# Hashtag

Os Vintage: Yago González López

En FutbolinGalicia non nos esquecemos de tódolos xogadores, técnicos ou siareiros que pasaron hai anos polas nosas categorías sénior. Sen a súa gran contribución non poderiamos gozar na actualidade dunha gran saúde en categorías tan especiais coma a Terceira RFEF, a Preferente Futgal ou a Primeira Futgal. «Os Vintage» é a súa sección. A de todos aqueles que aportaron un gran de area para que o fútbol galego sexa, sen dúbida, do mellorciño do fútbol estatal. Nesta entrega falamos con Yago González López, lenda do noso fútbol que militou en clubs históricos galegos como Lugo, Pontevedra ou Celta. Acabou a súa carreira no Pontellas. Conta tamén con experiencias fóra da comunidade galega e inclusive en Hong Kong. Actualmente forma parte do corpo técnico do sénior masculino do Gondomar, que xogará o play-off de ascenso a Preferente nas vindeiras semanas.

FutbolinGalicia (en adiante FIG): De que equipos formaches parte coma xogador?

Yago González López (en adiante YGL): «Celta, en tódalas categorías ata o filial, Levante, Águilas, Lugo, Pontevedra, Zamora, Terrassa, Kitchee, Souther District, Rangers (estes tres últimos equipos en Hong Kong) e Pontellas.»



FIG: Moitos anos na estrutura do Celta, chegando a xogar no seu filial. Que significa esta etapa e este club para ti?

YGL: «Para min o Celta significa todo. É o equipo que me formou, no que me fixen futbolista. Entrei moi xove na súa canteira, cando era alevín. Pasei por tódalas categorías ata chegar ao filial. Adestrei tamén co primeiro equipo mais ao final non debutei. Foi unha etapa moi bonita. Teño amigos desa época cos que aínda estou en contacto.»

«O Celta formoume tamén como persoa e fíxome querer e poder vivir do fútbol. Estoulle eternamente agradecido. Son afeccionado do club. É o equipo da miña cidade e téñolle un respecto enorme. Desexo que sempre lle vaia o mellor posible ao meu equipo.»



FIG: Tes experiencias en clubs galegos históricos como o Lugo e o Pontevedra. Que recordos gardas deles?

YGL: «No Pontevedra tiven dúas etapas. Na primeira era aquel Pontevedra de Charles, Yuri, Igor, Gato, etc. Ese primeiro ano non foi fácil xa que non xoguei demasiado e sufrín varias lesións. Cheguei operado de pubis e na pretempada, cando comezaba a atoparme mellor, rompín o adutor. Cando conseguín encadear catro partidos seguidos, un choque cun porteiro rival produciume un neumotórax. Foi complicado. Esa tempada conseguimos chegar ao play-off mais non puidemos lograr o ascenso a Segunda División.»

«Ao ano seguinte saín para o Zamora e regresei a Galicia firmando polo Lugo, sendo un ano marabilloso. Era o Lugo de Escalona, Quique Setién, Gorka Azkorra, Manu ou Pita. Era un equipazo co que quedamos campións de Segunda B. No play-off tocounos o Murcia, ascendendo eles. Na repesca gañamos a eliminatoria ao Alavés e finalmente privounos do ascenso o Alcoyano. Foi unha época fantástica. A cidade de Lugo é incrible e tanto eu coma a miña familia estivemos moi cómodos.»



«Regresei ao Pontevedra, que viña de descender de Segunda B a Terceira, ao rematar esa tempada co Lugo. Era o retorno a casa. Decidín volver e botar unha man para intentar ascendelo de novo. Compartín vestiario con Manu Barreiro, que xa o tivera de compañeiro en Zamora. Tamén coincidín con David Pérez, que o tivera de compañeiro no Celta B. Tiñamos moi bo equipo, estando arriba durante a primeira parte do ano. Recordo esta campaña con moito agarimo. Estaban saíndo ben as cousas, collendo unha boa xeira de partidos seguidos xogando e facendo goles. Este foi o ano no que me chega a oferta de Hong Kong e en decembro arreglo co club, que me deixa saír a vivir a experiencia asiática.»

FIG: Militaches en varios equipos fóra de Galicia pero dentro de España. A que foi debido esta saída da comunidade?

YGL: «Porque levaba toda a vida no Celta. O ano do filial toquei bastante o primeiro equipo, adestrando con eles. Mais nunca cheguei a debutar nese Celta de Mostovoi, Mazinho ou Míchel Salgado que clasificou para Champions.»

«O motivo da saída do Celta foi que estaba tocando o primeiro equipo e xogando todo no filial, mais non había as oportunidades que hai agora. No primeiro equipo había nomes importantísimos e en ningún caso o Celta sentouse comigo para intentar reterme e decidín ir ao Levante.»

«No Celta B, en Terceira, fixemos unha gran tempada e xogamos o play-off de ascenso a Segunda B, sen conseguir o salto de categoría. Chegoume unha oferta de tres anos do Levante, cun proxecto moi bonito e facendo pretempada co primeiro equipo. Decidín apostar por saír e vivir unha experiencia fóra da casa. Fun acumulando minutos e experiencia. Foron saíndo oportunidades noutras comunidades. En Valencia estiven sete anos, tras dúas renovacións. Despois pasei dúas tempadas no Terrassa. Regresei a Galicia ao Pontevedra e logo saín a Zamora, Lugo e Pontevedra de novo.»



FIG: Tres tempadas en Hong Kong. Por que este destino tan exótico?

YGL: «A opción de Hong Kong veu case dando os últimos coletazos no fútbol. Foi o ano en Terceira co Pontevedra, co equipo metido arriba e eu facendo goles. Chegou a oferta a través do adestrador de Kitchee, Josep Gombau, que fora director da escola do Barcelona cando eu estaba no Terrassa. Ofrecéronme a oportunidade de ir para alí. Coa familia sempre tiveramos esa espiga de non ter xogado no estranxeiro e decidimos coller a oportunidade. Saíu moi ben. Os primeiros seis meses estiven acompañado por meu irmán. Renovei un ano máis e despois outro e outro e, ao final, foron alí tres anos e medio.»

FIG: É un fútbol moi distinto ao noso??

YGL: «O fútbol é futbol; máis ritmo, menos ritmo, máis rápido ou máis lento, mais non deixa de ser fútbol. É certo que non hai tanto nivel como pode haber en España. Mais alí hai xente que o fai moi ben, hai nivel. Tamén é verdade que cando cheguei eu non había tanto nivel como hai agora. Están dando un salto importante. A diferenza máis importante é que hai moita humedade, calor e o ritmo non é tan alto coma en España. Compararía a primeira división de Hong Kong cunha Primeira RFEF alta ou Segunda División baixa.»

FIG: Acabaches a túa carreira tras oito tempadas no Pontellas. Como definirías esta etapa?

YGL: «Volvín de Hong Kong cunha maleta para o verán xa que tiña pensado voltar para alí. Estaba a negociar con tres clubs da zona de cara a tempada seguinte. Nese verán foi a baixada da bolsa chinesa e un montón de inversores deixaron de invertir no fútbol de Hong Kong. Esa maleta de vacacións converteuse na volta definitiva. Estando de vacacións xa en España si que é certo que o Pontellas púxose en contacto comigo e quedara o tema en stand-by. Tiven unha oferta de Malta, a onde fun coa miña muller a botar unha visual e ao non rematar de gustarnos, voltamos.»

«O Pontellas volveu a entrar en contacto comigo e propúxome ir para alá a botarlles unha man. Cando cheguei o club estaba en Primeira Rexional e viña de descender dende Terceira, atravesando un momento complicado. Foron anos moi bos alí, no primeiro ascendemos a Preferente e os dous anos seguintes estivemos a piques de subir a Terceira División. Na cuarta tempada logramos o ascenso. Clasificamos tamén para a previa da Copa do Rei. Teño grandes recordos de Pontellas.»

«A bágoa que me queda é que nas últimas dúas tempadas comezaron a ter problemas económicos. O último ano foron problemas graves e aínda se adeudan cartos ao cadro de xogadores e ao adestrador. Demos a cara ata o final sen plantarnos en ningún momento e pechamos o ano competindo ata o último instante. Quédame por tanto un sabor un tanto agridoce, mais non poido xuzgar unicamente por esa tempada todos os recordos que teño dos oito anos alí.»

FIG: Cres que as nosas categorías van perdendo ou gañando nivel co paso dos anos e as reestruturacións que fai a federación? Aprecias algunha diferenza significativa entre o fútbol actual e o de hai 15-20 anos?

YGL: «É imposible manter sempre o nivel e máis se van engadindo categorías. As reestruturacións non me gustan demasiado. Creo que estaba mellor antes con Primeira, Segunda, Segunda B e Terceira. Creando agora a Primeira RFEF, a Segunda RFEF vén sendo como a Terceira de antes. Cantos máis grupos hai, máis equipos e máis xogadores hai tamén. Se nunha división hai vinte equipos e vinte xogadores por equipo, o nivel será máis alto que se hai 40 equipos. Desta maneira o nivel non é tan ‘elixido’.»

«Os que estaban xogando en Segunda B, estarán agora en Primeira RFEF. Os que estaban en Terceira División, estarán agora en Segunda RFEF. Polo que a Terceira RFEF, a Preferente e demais categorías baixan o nivel. Isto é indudable. Ao final a calidade das ligas baixa, pero cada vez hai máis talento e os xogadores están mellor preparados, tendo traballo máis específico. Na miña época era un pouco o ABC do adestrador, moi plano todo. Diferenciaba máis o xogador que comía calle, xogando cos amigos no parque e amosando esa maldade e picardía.»

«Agora o fútbol é máis físico e controlado e os traballos son todos máis medidos. O futbolista está mellor preparado en tódolos sentidos e o fútbol ten máis ritmo. O nivel obviamente incrementa porque os recursos son moito maiores e quizais pérdese un pouco o talento do futbolista. Mais este tamén sae sempre a relucir, vémolo nos xogadores coma Lamine, que o levan dentro. Isto sempre estará. Haberá moitísimos xogadores máis parellos ca antes, onde había máis diferenzas.»

FIG: Continúas vencellado ao fútbol?

«Si. Hai dúas tempadas deixei de machucar o corpo. Yago González, adestrador do Valladares xuvenil en aquel momento, ofreceume a posibilidade de ir con el ao Gondomar sénior. A verdade é que non tiña pensado facer nada mais sarna con gusto non pica. Collín o equipo con el. Yago manda e eu simplemente estou para aportar algunha cousiña. Esa tempada, en Segunda Rexional, foi moi bonita. Fixemos un equipo xove co que conseguimos ascender.»

«Este ano tamén continuamos. O obxectivo era manter a categoría en Primeira Rexional e xa está conseguido. De feito a semana pasada clasificámonos matematicamente para xogar o play-off a Preferente. Estamos moi contentos. O club é fantástico, humilde e cunha masa social detrás moi importante. A directiva traballa moi ben e o club está a medrar. Este ano cambiaron o campo de herba natural por un sintético novo. Para as categorías inferiores é unha plus incrible para continuar mellorando.»

«Estamos todos encantados co cadro de xogadores do sénior. Compiten a un nivel extremo. Hai futbolistas moi aproveitables e con ‘cousiñas’. Ao equipo gústalle xogar a pelota, atacar e vai sempre a polo contrario. Dá gusto vernos xogar. Estamos a facer ruido. O play-off de ascenso comeza a semana que vén e o pobo está contaxiado e cos xogadores. Deixarémonos a vida nesta experiencia, intentando alongala de dúas a catro semanas pasando a primeira eliminatoria. A ver se podemos conseguir un ascenso, sen que fose un obxectivo. Somos un equipo ascendido no que renovaron o 80% dos xogadores e o 20% que incorporamos son xente saída de xuvenil división de honra ou no seu primeiro ou segundo ano sénior. O grupo é fantástico, o vestiario é moi san e ao final nótase no verde.

«Poñeremos toda a carne no asador para que a xente que vaia a Gondomar o domingo o pase ben e o pobo estea orgulloso do equipo que ten. A ver se podemos poñer ao club en Preferente, que creo que é a categoría que merece a directiva, o míster, o preparador físico Adri, o utillero Moncho, o preparador de porteiros Fer e todos os integrantes. Este club centenario merece, mínimo, estar en Preferente e loitaremos por isto.»

Os Vintage: Yago González López

Outra gran temporada sen recompensa para o

Os Vintage: Yago González López

O terceiro tempo. Episodio 32

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *