueiro.

O Arosa parte con vantaxe na loita polo ascenso directo, o play-off pelexarase ata o final e o Cambados perde a categoría

Arosa e Compos, que reciben a Céltiga e visitan a Viveiro respectivamente, xogaranse o ascenso a Segunda RFEF na derradeira xornada. Os da Lomba parten con dous puntos de vantaxe (67/65) e co aliciente de acabar a competición diante da súa afección.

Neste primeiro fin de semana de maio ambos conxuntos fixeron os deberes e saíron vitoriosos dos seus encontros. Os goles de Carlos López e Parapar deron os tres puntos ao Compos diante dun Estradense no que anotou Edu Taboada. Os da Estrada son cuartos con 50 puntos e terán que pelexar ata o último momento para xogar un play-off que está carísimo. O Somozas, quinto, e o Boiro, tamén teñen 50 puntos. Con 49 atópase o RC Vilalbés e con 48 Lugo B e Gran Peña. Avecíñase un próximo domingo de transistores e moitos nervios. Puro fútbol de final de tempada!



Pola súa parte o Arosa impúxose ao Cambados por 0-2, asegurando unha semana máis o liderado e certificando o descenso a Preferente do conxunto de Burgáns.

O filial do CD Lugo goleou ao Barbadás (5-1) no Anxo Carro. Dobrete de Ibe e tantos de Víctor Pascual, Sergio Dacal e Fran Blas para os alvibermellos. O gol da honra nos visitantes foi obra de Manuel Cougil.

O RC Vilalbés perdeu a súa condición de equipo de play-off este domingo tras caer por 4-1 en Barreiro ante o Gran Peña. Gastón Cellerino, Alejandro Coira e Fran López, cun dobrete, outorgan unha remota posibilidade de chegar aos postos de fase de ascenso na derradeira xornada. Borja Míguez puxo o definitivo 4-1.



O triunfo do Boiro por 3-1 ante o Atlético Coruña Montañeros posibilita que os de Barraña dependen de sí mesmos, a pesar de durmir hoxe na sexta posición, o próximo domingo para ser equipo de play-off. Gonzalo Landeira, Adrián Castro e Juanma Blanco anotaron para os locais, contrarrestando o tanto de Adrián Castro para o Montañeros.

O Barco non poderá loitar polos postos nobres a vindeira fin de semana tras ser derrotado en Calabagueiros (1-2) por un Somozas que recibirá ao antes mencionado Boiro no Manuel Candocia en sete días. Quinto contra sexto por un posto para ter a opción de prolongar a tempada e conseguir subir de categoría. Case nada!

O que ten asegurado o play-off é o Arteixo, que conseguiu a súa segunda vitoria consecutiva tras vencer por 2-3 ao Céltiga con goles de Adri Otero, Brais Pérez e David Rojo, este último no minuto 89´. Para os da Illa de Arousa anotou un dobrete Adrián Rodríguez, o primeiro dende a pena máxima.

A última xornada da Terceira RFEF 2025/2026

O domingo 10 remata a fase regular da Terceira RFEF 25/26, cos seguintes partidos:

  • Barbadás – Alondras
  • RC Vilalbés – CD Lugo B
  • Noia – Gran Peña
  • Arteixo – Silva
  • Arosa – Céltiga
  • Montañeros – Cambados
  • Somozas – Boiro
  • Estradense – Barco
  • Viveiro – Compostela

Foto portada: celebración do 1-2 que otorga a permanencia ao Viveiro – Conta de X do Viveiro